Estatuto
Editorial - viernes, 12 de agosto de 2005
Para o Psoe non é prioritario. Para o Bng é imprescindible. Para o PP, chegaríalle cunha evolución moderada do actual Estatuto.
O tema quedará adormecido durante o que queda de verán, pero cando setembro chegue con toda a súa forza seguro que o Bng volverá sacar á palestra política a necesidade dun novo Estatuto para avanzar na identidade, autonomía e afianzamento de Galicia.
Curándose en saúde, as novas autoridades galegas proclaman que este novo Estatuto ten que unir e non dividir; vencellar aínda máis entre sí ós galegos e ás galegas (como agora é políticamente correcto indicar), polo que se impón un amplo consenso para a súa consecución.
Efectivamente, para dotar a Galicia dun novo Estatuto, dentro dos límites que a Constitución establece, non chega coa metade máis un dos votos que lle da a maioría no Parlamento e o goberno da Xunta á conxunción de Psoe e Bng.
E na maioría cualificada necesaria é preciso contar co Partido Popular que aproveitará para facerse oir e atender en tan principal cuestión.
Ahí se verá se os nosos políticos ¡Todos! teñen altura abonda para dialogar sobre un dos temas máis importantes para a comunidade, e chegar a un acordo de consenso sabendo que o acordo é imprescindible para conseguir un resultado aceptable para Galicia.
Un novo Estatuto norma primeira de tódalas normas galegas é a proba coa que saberemos se Galicia é maior de idade por selo tamén os representantes democraticamente elixidos.
Moi axiña poderemos comprobalo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora