Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homilía de Xosé Manuel Carballo (I)

viernes, 19 de julio de 2013
Primeira homilia “dita”, a través da megafonía da orquestra, por Xosé Manuel Carballo na misa celebrada no campo da festa de Castro de Rei, con motivo das festas patronais, aos 24 días de ser operado de larinxe. Repoducímola porque algo lle pode dicir a calquera, pero, sobre todo, como exemplo de estímulo, de superación e de creatividade, utilizando as novas técnicas. En concreto un programa baixado de internet que converte o escrito en falado. Por ser un pouco longa publicámola en dúas partes:



Bos días, amigos e amigas. quen vos fala, coa benevolencia dos outros dous compañeiros, que concelebramos, son eu, Xosé Manuel. Aínda que, como vedes, esta non é a miña voz nin o meu acento de antes de operarme, nin tampouco a voz que terei no futuro, coa axuda de Deus, da técnica, e da forza de vontade que poida poñerlle.

É unha voz prestada, por un programa de internet, mágoa que teña acento máis americano ca galego, pero, aínda así sérveme como unha bastante boa ferramenta para comunicarme, grazas aos adiantos modernos e ás argalladas miñas, do meu sobriño, Rubén, e do mago Antón. Estes inventos, ben aproveitados, poden ser moi útiles.

Non pretendo dar un espectáculo aquí e agora, senón comunicar algo do que penso e sinto aproveitando estes recursos. E amosar que é unha realidade o que me dixo o comapañeiro e gran amigo Xosé Antón Miguélez, cura de Vilanova de Lourenzá, antes de operarme: “Xosé Manuel, a ti a palabra non cha van quitar. De momento quitaranche a voz, pero a palabra é moito máis ca voz”.

Tería moito, moito, que vos dicir, pero non quero enrolarme demasiado tempo. Uns dez minutos aproximadamente. Dos que xa debeu pasar un e medio. Espero non cansarvos e tamén que non me interrompades, que se non, teño que facer dobre embrague e cambiar de marcha, o que nestas circunstancias non me resulta doado.

Confiemos en que xa irá habendo tempo para enrolármonos.
Alégrome moito de que poidamos volver a estar xuntos, e de festa, anque non hai moito que deixamos de vernos. E, non obstante, teño a sensación de que é ben largo o camiño recorrido nestes últimos vinte e catro días.

Que dicirlles ós que non o soubesen aínda, e poida interesarlles, que o meu problema foi un pequeno tumor de garganta.

Ese mal nacido tumor que veu sen que ninguén o chamase, ou, se cadra, estíveno chamando eu con cada cigarriño que prendía, era canceroso. E, anque era máis pequeniño, ca un ervello resultou de mala calaña o desgraciado, pois, estábame furando a gorxa do aire, ou, en termos máis técnicos, a traquea. Se non fun antes aos especialistas, non foi por culpa do médico de cabeceira, Francisco Expósito, senón pola miña desidia ou pouca cabeza.

Sempre tiña moito que facer: enterros, cabodanos, navidades e reis magos, representacións da obra de teatro “Vaise pechar outra casa máis”, algunha charla ou conferencia,antróido do val de Francos,viacrucis de Santa Locaia, semana santa, festa dos Pepes de Vilalba, etcétera. Desde que Expósito me deu unha carta para ir ós otorrinolaringólogos, aínda tardei case dous meses en ir, e fun porque el case se cabrea comigo.

Tampouco facía caso dos consellos dos que me diciades que tiña que consultar a afonía ou rouqueira que viña arrastrando. A primeira que mo dixo foi Mariluz de Antonio da Sabina, no enterro de súa mai, Amparo, aló polo mes de outono. Tamén mo repetían a miúdo os do grupo de teatro. Que ninguén, podendo ser, siga, nesto, o meu mal exemplo, xa que, como vedes, despois hai que parar de vez. Se cadra, por non parar un pouco, igual temos que parar para sempre.

Para evitar futuras complicacións, os cirurxiáns fixeron unha limpeza a fondo. Quitaron os ganglios do pescozo e case toda a larinxe. O análise e biopsia dos ganglios deu ben. Non teño que poñer quimioterapia nin tampouco radio.

Grazas a Deus, e ós bos médicos, podo dicir que, durante un tempo, tiven, cáncer, e que xa non o teño, nin hai ningunha probabilidade de que ese que tiven se reproduza.

Se non pregoei antes da operación que estaba loitando contra un cáncer de larinxe, e se disimulei o que puiden, dicindo que cría que era un pólipo nas cordas bocais o que me producía a rouqueira non foi con ánimo de enganar a ninguén.

Foi para non preocuparvos aos que me queredes ben e que non empezasedes a lavar loito por min antes de tempo, e tamén para que non empezasen a darlle á palleta os periodistas frustrados que se dedican a contar desgrazas alleas,
aumentándoas en todo o que a súa creatividade lles permite, para que parezan aínda máis graves do que en realidade son.

Non sei se se darán conta, ou non, do mal que poden facer a familiares e amigos de quen padece algún revés na súa vida ou saúde. É una mágoa que os xornais estean tan caros, para que puidesen ter en que entreterse son andar inventando noticias penosas, xa que os medios de comunicación están lastrados delas.

Grazas polos vosos bos desexos, pola vosa comprensión e pola vosa oración. Gracias a todos e a todas os que me axudaron e me axudan.

Dunha maneira moi especial, gracias a estes dous compañeiros, Jesús e Daniel, que están cargando con un traballo multiplicado, porque eu non parei de fumar a tempo. Tamén teño que agradecer publicamente ó noso señor Bispo, don Manuel, a súa proximidade, cariño, ánimo e incluso a oferta de axuda económica para que me operasen noutro sitio se eu quería.

Capítulo á parte merece a familia, sobre todo, miña irmá, que sufriron máis ca min, e ademais teñen que aturarme a veces que me enfado porque a pesares dos esforzos non me dou expresado como quixera e inconscientemente bótolles a eles a culpa de que non me entenden. Por eso, a familia, segue sendo o primeiro. ¡Coidémola!

Estou facendo o posible e conto con seguir intentándoo para que esta experiencia pola que pasei e estou pasando, ben arroupado por amigos, me sirva para madurar un chisquiño máis como persoa cunha limitación máis e para sentirme máis cerca dos que sofren.

Acordeime moito, nestes días, de Atilano, Amparo, Olimpio, Celedonio e os demais da rodeada que nos foron deixando nestes últimos tempos afectados por esta enfermidade traizoeira que está entre as principais causas de morte, e que non tiveron tanta sorte como, de momento, tiven eu.

Teño especialmente presentes aos que están sufrindo e loitando contra o cáncer. Que non se desanimen, nin tiren a toalla podendo ser, que non se baixen do tren da vida en ningunha estación anterior á que lles corresponde. Dise que o galego (e a galega) se empeza a dicir: “morro”, acaba morrendo. Pois, pola mesma razón, se di convencido: “teño que vivir”, ten moito camiño andado para saír adiante.

Como para moitas outras enfermidades, para o cáncer xa se deberían ter atopado remedios máis eficaces. Pero moitos dos que moven os fíos do poder, seguen dedicando máis cartos, cartos dos outros, non deles, a maquinas de matar, que a buscar solucións a vellas enfermidades.

A razón é moi doada de entender,

É que para moitos gobernos, gobernantes e goberneiros son inmensamente máis rendibles as armas que as menciñas. Ademais, conforme á maneira de pensar destes individuos que están a medio camiño entre o chimpancé e o homo erectus e que non tiveron aínda a oportunidade de montaren no tren do humanismo, as guerras e a fame son dos medios máis eficaces para equilibrar a poboación mundial.

....

(Continuará)
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES