Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alonso Montero: Conversa en AMENCER

jueves, 11 de julio de 2013
CONVERSA EN AMENCER CO PROFESOR ALONSO MONTERO

No número 223 de Amencer, a revista do Seminario Santa Catarina de Mondoñedo, dous alumnos de cuarto de ESO: Diego García López e Luis Torreira García manteñen unha conversa con profesor Xesús Alonso Montero, recentemente elexido Presidente da Real Academia Galega.

O profesor emérito é experto na obra de Rosalía de Castro. Os seus primeiros artigos sobre Rosalía datan de 1962; en 1964 fixo a edición de En las orillas del Sar (cun prólogo e notas) en Clásicos Anaya, Salamanca. De 1972 é o libro Rosalía de Castro (con antoloxía bilingüe) editado por Jucar (Madrid), do que, en pouco tempo, se fixeron varias edicións. Por último, gran parte dos seus traballos rosalianos foron recollidos no volume Páxinas sobre Rosalía de Castro (Xerais, 2004). «Rosalía -dixo o profesor- é a voz inicial, é a voz fundacional».

Alonso Montero díxolles: «Cantares gallegos foi a alborada, o mencer, o lumbrigar do día. Díxoo moi ben Cunqueiro: «Cantó la alondra» (Faro de Vigo, 17-5-1963). Antes de maio de 1863 o mapa literario de Galicia (en galego) era un ermo. En efecto, cantou a cotovía e xa todo foi distinto».

De Cantares Gallegos salienta: «Ademais dalgúns poemas (case todos), o prólogo, que é un alegato contra a lenda negra, feroz realmente (na literatura, na prensa, nos chistes, etc; fóra de Galicia, Galicia e os galegos eramos considerados infimamente. A esta lenda negra oponse Rosalía, neste libro, en termos conmovedores, ás veces moi próximos ós dunha lenda rosa».

Á pregunta de como definiría a Rosalía de Castro contestou: «Percibíu con sagacidade a mentalidade do pobo (mellor, das clases subalternas, como diría A. Gramsci) e fixo incursións nos socalcos máis dramáticos do ser humano. Aquela percepción e estas incursións, maxistralmente formuladas».

Segundo manifestou, os poemas de Rosalía que máis lle gustan ó Presidente da Real Academia Galega son: «Se tivese que escoller poemas, insólitos na época na Península Ibérica: «Cantan os galos pró día» (1863), «A xusticia pola man» (1880), «Tecín soia a miña tea (1880), Los robles (1884)...».

Aínda que ese número de Amencer está dedicado monograficamente a Rosalía de Castro, os entrevistadores tamén lle preguntaron sobre que o movera a presentarse á fronte dunha candidatura á Real Academia Galega: «Hai tres meses nin sequera imaxinaba tal situación. Teño cinco libros en elaboración, e a eles me debía. Dada a situación anómala que viviu a Real Academia Galega (a dimisión do señor Méndez Ferrín), un número moi cualificado de académicos e académicas instáronme a que liderase unha candidatura. Penseino moito e, por fin, o meu elemental marxismo tivo a palabra: un débese ó ben público. A Real Academia Galega -sábese ben- é a institución máis comprometida, mesmo por Lei, coa causa da lingua galega. Nesa causa estou desde hai máis de sesenta anos, se ben -e nisto non son orixinal- desde a miña concepción do acontecer cultural e político».

Sobre a división que, desde fóra, dá a impresión haber no seo da Academia, dixo: «Houbo nas eleccións, dúas candidaturas, e, como non estamos no franquismo, houbo notas para unha delas e houbo notas (unhas poucas máis) para a outra. Dilucidada, democraticamente, a cuestión, estou convencido de que os trinta académicos (número teórico) sentiranse realizados traballando pola «ilustración, defensa e promoción da lingua galega» que a iso obriga o artigo primeiro dos nosos Estatutos».

Por último, á pregunta de se está en perigo o futuro da Real Academia Galega respondeu: «Se a Real Academia Galega estivese en perigo é que no país o discurso político, económico e cultural sería absurdo. Non hai razón ningunha para o pesimismo».

Quen teña interese en ver toda a entrevista co profesor Xesús Alonso Montero pode facelo en www.mondonedoferrol.org/amencer.htm
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES