Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consuelo e Susana: unha mesma emoción emigrante.

martes, 16 de julio de 2013
Síntome moi compracido xa que a miña prezada República Arxentina está camiñando con paso firme na consolidación dun futuro de benestar para unha poboación que leva máis de medio século cunha inestabilidade política no lombo que lles estragaba a saúde. As voltas da vida. Agora, na beira sur, soben e nesta fermosa beira do norte imos para abaixo.

Hai unha herdanza en Bos Aires que poida sexa galega. Un aspecto negativo do noso carácter tamén o compartimos con milleiros de porteños. Se falamos dos partidos políticos, aquí e aló criticamos durante toda a lexislatura ao goberno. Claro que nin en Bos Aires nin en Santiago de Compostela atopamos quen manifeste que votou ao partido gañador. Criticamos pero nas urnas volven gañar os mesmos.

A canción que escoitamos polas rúas bonaerenses é a de que “son todos unos chorros”, “se la llevan toda”, “éstos, afanan más que Menem”. Polas rúas compostelás repítese a letanía de que “é unha peniña, pagamos impostos os que menos gañamos”, “non hai un peso”, “temos que buscar traballo fóra”. No suposto de que as críticas arxentinas sexan o froito da mentalidade de cor gris que instalou alí o morriñento pequeno labrador galego; hai entón que reparar nunha nota non coincidente que ten cor mediterránea.

Os arxentinos en xeral, en maior ou menor medida, foron alumeados pola alegría dos calabreses, napolitanos e sicilianos que lle cantaban ao seu “O Sole Mio” sen ter onde plantar dous regos para leitugas e tomates. Nesta canción escrita en lingua napolitana en 1898 ---che bella cosa e' na jurnata'e'sole--- hai moito para analizar.

Teño dúas boas amigas en Bos Aires que se chaman Consuelo e Susana. Unha naceu en Baio [Zas] e a outra en Bos Aires, con raíces familiares repartidas entre Mos e Beiro. Unha foi a escola en Galicia e a outra na capital porteña. Unha amiga subiu a un barco para deixar o coñecido e a outra para coñecer o descoñecido.

Ambas comparten o mesmo sentimento de recoñecemento para aquel lugar de Galicia no que comezou a historia da súa vida. Ambas ---sen coñecerse--- publican un libro de recordos en homenaxe a terra dos ancestros. En xaneiro de 2013 sae “Un puente azul” de Consuelo Bermúdez e en marzo “Un mundo que no vi” de Susana Maceira. No pasado mes de maio tiveron lugar as respectivas presentacións, moi exitosas. Os asistentes ou forman parte da historia ou son herdeiros dos valerosos galegos que encheron de xenerosidade a beira riopratense.

O libro de Consuelo é un canto á súa infancia en Baio. Unha nena emigrante que chegou ao porto de Bos Aires o 23 de abril de 1952 presenta sesenta anos despois unhas páxinas da súa vida que considera deben ser compartidas cos fillos e netos para que saiban que o camiño foi longo aínda que o fixese por unha fermosa ponte azul. Os recordos son a historia familiar que fixo de Consuelo unha muller forte e moi emprendedora.

Cando fala da súa avoa Esperanza que era “arrugadita, delgada, algo encorvada, de manos muy nudosas, solitaria, había sido buena bailarina de jotas y muiñeiras” amosa moito agarimo porque sabe que “su dureza escondía una sensibilidad reprimida hasta el ahogo”. Se nos fala da avoa María di “todo lo que hacía ella era rico: con un poquito de azúcar...ya estaba” e tamén que “era hermoso que nos visitara porque nos regalaba alegría y especialmente los mimos que mamá no tenía tiempo de darnos”.

A nena de Baio era pequena e por iso case sempre ía coas vacas na compaña da súa irmá Elvira. Cando tiña que ir soa non perdía o tempo xa que “estudiaba el catecismo o historia de los tiempos pasados de España (de la actualidad nada, nada) o leía folletos que nos daba el cura los domingos; entonces para mí los montes bíblicos eran los montes gallegos, los únicos que yo conocía y aquellos caminos de tierra blanda y duras piedras eternas desgastadas por las ruedas de los carros y antiguas lluvias me parecían un testimonio del Diluvio Universal”.

Consuelo desembarca moi alegre co seu vestido de “gasa verde agua con alforcitas y puntillas” e unhas “sandalias de charol granate”. A familia novamente xunta para comezar unha nova vida en Arxentina: ¿Qué nos depararía el destino?.

O libro de Susana é un tributo agradecido a “un mundo que no vi”. Nace en Bos Aires, filla dun matrimonio entre un pontevedrés de Mos e unha ourensá de Beiro. Foise namorando de Galicia a través do que lle contaba a súa nai, Isabel, filla de Amalia e neta de Benita. As tres mulleres da parroquia de Santa Baia de Beiro eran para a nena porteña unhas mozas máxicas que vivían nunha fermosa casiña de pedra no alto das montañas.

Con seis anos viaxa con seus pais a Beiro. A actual Susana que hoxe coñecemos foise construíndo enriba da visita a casa materna de Beiro. Así recorda a chegada no mes de abril: “Él salió a recibirnos, era alto y de pelo negro, con un amplio bigote. Al verme exclamó: ¡que nieta preciosa tengo! Yo contesté rápidamente: “me encanta el vino abuelo, como a ti”. Pouquiño despois de chegar xa é unha máis da familia e ten présa por coñecer a casa onde naceu a súa nai. “La casa tenía una planta baja en la que estaba la bodega y un primer piso con tres habitaciones y cocina. Mientras ellos siguieron hablando, pedí permiso, pero antes de que me lo dieran ya estaba por las habitaciones. Yo solo quería recorrerla. El salón comedor daba a los viñedos. Los verdes y amarillos sobresalían en el paisaje y las incipientes uvas resplandecían bajo los rayos del solo iluminándolo todo”.

O fío condutor do libro son as viaxes americanas das dúas grandes campioas de Beiro: Benita e Amalia. A neta describe as emocións que supón sinte a avoa cando no 1930 desembarca no peirao riopratenses: Amalia tiene una tristeza inmensa, le tiemblan las piernas. El corazón se estremece, algo desconocido ---el temor--- ha aparecido en su interior. Sabe que tendrá un trabajo esperándolo en Buenos Aires, pero desconoce cómo serán sus patrones y sobre todas las cosas, echa de menos a sus hijos. Pronto estarán a mi lado ---se dice para alentarse---.

Logo de leer os libros non deixo de pensar en que se hoxe estamos mal en Galicia é pola perda de xente coma Consuelo ou Susana. Quero dicir que habería menos crise se Consuelo vivise en Baio e Susana en Beiro. Podo asegurar que ningunha das dúas estaría agardando con resignación a que os gobernos autonómico e central lle arranxasen a súa vida.

Consuelo lembraría cando sendo unha cativa ía xunto coa nai ata Vimianzo para vender o pan na feira. Eran case catro horas camiñando, ida e volta. Se agora se fai en dez minutos en coche ---co corpo quente se vai frío e fresco se peta o sol--- iso significa que todo tempo pasado foi peor. Cando mira para as toneladas de boa fariña de trigo candeal que utilizan na industria familiar ---a mellor do mercado--- sinte o arrecendo dos saborosos moletiños que levaba na cesta e lembra que ao pasar por diante de Gumersindo do Xastre, sempre atopaba un sorriso.

Susana medrou na abundancia pero non esquece que seu pai durante décadas traballou unhas 10 ou 12 horas diarias. É agradecida. Nunca lle faltou nada e posúe un título universitario. Non entende que os galegos de Galicia perdesen a súa tradicional forza e intelixencia. Son unha especie descoñecida e moi diferente aos seus familiares que nunca aceptaron unha derrota ou perderon a esperanza. Se na Arxentina triunfaron non ten explicación que estean quedando en fóra de xogo no seu fermoso e verde espazo propio.

Recomendo a lectura dos libros de Consuelo e Susana. Falarei coa profesora González Rouco [integrante da Academia Arxentina de Literatura Infantil e Xuvenil] para que teña en conta as dúas publicacións e convide as autoras a calquera evento cultural que organice sobre “Inmigración e Literatura”. Os traballos de Consuelo e Susana trascenden a aséptica análise literaria. O seu valor é documental ao formar parte da historia da emigración galega ao Río da Prata. Os nosos emigrantes teñen nome e apelido. Cada familia é un mundo de alegrías e penas que se presenta no escenario de cada un dos barrios porteños. Elas tamén son protagonistas nesta heroica loita duns homes e mulleres que deixan o manancial galego para erguer o novo fogar onde tomar mate ao abeiro musical dun tango. Graciñas, amigas Consuelo e Susana.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES