Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Réquiem polo Islam político?

viernes, 12 de julio de 2013
A vitoria electoral do partido En Nahda en Tunisia marcou un punto de inflexión para o Islam político no mundo árabe. O golpe militar que derrubou a breve experiencia gobernamental do islamismo político en Exipto, coa deposición presidencial de Mohammed Morsi e da Irmandade Musulmá, traduce un novo contexto sumamente crítico para o islamismo político no Magreb e Oriente Próximo. Considerado o principal actor político beneficiado da dinámica da Primavera árabe, o islamismo político no mundo árabe afronta agora unha etapa de prolongadas tensións, manifestada pola reacción das elites e as contradicións de intereses por parte dos diversos partidos e movementos, laicos e relixiosos, involucrados nesta dinámica de cambios.

Neste sentido, a actual crise exipcia resulta reveladora á hora de calibrar o futuro do islamismo político. Creada en 1928, a Irmandade Musulmá exipcia erixiuse como un dinámico e lexítimo catalizador do islamismo político dentro do mundo árabe, con ramificacións, redes de contacto e de influencia ideolóxica en diversos países como Siria, Xordania, Líbano, Alxeria, Tunisia, Marrocos ou Turquía, entre outros.

Se ben os movementos islamitas non foron nin os únicos nin os principais líderes da Primavera árabe aparecida en 2011, si foron os actores mais beneficiados da mesma, principalmente pola súa eficiente organización política e burocrática, do seu ascendente social a través da asistencia caritativa e un notable nivel de lexitimidade pola represión sufrida por parte dos gobernos árabes, a maioría de carácter laico e militarista.

Compre igualmente considerar que, anterior á asunción da Primavera árabe, a vitoria electoral do partido islamita moderado AKP en Turquía en 2002, así como a súa consolidación como partido hexemónico dentro do escenario político turco, marcou igualmente un punto de referencia para o islamismo político en Oriente Próximo, en particular de cara a movementos islamitas mais radicais, afectos á ideoloxía salafista e yihadista, algúns deles asociados á rede Al Qaeda. Deste modo, o Islam político entrou nunha fase de contraposicións e confrontacións “externas” (contra o laicismo e a occidentalización) e “internas” (contra o salafismo e o yihadismo.

Trala caída do réxime de Ben Alí en Tunisia a comezos de 2011, evento que marcou o comezo da Primavera árabe con consecuencias inmediatas na caída do réxime de Mubarak en Exipto, os partidos islamitas comezaron a ocupar un lugar preponderante e protagónico no proceso de cambios, particularmente no caso do partido En Nahda en Tunisia e da propia Irmandade Musulmá exipcia a través do seu partido “Liberdade e Xustiza”. O islamismo político foi, probablemente, o actor con maior lexitimidade popular á hora de confrontarse coas ditaduras árabes, particularmente as de Ben Alí e Mubarak, apoiadas por Occidente.

Se o período 2011-2012 foi visiblemente florecente para o islamismo político no mundo árabe, con ganancias políticas e electorais principalmente no contexto do Magreb (Exipto, Tunisia, Alxeria e Marrocos), o golpe militar exipcio de 2013 abre outra perspectiva, moi probablemente mais complexa para os partidos islamitas. A polarización e a prolongada crise exipcia tras un ano de goberno de Morsi e da Irmandade Musulmá en Exipto pode reverter este proceso ascendente do islamismo político e constituír certo descrédito social cara o mesmo.

Esta polarización insírese, igualmente, dentro dos propios movementos islamitas. O caos político na Libia post-Gadafi evidencia un pulso de poder entre movementos islamitas radicais e outros movementos mais progresistas e afectos ao “islamismo laico” propio do AKP turco ou da En Nahda tunisiana.

Mesmo contexto aparece na interminable guerra civil de Siria, onde a Irmandade Musulmá constituíuse durante décadas como o principal opositor ao réxime da familia Al Asad tanto como no heteroxéneo e non menos tenso conglomerado de actores que forman parte do opositor Consello Nacional Sirio, existen movementos salafistas convencidos na instauración da sharia e da lei islámica en Siria.

Igualmente, a sorprendente vitoria electoral do clérigo Hassan Rouhani nas recentes eleccións presidenciais iranianas, cunha visión mais pragmática e menos rigorista, ilustra os cambios de carácter progresista que ven experimentando un Irán oficialmente constituído como unha república teocrática. Diversos estudos aseguran que o Irán contemporáneo constitúe unha das sociedades menos relixiosas de Oriente Próximo, cando menos dende a perspectiva islámica, incluso observando un revival do pasado relixioso persa anterior á revolución de 1979(1).

Por tanto, e tralo golpe exipcio, ¿estamos observando un freo de man para o avance do islamismo político no mundo árabe? Está por ver se asistimos a unha recaída das súas vitorias electorais e avances políticos ante a anunciada reacción por parte das elites tradicionalmente inseridas no poder, así como da forte oposición de diversos movementos laicos (tal e como se veu no Exipto de Morsi) e ante a configuración dunha “nova xeopolítica” amparada polos intereses de EUA e Israel.

Esta xeopolítica considera potenciar ás “petromonarquías” de Catar e Arabia Saudita como novos polos de poder no mundo árabe, desacreditando así as potencialidades do islamismo político e desprazando a liderados históricos como o de Exipto. Así, o Islam político entra nunha fase de polarizacións e dilemas traducidos na configuración dunha nova realidade no mundo árabe.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES