Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Capitáns das nosas almas

viernes, 28 de junio de 2013
Palabras do Presidente da Xunta no acgto da entrega das Medallas Castelao 2013.

Autoridades presentes.
Galardoados coas Medallas Castelao.
Miñas donas e meus señores.

Hai un desexo que inspira a celebración que hoxe nos reúne neste lugar onde Galicia latexa na lembranza dos seus devanceiros. Expresouno precisamente Carlos Núñez, un dos homenaxeados coa Medalla Castelao, dicindo que “temos que facer do mundo a nosa casa”.

Non se me ocorre unha maneira mellor de manifestar a gran tarefa que debe ocupar aos galegos do noso tempo.

Nesa frase tan afortunada encérrase o futuro do noso país e, ao mesmo tempo, recóllese o anhelo dos galegos ilustres que nos acompañan desde a eternidade.

Todos eles sentiron que o galeguismo era un impulso de universalidade. Era tan grande a súa confianza nas posibilidades da nosa xente, da nosa cultura, da nosa maneira de ser, que non imaxinaron unha terra pechada e hostil ao foráneo, senón aberta. O seu ideario estaba nunha Galicia situada no mundo como un peirao conectado permanentemente con Europa e con América.

O mesmo Castelao que dá nome a estas distincións é un reflexo do galego fiel ao seu e por iso mesmo, cosmopolita. Castelao viaxa levando consigo o cerne do país, e traendo de volta semellanzas que sitúan Galicia nunha cultura que descoñece fronteiras. Estar sempre en Galicia supón tamén estar sempre no mundo, incorporando sempre o que sucede ao noso
redor.

Estar en Galicia será, para a Xeración Nós, incorporala ao pensamento europeo, buscarlle un lugar de privilexio na cultura do vello continente.

Vicente Risco verá o destino do noso país nunha Europa que nacera á beira do noso Camiño de Santiago.

Alfredo Brañas pide tomar exemplo dos irmáns celtas cando brota da súa alma rebelde o grito de “érguete e anda, coma en Irlanda”.

O galeguismo histórico, cuxa bandeira enarbola Ramón Piñeiro, soña durante a longa noite de pedra da ditadura, cunha Galicia democrática e polo tanto europea, reconciliada coas súas raíces, plural e tolerante.
Non hai ruptura coa nosa tradición, senón continuidade cando invocamos o anhelo de facer do mundo a nosa casa. Temos a gran sorte de contar con referentes no pasado que imaxinaron o mundo de hoxe, e souberon situar nel o seu país.

A resposta que hoxe cómpre darlle aos retos do presente, non é diferente ao que eles lle deron. Ocorre, sen embargo, que o que hai anos, décadas ou séculos podía ser unha opción entre outras, no noso tempo converteuse en necesidade. Se non facemos do mundo a nosa casa poñemos en risco a nosa casa. Non hai supervivencia cultural, económica ou política
no illamento e na mera resistencia.

Galicia é unha das democracias máis modernas de Europa. Galicia é un dos territorios europeos que menos tempo necesitou para que o sentimento democrático callara nas institucións e na sociedade.

En poucos anos fixemos deste país noso unha terra fértil para o debate e o acordo, para a discrepancia e o consenso, para a protesta e a transacción, no que a preservación da identidade non se alimenta de xenreiras contra inimigos imaxinarios. Somos o que queremos ser. Seguimos o camiño que os galegos queren seguir. Somos donos do noso presente e do noso futuro.

Construímos entre todos unha nova galeguidade na que conviven, como nestes premios, galegos de nacemento, galegos de devoción e galegos de espírito.

Porque Ursula Heinze naceu nun lugar de Galicia chamado Colonia, para converterse logo en pioneira da nosa literatura infantil e xuvenil. Cómpre que lle agradezamos que acompañe os soños dos nosos cativos e rapaces e que lle digamos: grazas.

Dunha cidade tan galega coma Dublín veñen The Chieftains, os mesmos que un día mesturaron a súa música coa de Carlos Núñez, facendo unha síntese que aplauden todos os auditorios do mundo.

Xunto a eles, outros galegos con domicilio cosmopolita. Hijos de Rivera, adiantados na internacionalización da nosa economía, nados nos Catro Camiños da Coruña e que agora percorren mil camiños en todos os continentes.

Coral de Ruada, síntese musical da cultura ourensá e galega que explican o que é Galicia mellor que a maioría dos discursos.

Hilda Rodríguez, recolledora de medallas e campionatos, capaz de demostrar que hai unha discapacidade capaz e unha capacidade que pode aflorar nas circunstancias máis adversas.

E Carlos Núñez, gran embaixador dun país que se asemella á súa música. Tradicional e innovador, disposto a darlle a man ás influencias, desexoso de atopar puntos de encontro con outras raíces culturais. Velaí alguén que fixo do mundo a súa casa, e que trouxo o mundo á nosa casa, a través de irmandades musicais como as que ten establecida con The
Chieftains.

Ninguén mellor que todos eles para representar o que Galicia é nesta altura do século XXI.

Nunha época na que as dimensións dun territorio non veñen dadas polas súas fronteiras administrativas, senón pola súa capacidade para proxectarse, eles fan do noso un país grande que medra día a día conquistando mercados, públicos, corazóns e sentimentos.

Saiban que son o lexítimo orgullo de todo un pobo. Dun pobo no que cada galego pode repetir o último verso do poema Invictus, tan citado por Nelson Mandela. “Son o amo do meu destino; son o capitán da miña alma”.

Moitas grazas.
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES