Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

150 primaveras de "Cantares Gallegos"

jueves, 04 de julio de 2013
O 17 de maio cumpríronse os cento cincuenta anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Esta obra supuxo o inicio do Rexurdimento das nosas Letras despois do longo período de invernía, dos chamados Séculos Escuros.

O libro Cantares gallegos, segundo se di no limiar, ve a luz para reivindicar a Galicia e á súa lingua e ademais para defendelas dos ataques que sufrían non só por xentes doutros lugares de España senón tamén dalgúns sectores do noso país. Rosalía di que vai cantar a beleza das paisaxes e dos costumes das nosas xentes e engade que o vai facer na lingua do país porque "quere reproducir o verdadeiro espírito do pobo".

Cantares gallegos consta de trinta e cinco poemas. No primeiro, a autora pídelle a unha moza que cante en lingua galega, algo que acepta en representación do pobo:

"Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
(...)
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo".

Nos trinta e catro poemas seguintes cántase a Galicia desde diversas perspectivas. Así atopamos poemas de carácter descritivo e de carácter costumista. Outros exaltan a lingua galega. Noutros denúncianse as situacións de inxustiza e tamén os hai nos que aparece o sentimento amoroso.

Ademais en Cantares gallegos atopamos poemas nos que aparece a voz máis persoal e máis singular da Cantora do Sar, poemas nos que confesa a tristeza, o desamparado ou a melancolía.

Vexamos: o cantar 2 é un romance no que unha moza quéixase do comportamento que ten con ela o home ó que ela ama.

Cantar 3: é un diálogo, a xeito de romance, entre unha vella esmoleira e unha moza.

Cantar 4: O tema deste poema é a separación dos amantes ó amencer, algo que ten unha longa tradición culta e popular.

Cantar 5: Nesta composición desenvólvese un diálogo entre unha costureira e unha santa da que ela é devota.

Cantar 6: Trátase dun poema no que se describe a festa na honra de Nosa Señora da Barca no seu santuario de Muxía.

Cantar 7: Unha rapaza abondona a súa casa e vai para un muíño. No folclore galego, o muíño é lugar de troula, de encontro entre namorados.

Cantar 8: O tema é a sedución que a figura do gaiteiro ten para as mozas que andan a súa beira.

Cantar 9: Trátase dun monólogo no que unha muller tímida expresa o seu desexo de amor ante a actitude indiferente do amado.

Cantar 10: Neste poema unha rapaza dálle ó seu amado un caravel como prenda de amor, dun amor xa traicionado.

Cantar 11: Aquí aflora o mundo interior da Cantora do Sar; as campás provocan soidades na súa alma.

Cantar 12: Nesta composición, o namorado pretende, sen éxito, reparar coa palabra a deshonra da súa amada.

Cantar 13: San Antón de Padua é o patrono das mozas casadeiras e neste poema unha moza pídelle que lle de un marido.

Cantar 14: Un mozo expresa os seus amores por unha misteriosa montañesa que aparece e desaparece.

Cantar 15: Un emigrante, antes de partir para emigración a América, despídese da súa terriña.

Cantar 16: Neste poema, un moucho -unha ave de mal agoiro na cultura popular- nunha noite de treboada aparéceselle a unha muller que, chea de medo, acode á Virxe.

Cantar 17: Nesta composición, unha muller, que está lonxe da súa terra e que se sente enferma e chea de saudades, pídelle ós airiños da súa terra que a leven a ela.

Cantar 18: O tema deste poema é que unha rapaza suspira pola súa terra montañesa.

Cantar 19: Nesta composición a muller namorada dun emigrante en América amosa a súa saudade amorosa e dille ó río que, cando chegue ó mar, siga a súa marcha e lle leve ó seu amado as súas bágoas.

Cantar 20: Neste poema, a nosa escritora recolle e desenvolve unha vella lenda segundo a que a Virxe, compadecida, aleita a un neno mentres falta a nai, que é moi pobre.

Cantar 21: Unha persoa maior fala do tema do engano das apariencias e de que hai que afacerse ás sorpresas do tempo novo.

Cantar 22: Un rapaz expresa a mágoa que deixaron na súa vida uns vellos amores, aínda que agora está sosegado e tranquilo.

Cantar 23: Trátase dun romance no que un mozo galego se despide dunha fidalga castelá da que estivo namorado e fai unha loanza da terra e da muler galegas.

Cantar 24: O tema é unha carta que un rapaz, que está a facer o servizo do rei, lle manda a súa moza que, por certo, non sabe ler.

Cantar 25: Neste poema cóntase o conto dun tal Vidal, un personaxe despreciado por todos e que, por unha herdanza, se converte en rico e dálles unha lección ós seus veciños.

Cantar 26: Este romance é un diálogo entre unha viúva nova, que vive no monte, e un galán.

Cantar 27: É un poema dialogado no que Rosalía trata o tema da incomprensión entre un mozo e unha moza.

Cantar 28: Aquí a autora amosa a súa indignación polo mal trato recibido polos galegos nas segas en Castela.

Cantar 29: Composición con ritmo de muiñeira na que unha muller chama polos nenos para que se aseen, tratando na segunda e terceira parte o tema da comida.

Cantar 30: Un romance no que unha muller evoca ó seu amado que se foi para lonxe.

Cantar 31: Nesta composición cóntase que unha criada asiste coa súa ama a unha festa.

Cantar 32: A chuvia rega as veigas do Ulla que para a persoa que fala son as máis fermosas do mundo.

Cantar 33: Unha romeira dille á súa Santa predilecta que non hai nada no mundo que se lle poida comparar fóra da Virxe.

Cantar 34: É día de festa e nesta composición invítase á aurora a saír, ós paxaros a cantar e ós mozos a espertar.

No poema que pecha o libro (cantar 35), a moza despídese despois de considerar cumprido o seu labor e tamén se disculpa polas posibles imperfeccións:

...) "Eu cantar, cantar, cantei,
a gracia non era moita,
¡mais qué facer, desdichada
si non nacín máis graciosa!"

Rosalía de Castro é unha muller pioneira na recuperación do galego e, todo hai que dicilo, na defensa do pobo galego e mais da súa cultura. A autora de Cantares gallegos reivindica, na súa obra e coa súa obra, o papel da muller dentro da sociedade daquela época e tamén dentro da literatura xa que o rol da creación literaria naquel tempo era patrimonio case exclusivo dos homes.

Rosalía é plenamente consciente do que supón, no intre en que lle toca vivir, o feito de que, sendo muller, escriba e ademais o faga en lingua galega.

O polígrafo Ramón Piñeiro di: "Rosalía foi consciente de que escribía dende un país marxinado, e o seu libro Cantares gallegos, a pesar das compoñentes costumistas e folclóricas que moitas das súa páxinas conteñen, non é outra cousa que a ilustración dunha ideoloxía que pretendía, tanto afirmar os valores específicos da patria galega, como denunciar, a través dun berro de indignación, as inxustizas de que eran vitimas as súas xentes".
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES