Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Portomarín, a memoria da auga

miércoles, 10 de julio de 2013
Con motivo do 50 aniversario do traslado do pobo de Portomarín debido á construción do encoro de Belesar, a Confederación Hidrográfica Miño – Sil e Ronsel de Ideas veñen de editar “50 Aniversario Embalse de Belesar. Portomarín camiños de auga e soños”. Coido que é o libro que ficaba por facer sobre a historia do noso pobo. A viva, a protagonizada polos veciños máis vellos que gardan na súa memoria o balbordo dunha realidade anegada.

A nova vila non ten nada que ver con aquela somerxida baixo o encoro; que tamén afectou aos concellos de Taboada, O Saviñao e Chantada. As imaxes, que debemos en gran medida a afección de Pepe Pereira pola fotografía (cunha colección de máis de 40.000 clixés), gardan 60 anos da historia de Portomarín. Estas fotografías fálannos dun pobo labrego e fluvial que segundo os datos do INE vai perdendo paulatinamente habitantes. Pereira sóubose habitante dun tempo que conviña gardar para a posteridade, e grazas á súa constancia hoxe temos fermosas paraxes que nos axudan a reconstruír o noso ser colectivo.

A historia cóntase dende a recuperación de todas as intrahistorias que a compoñen; por iso os nomes, as casas, as rúas, os barrios e os habitantes do vello Portomarín fican inmortalizados no libro.

Este aspecto vén recollido no apartado ”In memoriam Portomarín vello”, un artigo do amigo Eloy Rodríguez que me parece fundamental, xa que contribúe a visibilizar e a visualizar o que significou o traslado dun pobo formado por identidades persoais que compoñen esa gran identidade colectiva que hai 50 anos se negou a desaparecer. A inclusión deste artigo, fai que o libro conforme unha visión poliédrica do que significou a migración colectiva de Portomarín. Isto implica moitas emocións e non poucos conflitos tanto externos como internos, debido ao gran impacto que supón mudar radicalmente a vida.

Pero Portomarín é memoria que camiña cara o futuro, convertendo en atractivo turístico o seu pasado. Coido que isto é o mellor agasallo que lle podemos facer aos nosos devanceiros e aos visitantes, que felizmente anegan de humanidade a nosa vila camiño de Compostela. Como ben propón este traballo, o pasado ten que ser un recurso económico fundamental, e para iso (como tamén se di no libro) temos que recuperar todo o que nos queda do mesmo e amosalo orgullosos a quen nos visita, xunto co noso río, a nosa gastronomía e a nosa forma de ser.
50 anos dun pobo non son nada cando o futuro se chama porvir.

E somos un pobo de porvires ventureiros, de grandes recursos,
de xente loitadora e dunha beleza que abraia ao peregrino ata sentir a necesidade de soñar unha noite na nosa vila...
No sentido da memoria, cómpre citar iniciativas como a desenvolvida dende hai uns anos (cando as augas do encoro o permiten) de celebrar unha comida nas terras do vello pobo.

Paga a pena ser memoria, facer memoria xa sexa na palabra, na escrita ou na fotografía, pero temos que ter moi claro que saber o que fomos e transmitilo é un valor de futuro.

Portomarín foi e é unha referencia fundamental a nivel de todo o país, por iso temos que ser sempre difusores de memoria, facendo dela un xeito de vida.


VILAR, R. e NOGUEROL, R.(2013): “50 Aniversario embalse de Belesar. Portomarín. Camiños de auga e soños”. Confederación Hidrográfica Miño – Sil e Ronsel de Ideas S.L., Portomarín.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES