Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por fin verbas intelectuais

miércoles, 17 de julio de 2013
O pasado 2 de Xullo saíu publicado en diversos medios dixitais un manifesto firmado polos intelectuais de maior peso deste país. Son nomes indiscutibles como Federico Mayor Zaragoza, Ramonet, Luís García Montero, Almudena Grandes ou o galego Manuel Rivas. Son xente coa que se pode discrepar, mais non cuestionar a súa autoridade intelectual e moral. Por outra parte a maioría están moi lonxe do que hoxe é “ser político”, se ben algún foino outrora, o seu xeito de facer política dista moito do actual. Polo tanto, para min, son voces autorizadas, ás veces admiradas e sempre necesarias.

O contido do manifesto é a nosa realidade, caracterizada por recortes e escándalos políticos que afectan a todos os partidos, amosando unha preocupante podremia do sistema. Vivimos nun tempo de recortes democráticos que cuestionan piares básicos como a xustiza, eido no que o manifesto reclama que “la ciudadanía intervenga directamente en el gobierno de los jueces”, para que “no queden impunes quienes más culpa tienen en la generación y la prolongación de la crisis”. Neste sentido só cabe recordar o teatro da Comisión das Caixas ou o caso Urdangarín...

Fala tamén o manifesto de Europa. Non da que nos debuxan oficialmente senón da real, da que pouco lle importan os padecementos dos cidadáns gregos, lusos ou españois. Os intelectuais din “si” a Europa, sempre que sexa unha fonte de benestar para a cidadanía. Agora mesmo Europa é un xeito de que distintos políticos escriban un epílogo pracenteiro na súa carreira, sen aportar nada ao seu país e incluso procedendo en contra dos seus intereses.

Ademais de ter altura moral, os asinantes teñen unha formación interdisciplinar que lles permite dicir alto e claro que hai outras alternativas alén dos recortes e da resignación forzada da cidadanía. Parece que este país só ve como saída unha política de servidume que nunca afecta aos culpables desta situación, como amosa o feito de que nin o goberno anterior nin o presente foran capaces de tocar os privilexios dos banqueiros, nin sequera de facilitar o xulgamento daqueles que expoliaron vilmente o aforro de toda unha vida a moitos dos seus clientes.

Tamén se fala de repartir a riqueza nun momento en que outras voces pseudointelectuais claman pola privatización de bens vitais como a auga.

O manifesto acaba cun “como”, é dicir explica a forma de volver a xerar confianza no inversor para o que é imprescindible restablecer a seguridade xurídica, empezando por perseguir a especulación política que ataca o noso medio físico e fire a nosa moralidade social. É posible volver, é posible garantir os dereitos cívicos e sociais e vivir nunha democracia real sustentada en principios de “igualdad real, participación, diversidad, pluralidad y defensa de los derechos humanos”.

O obxectivo final do manifesto é xerar unha alternativa política capaz de sustentar e moderar un diálogo que culmine nun proceso de reformulación, reinvención ou reconstrución do sistema político deste país.

De todo o que se di dedúcese que o problema de fondo é que a liberdade política sen benestar social está eivada. Por iso temos que reinventarnos en valores sólidos sobre os que definir piares políticos intocables alén dos cambios de goberno. Son só 3: sanidade, educación e servizos sociais. Eles son o sustento do pluralismo, a diversidade e os dereitos humanos. Eles son o sustento dunha vida plena á que todos temos dereito (un dereito universal) e que os gobernos teñen a obriga (OBRIGA) de garantir.

Sería bo que se escoitara máis á intelectualidade que ten moito que dicir, e menos a certas plumas que teñen por único sustento o escándalo diario. Pola miña parte soño coa alternativa deste manifesto cheo de xenerosidade, valentía e nobreza que nos invita á resiliencia e a crer que é posible saír xuntos sen deixar a ninguén nos arrabaldes colectivos, que tarde ou cedo pesarán na nosa conciencia colectiva.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES