Fado: A saudade que nos leva
Santalla, Iago - miércoles, 03 de julio de 2013
Din que o fado non se canta, senón que se sente, e debe de ser certo cando as súas músicas e os seus poemas transcenden xeracións e fronteiras. Lisboa é o seu berce, a saudade o seu xeito de ser e estar na vida. Unha vida que quizais sexa un fado, onde soñar que o porvir transforma en saúde a saudade. Mais o fado rachou xa todas as costuras dos territorios impostos para ser un cidadán do mundo.
Quen non necesita un fado? Quen non se viu no espello da saudade? Eu necesito o fado como celme que cura docemente as chagas da vida, dándolle de beber á dor trinos de guitarra con versos de recordo e posibilidades de volver. No fondo todos levamos un fado dentro que cantamos cada mañá cando a vida nos desterra dos paraísos do soño. O fado é memoria, dor, esperanza e sorriso que transcende realidades para vivir nos versos que recitan a plenitude do ser.
Persoalmente admiro a maneira que tivo de estar no fado quen ficou na súa historia con maiúsculas. Elas e eles souberon e saben recrear este xénero na orixinalidade, dándolle o seu sentimento en fados sublimes que ficaron na voz do pobo. Amalia, Ary, Carlos do Carmo, Argentina Santos, Severa, Marceneiro; ou actualmente María do Ceo, Mafalda Arnauth, Ana Moura, Mariza, Camané... son noites de guitarra e de trino que aquece as penas poñéndolle música e poesía a cada ginjinha.
A humildade coa que naceu o fado non lle impediu traspasar fronteiras, e isto débese ao feito de que o importante é sentilo, e non cantalo. Na voz de Amalia o mundo foi fado, rachando os límites da Mouraría ata soar en Xapón.
Agora o fado camiña só polo mundo facendo cousas tan máxicas como que o noso autor maior, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nos deixara un único poema que gardaba a música dun fado.
Por Lela o Miño tórnase novamente unha ponte de irmandade pola que corren as augas saudosas da esperanza.
Xa somos fado, sempre seremos fado e quizais nunca fomos nada tan profundamente como somos fado. Porque temos saudades de ida e volta que transitando polo corazón, como pequenas lembranzas dende as que agroman as emocións máis doces do recordo vibrando na corda dunha guitarra, que xa é Patrimonio da Humanidade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora