Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Turquía na encrucillada

lunes, 01 de julio de 2013
Hai tres anos andei por Turquía, percorrendo parte daquel país que se me antollaba exótico e afastado dos parámetros que marcan a vida occidental.

O motivo daquela visita foi que a miña filla decidira rematar a súa carreira nunha universidade situada a uns catrocentos quilómetros ao sur de Istambul, nunha cidade chamada Skisehir no noroeste do país, de máis de medio millón de habitantes que a min pereceume linda, acolledora e alegre pola presenza de moitos estudantes que animaban de cotío as súas rúas cheas de canles con pontes que semellaban aos de Venecia. Outra cousa é Istambul, onde conflúen razas e culturas diferentes a cabalo, como todo o país, entre oriente e occidente.

Istambul é unha cidade que engancha á primeira de cambio: inmensa , cosmopolita e enchida dese máxico e exótico misterio da antiga Constantinopla. Malia iso, a maioría da xente semellaba occidental no seu comportamento e no seu xeito de vestir, pois víase xente co “fez” e con “hiyab” pero non tanta como cabía esperar. Quizais fose ese un dos legados que deixou Mustafa Kelman Atatürk, a quen os turcos consideran o “pai da patria”, creador da República de Turquía logo de abolir o califato otomán.

A iconografía de Atatürk está por toda Turquía. Foi un nacionalista centralista que se marcou como obxectivo crear un estado turco homoxéneo e o conseguiu malia a materia pendente do pobo kurdo, chamados “turcos das montañas”, cuxa lingua e cultura foron e aínda son perseguidas. Convencido da “europeización” de Turquía, mudou a grafía árabe por un alfabeto latino e animou as mulleres a vestir como as europeas. Atatürk é unha icona, un mito na vida de Turquía. Polo menos é o que transluce ao visitar aquel país.

O actual presidente Erdogan segue os ditados de Atatürk e aínda non ten resolto o problema co pobo kurdo, cuxos asentamentos nas montañas do este do país aínda hoxe son bombardeados nun exercicio de acoso e derrubo difícil de entender partindo dun país que aspira a formar parte da comunidade europea. A estas alturas da película xa non sei se aos turcos lles interesará estar en Europa, ou se a Europa lle interesará contar con Turquía. Máis de setenta millón de habitantes son un bocado apetitoso para un consumo de produtos europeos nun país que crece arestora máis do que crece Europa, pero que comeza a ter problemas internos por mor do goberno de Erdogan, máis califa que presidente. Estes tics absolutistas están a ser contestados nas rúas de Istambul por unha multitude que o goberno cualifica máis como terroristas que como indignados. A multitude concentrada na praza de Taksim en Istambul xa é un símbolo da indignación turca e a represión exercida pola policía de Erdogan, unha mostra da intolerancia dun goberno que lle da as costas ao seu pobo. Algo diso sabemos nós.

Aquel pobo se merece algo mellor: merece que se lle escoite, merece ser dono do seu destino, merece que se lle respecte, vamos, como a todos os pobos do mundo. E os kurdos merecen que se lles deixe de perseguir e que non se profanen a súa lingua e a súa cultura. Diso tamén sabemos nós.
Oxalá atopen o camiño. Teño unha amiga que estes días anda por Istambul. Estou desexando que veña e me conte.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania