Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Loitemos pola dignidade

viernes, 21 de junio de 2013
Cando un cidadán, coma min, dun país desta Vella Europa, se mergulla no tumultuoso océano da actualidade, a través da propia contemplación da mesma ou absorbéndoa de calquera medio de comunicación (prensa, radio, televisión, internet), decátase de que lamentablemente estamos a padecer algo máis fondo e contundente que unha crise económica (maquinada con aleivosos pretextos dende as sombras do poder), e falo dunha ferinte e aldraxante crise de valores humanos. Descubrimos, de xeito cortante e impío, que a nosa dignidade, a que nos pertence por sermos seres humanos ten un prezo, demasiado barato, por outra parte. Un prezo que estableceron dende os órganos de poder aqueles que foron elixidos por nós mesmos para que nos representasen e, no canto, condénannos a sentirnos miserables e a converternos en individuos indignos. Mais, os integrantes das institucións que nos desgobernan son coniventes de algo que se atopa por riba deles, e que tamén os ten sometidos: a autocracia do capitalismo.

O sistema capitalista, tal e como o viñamos interpretando, está morto, ou, cando menos, hai que erradicalo para que el non se anticipe e non consiga matarnos a nós. É moi triste pensalo, e máis triste e noxento dicilo, pero todo se resume nunha sinxela e cruel frase: tanto temos, tanto valemos; e, ás veces, nin iso. Hoxe en día afixémonos a ter que sufragar ata o aspecto máis insignificante da nosa existencia, incluso aquel fundamental e inherente á nosa condición: conseguir ser (e perdón pola redundancia) un ser humano. Xa pretenden ata quitarnos iso, coma se non tivésemos dereito a elo polo simple feito de ser o que somos. As políticas antisociais que se preconizan dende algúns estamentos totalmente insensibles resultan humillantes e rebaixan a nosa categoría natural ata o abismo da mesquiña abxección. Como se pode avogar por un sistema no que o individuo só teña dereito á educación, á sanidade, á xustiza… a manter a súa propia dignidade se paga un prezo, por suposto excesiva e maquiavelicamente elevado, para elo? Como se pretende facer un alegato da igualdade dende o núcleo conceptual da mesma desigualdade?

Acaso, alguén por ser fillo de certa persoa debe posuír máis dereitos que outro que non procede do mesmo proxenitor? E admisible que unha persoa cunha conta corrente desorbitada (se cadra, conseguida de modo ilícito), e insultante aos ollos da maioría da sociedade, dispoña de privilexios en distintos eidos, mentres que o que non amosou tal conta corrente (nin lle deixan) debe vivir nun continuo estado de aldraxe social? Non, berro eu, a todo non!

Debemos, e xa, facer unha recuperación da nosa dignidade, non permitir que nola sigan pisando ou manchando coas infamias que cospen aqueles necesitados da desgraza allea para satisfacer o seu propio ego. E, sen ánimo combativo, solicitemos o reintegro dos valores usurpados e que nos deixaron camiñando nus por esta corredoira da vida chea de feras doentes.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES