Festa en Vilaxuste
Santalla, Iago - miércoles, 26 de junio de 2013
Eran os de Petapouco os que cantaban aquilo de Esta é a festa, a festa do meu pobo, homes e donas poñen o traxe novo. A canción titulábase Día de festa e retrataba á perfección o que é unha festa típica galega.
Miña avoa conta que en Vilaxuste (Portomarín) facíanse cinco festas ao ano: pola Trindade facíanse as Comuñóns dos pequenos. O Sacramento era outra festa importante xa que a parroquia de Vilaxuste tiña o privilexio de poder sacar o Santísimo en procesión 3 veces ao ano. A seguinte festa importante era o San Pedro, patrón da parroquia, esta acabouse deixando debido a que se celebraba con máis intensidade na parroquia do lado, en Recelle, que comparte o mesmo patrón. No mes de Setembro chegaban as patronais, polo 15, na honra da Virxe das Dores, a festa celebrábase o terceiro domingo cadrara o que cadrara. E por último, o ciclo festivo de VIlaxuste honraba á Inmaculada Concepción, o 8 de Decembro; esta era a festa das mozas, elas organizaban a Misa e a música. Dado que chovía sempre a romaría era no curro de Tomás.
Fala miña avoa de que viñan a tocar a cega de Parga e a Chambelona. A cega de Parga tiña unha filla que a acompañaba de romaría en romaría, tocando seguidillas e contando historias. A cega de Parga e a Chambelona paraban na casa da miña avoa, e disque moitas veces os seráns case deron no amencer...
As cousas mudaron e hoxe para facer unha festa ao ano fai falla moito esforzo e dedicación. En Vilaxuste perdéronse a maioría das onomásticas volvendo a celebrar o San Pedro en exclusiva, e un chega a comprender que así sexa, xa que a xente escasea, os cartos son poucos; e sen cartos e sen xente nada se pode facer. Ademais agora as orquestras (que outrora tiñan repertorio propio) teñen que pagar o canon da SGAE, a todas luces inxusto, xa que os temas interpretados non deixan de ser unha promoción para os seus autores ou intérpretes habituais. De certo, cada vez é máis difícil responder a todas as necesidades dunha festa, porque cada vez hai menos marxe orzamentaria para facelo, e tamén porque as nosas aldeas tenden a morrer coas tradicións que desafortunadamente van cedendo terreo a un arrepiante ermo cultural.
Este ano haberá festa en Vilaxuste, o 29 e o 30. Sacaremos novamente ao Santísimo en procesión e teremos no torreiro baile e verbena. Non haberá músicos tradicionais recreando a propia cultura, escoitaremos o de sempre e será un día de ledicia. Pero porqué non seguir soñando coas festas tradicionais onde a orixinalidade da música levábaas a ser unha creación única e do pobo?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora