Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teilhard de Chardin: o gran descoñecido

viernes, 28 de junio de 2013
O home loita por desvelar a realidade, a verdade; pero tamén, cando a ten á man, calquera trivialidade o leva a deixar que sexa celada por un tupido velo. E digo “trivialidade”, porque as razóns que se adoitan dar para silenciar a voz e promover, por acción ou omisión, o descoñecemento das escasas persoas que teñen o indiscutible privilexio de ofrecernos algo verdadeiramente importante non son equiparables ás achegas intelectuais que estas fan á Humanidade.

Pero este home paradoxal, que ama a verdade ao mesmo tempo que non repara en ocultala, cando se sente mergullado no mar dos seus propios erros e insensateces, busca ansioso argolas ás que suxeitarse, que non poucas veces pode encontrar levantando ese tupido velo, se a arrogancia e, no seu caso, a inercia mental llo permiten. O que hoxe presento aquí puidera ser un bo exemplo desas prodixiosas persoas reducidas ao silencio pola incomprensión, a intolerancia e a obcecación doutrinal.

Intento dedicar unhas moi modestas liñas ao xeólogo, filósofo, teólogo e sobre todo humanista Teilhard de Chardin (1.881-1955), xesuíta francés, con relevantes investigacións en paleontoloxía e xeoloxía; pero aquí interésanos destacar o seu esforzo por acadar unha sínteses do natural e o sobrenatural, aínda que tal vez sería máis preciso falar dunha unidade estrutural, en evolución, materialmente espiritual ou espiritualmente material, posto que Materia e Espírito “non son dúas cousas, senón dous estados, dúas facianas dunha mesma Trama (sic.) cósmica, segundo a vexamos …”.

Recollo do fecundo traballo do Dr. Agustín de la Herrán Gascón, “¿Será teilhardiana la educación del futuro”, editado en Red científica, “Ciencia, Tecnología,Pensamiento”(http://www.redcientifica.com/doc/doc200212130300.html), algunhas ideas que me parecen iluminadoras.

Di este profesor que Teilhard de Chardin “desencadeou no (século) XX un dos máis intensos e construtivos desacougos intelectuais”, porque sen dúbida influíu nos que apostaron pola necesidade de cambiar as actuais tradicións e paradigmas e traballar por “transformar un mundo en crise”, como é o caso de K.G. Dürckheim, A.H. Maslow, K. Wilber, J. Rof Carballo, etc., algúns dos cales afíns a transcender a persoa. Pero queixase o Dr. Agustín de que aqueles que o estudaron dende finais do 50, ata mediados dos 70, puideran dar testemuña da desaparición total das súas obras en editoriais e librerías. “Despois, cos intereses e os anos, Teilhard diluíuse case definitivamente; aínda que, en quen o coñeceron mediante a reflexión desde as súas obras, xamais deixase de existir”. Hoxe en día está completamente esquecido, debido a “tanto redil condicionado y tanto filtro sectario”.

O Dr. Leandro Sequeiros, xesuíta, Catedrático de Paleontoloxía, membro da Academia de Ciencias de Zaragoza e prestixioso erudito en diversas leiras do saber, con outros colaboradores da Cátedra CTR, comentan o último ensaio de Teilhard, titulado “El Corazón de la Materia”, que calculan dunhas 50 páxinas, algo así como un capítulo da obra titulada “El Fenómeno humano” e un pouco máis da terceira parte de “El Medio Divino”. Pero ese minúsculo ensaio, a vez que é necesariamente denso, tamén é “bastante reflexionado para ser intelixible”. Divídese en tres partes: “I. O Cósmico, ou o Evolutivo; II. O Humano, ou o Converxente, e III. O Crístico, ou Céntrico.

No primeiro capítulo reafírmase Teilhard en “dúas inmensas Unidades viventes”, con dimensións planetarias, a Biosfera (envoltura viva da Terra) e a Humanidade totalizada (a Noosfera), cuxa evolución resalta, considerándoa como unha antropoxénese, e afirmándose en que a humanización continúa na actualidade: O xerador do pensamento na terra é un dinamismo de “cerebración”. Tomo dos colaboradores que sego a reprodución final do capítulo II: “Zoolóxica e psicolóxicamente falando, o Home, percibido finalmente na integridade cósmica da súa traxectoria, non se encontra aínda senón nun estado embrionario..., máis aló do cal perfílase xa unha ampla franxa do ULTRAHUMANO”.

No terceiro capítulo, o máis extenso, e partindo da converxencia do humano e da natureza, segue explicando o proceso evolutivo, sempre acadando inevitables melloras, cara á outra converxencia, pois a nooxénese, como unha frecha ascendente, non se detén ata acadar ese Punto Omega, o Deus Encarnado, o Crístico, como el mesmo di, na cita que recollen os colaboradores, nestes termos: “Sentido cósmico e sentido crístico: en min, dous eixes aparentemente independentes o un do outro no seu nacemento, e cuxa relación, converxencia, e finalmente, identidade de fondo, só despois de moito tempo e esforzo acabei por percibir á través e máis aló do Humano”.

Desta maneira Teilhard escapa a unha “materialización progresiva” e a unha “deshumanización materializante”, porque, segundo el mesmo di, percibiu que nun Mundo de esencia converxente “había unha terceira vía aberta – e era a boa! – en dirección a Unidade”, e para explicar isto introduce un novo termo: “o Céntrico”, é dicir, o ámbito onde se encontran o Cósmico, o Humano e o Crístico. É aquí, precisamente, onde “se desvanecen as múltiples oposicións que constitúen a desdicha ou as ansiedades da nosa existencia”.

Acaso non parece verse unha certa relación entre a fase de globalización do coñecemento a través de internet e desa converxencia á que se refire Teilhard?. Sen dúbida, un estudo profundo do pensamento filosófico, antropolóxico, sociolóxico e teolóxico, implícito ou explícito, deste gran pensador tal vez ofreza ideas moi aproveitables nestes tempos de desconcerto, nos que se aspira só a quedarse remisos no elemento material dese gran proceso de converxencia e complexidade, que esixe un pensamento tamén complexo, ó que xa fixemos alusión noutras colaboracións neste medio.

Urxe, pois, desvelar a realidade teilhardiana, e, para correr o velo que a oculta, hai boa disposición entre un grupo de prestixiosos intelectuais, que pretenden crear, a nivel nacional, unha asociación, a iniciativa do Dr. Sequeiros (lsequeiros@probesi.org), aberto a recibir suxestións dos que desexen asociarse co propósito de traer a palestra cultural e restablecer un caudal de ideas aproveitables na actualidade, como di o profesor J. Rof Carballo (1.969), que constata un feito que valida as directrices e conclusións do pensamento de Teilhard, que expresa nestes termos: “Algo moi importante que a min me impresiona en Teilhard é o seu poder de adiviñación, neste mundo tan acelerado no que vivimos. Inmediatamente despois da súa morte empezaron a realizarse cousas que el adiviñou” (Páx. 6 do traballo citado do Dr. Agustín de la Herrán Gascón).

Hai que engadir a todo isto, como resalta o Dr. Herrán, o que nos aportaría en pedagoxía un bo coñecemento da capacidade educativa da obra de Teilhard, se non fora descoñecida incluso polos veteranos cultos e lles soara tan sequera as últimas xeracións. Por exemplo: Sería importante desenrolar didácticas “fundamentadas na idea de SER-MÁIS, en lugar do exclusivo BEN-ESTAR ao que, en última instancia, se conduce aos educandos, tendo en conta que ambas pretensións son perfectamente compatibles”; tampouco estaría de máis que pensáramos se o progreso está debidamente acompasado ao ritmo da mesma evolución natural, sobre todo pensando no que xa dixo Julian Huxley, que non somos máis que evolución que nos vamos facendo conscientes, etc.

Permítanme terminar esta modestísima referencia a Teilhard coa inserción dos dous seguintes parágrafos, que abundan no que motivou esta colaboración:

“A Teilhard entenderano os homes que se parecen a el na súa confianza humana. El recoñeceu que o desexo colectivo de superación QUIZAIS NON ESTÁ PLENAMENTE DESPERTO AÍNDA NA ALMA DO NOSO TEMPO, porque CERTAS EVIDENCIAS, CERTAS ASPIRACIÓNS NON APARECEN SENÓN COA IDADE, con unha idade á que a humanidade non chegou aínda”. (De J. Riaza – 1.967 - ).

“As ideas de Teilhard de Chardin, que continúa sendo O GRAN IGNORADO E INCOMPRENDIDO – non tanto por ser difícil de entender, porque é diáfano e didáctico, senón por ausencia de vontade – segue a ser a grande ocasión das persoas modernas para descubrirse como SERES UNIVERSAIS, EN PROCESO COMPARTIDO DE EVOLUCIÓN AUTOCONSCIENTE”. (Dr. Herrrán Gastón, traballo citado, páx. 10).
(As maiúsculas destes parágrafos son miñas, porque están subliñadas orixinalmente, e esta particularidade non se resalta na publicación).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES