Memoria histórica
Editorial - martes, 23 de agosto de 2005
Poderían chamarlle de moitas maneiras, pero resulta que existe unha Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que ten como fin fundamental recuperar os cadáveres dos mortos daquel verán e darlles axeitada sepultura, entre os seus, para que teñan definitivo descanso.
Hai que poñerse no lugar das familias daqueles mortos de hai case setenta anos, para poder comprender que non é vinganza nin revancha o que os pode mover a recuperar os restos dos seus seres queridos, senón simplemente arrebatarllos á terra común na que foron sepultados e depositalos en terra sagra, ou queimalos e aventa-las súas cinzas.
Os galegos temos, en relación cos mortos, un especial sentimento entre veneración e amizade ou querencia. Os difuntos merecen rezos, merecen coidados, merecen respecto
E aínda que as crenzas xerais nos indiquen que a alma vai ó seu lugar sen ter en conta o que co corpo aconteza, dámoslle ó corpo por non podelo facer directamente coa alma honras de ser vivo, agarimo familiar e devoción propia de corpo santo.
Naquel verán do 36, e nos escuros tempos que seguiron, milleiros de compatriotas nosos quedaron estrando cunetas, outeiros, tapias ou encrucilladas.
Logo, a caridade dos veciños, ou a acción profesional dun enterrador fixeron que a terra cubrira a ingnominia xunto co corpo, e dos mortos so quedou a silenciosa lembranza familiar, transmitida de nais a fillos, ás agachadas, en silencio, nas lareiras, en longas noites de pedra.
Cando a inmensa maioría dos matadores tamén estarán mortos e a súa memoria case perdida, cando pasaron trinta anos de aprendizaxe de vivir en liberdade, xa podemos volve-la vista atrás, con espanto pero case sen ira, porque estamos preparados para acceder á historia.
Os mortos pola libertade ou por calquera outra causa na nosa cultura, teñen que ser familiares, irmáns, como quería Lorenzo Varela.
E deben estar onde poidamos contemplalos e lembralos.
Recuperar a memoria histórica é, para os galegos, un dereito e un deber.
Rescatar os mortos que malmorreron, e enterralos en sagrado (en calquera terreo que nós poidamos sacralizar), é tarefa que os afectados acometerán cada vez con máis empeño, e que tódolos galegos debemos comprender e apoiar.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora