Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antes de entrar no quirófano

Carballo, Xosé Manuel - miércoles, 19 de junio de 2013
Os que me coñecen de preto saben que aló nos meus anos mozos fun ordenado sacerdote na monumental igrexa do mosteiro de Vilanova de Lourenzá. Foi fixo a remates de maio 46 anos e tiña eu daquela 23. Dende entón, aínda que dun xeito non moi “ordenado”nin especialmente exemplar, veño exercendo de cura. Gazas a Deus, e aos medios de que Deus se vale. Non cansei polo de agora.

Algún deses que me coñecen e me ven ou me escoitan falar a miúdo tamén saben que desde o mes de outono do ano pasado veño arrastrando unha rouqueira que foi indo en aumento. Desde hai uns dous meses tanto eu coma a miña familia e os máis achegados sabemos que a enfermidade que me causa esa ruoqueira é grave. Outros intúeno e non faltou quen xa me quitou un pulmón usando como bisturí a súa propia lingua e fíxoo con tanta arte que nin me enterei. Outros e outras mandáronme morrer á UCI moi maliño, pero parece que me resistín. A cousa tería a súa graza, se non fixese sufrir a algúns que me queren ben. Por iso pediría para calquera caso semellante coidadiño coa lingua.

A operación á que teño que someterme pode afectarme bastante profundamente ao que, como di o gran amigo de vello Xulio Xiz, é a miña principal ferramenta de traballo e a veces de diversión, a palabra falada.

Despois dalgúns aprazamentos chegou o momento de realizar esa operación.

Se estou dicindo todo isto en voz alta, grazas a benevolencia e ao afecto de cantos teñen que ver coa elaboración e difusión desta “Plataforma temática sobre Galicia en internet, chamada Galicia Dixital”, creo que non é movido por motivacións morbosas, nin por facerme publicidade, nin por espertar compaixón ou facerme a vítima, coma se eu fose o embigo do mundo, senón coa fin de dicir en alto algunhas reflexión que puiden ir facendo e contrastando con amigos e amigas ao longo deste tempo e que poden ser útiles a algúns, aínda que tampouco pretendo que sexan compartidas por todos.

Nun primeiro momento algo se rebelou dentro de min contra este revés inesperado, pero previsible nun fumador compulsivo como fun ata remates do ano 2005. Despois de algún tempo, paseniñamente foi volvendo a calma. E a inicial actitude de queixa foi cedendo espazo á de aceptación e mesmo á de gratitude. Gratitude a Deus en primeiro lugar por todo canto me leva dado, e gratitude tamén a todas aquelas persoas e circunstancias por medio das que, desde o meu punto de vista actúa disimuladamente Deus, destacando dunha maneira moi especial toda a miña familia. Teño moito que agradecer, moito polo que pedir perdón e moito polo que seguir vivindo, por iso rezo moitas veces unha oración curtiña que me ensinou a amiga Elsa Vega desde a Arxentina: “Que en las manos de los médicos esté la mano de Dios”. Confío en que eles van facer o que poidan e eu, se Deus quere, tratarei de axudarlles tamén, pola conta que me ten, para que queden moi ben vistos. Xa lles estou moi agradecido antes da intervención tanto aos de cabeceira como aos especialistas e demais persoal sanitario co que me fun atopando por este motivo.

Sei que hai moitos e moitas rezando por min, e non sei de todos, polo que cheguei a pensar que son importante. E sono, porque desde o momento en que lle importamos aínda que sexa a unha soa persoa xa somos importantes. Desde a miña fe cristiá creo que non hai ninguén que só lle importe a unha persoa. Teño o convencemento de que todos lles importamos polo menos a tres persoas: Pai, Fillo e Espírito. Se somos importantes para todo un Deus en tres persoas, como pode haber alguén tan falto de autoestima que pense que non lle importa a ninguén ou que non vale nada?

E, se lle importo a Deus, como é que me veñen estes reveses? Non teño unha resposta incontestable, pero confórmome coa dos amigos Marita e Suso de Foz que pasaron pola traxedia de teren que despedir a unha filla moza e, no medio do sufrimento de tan grande perda, pensan: E por que outros si e eu non?

En canto ás oracións quero agradecelas profundamente e veño comprobando que na práctica son máis eficaces do que eu mesmo teño predicado máis dunha vez desde a fría teoría. Nin pido nin quero que pidan milagres excepcionais. O gran milagre de cada día poden ser os avances da medicina e da cirurxía, e o anticristo as mastodónticas inversión en máquinas de matarse desde máis lonxe á conta dos recortes en investigación sanitaria ou en alimentación imprescindible. Non coñezo ningunha fórmula matemática para medir ou cuantificar a eficacia das pregarias diante de Deus, da Virxe ou por intercesión dos santos; pero penso que esa eficacia espiritual vese reforzada por unha eficacia moi humana, que non por ser humana deixa de ser espiritual e tocada pola divindade. Quen reza por nós é que nos quere e sentirnos queridos reconfórtanos e auméntanos as gañas de vivir e de loitar pola vida. Por iso graciñas tamén polas oracións e graciñas a aqueles que sen rezar, (ou, se cadra, rezando doutro xeito), me desexan o ben, porque tamén me queren máis do que puidera eu merecer, pero tampouco isto me acomplexa, xa que os quereres, se son de verdade, pasan por riba dos merecementos.

Tamén houbo quen manifestou que aínda que me vaia desta viaxe pouco se perde. Ten a súa razón, porque, despois de presumir de ter feitos moitos cartos á conta do seu traballo, ben se dá conta de que, aínda que se perda a pensión de xubilación que me pagan, non se perde moito. Pero peor están os que nin pensión cobran, posiblemente por culpa dos que fixeron moitos cartos a base do traballo dos outros. Tampouco faltou quen dixese: “vaia o demo con el”. Vedes? Isto preocupoume algo máis, porque quen sente así con relación a calquera que sexa, sabe o que di, pois fala desde a súa propia experiencia de vivir no inferno xa aquí abaixo, en solitario, sen amigos, desconfiando de todos e merecendo a desconfianza de todos por vivir sistematicamente aproveitándose da xenerosidade dos demais.

Mentres haxa poboadores desta calaña nesta terra non pode ir o demo con nós para o inferno dos moralistas, porque ten unha misión que cumprir no inferno dos inmorais.

Convén relativizar as situación dramáticas botando man do sentido do humor se é posible. Unha das vantaxes que poden ter estas situacións como a que estou vivindo é que, como di con moi bo humor, outro gran amigo, Darío Rivas Cando, aos seus 93 anos: “Cando tiña 30 ou 40 ningunha me dicía que estaba guapo e agora algunhas dime que ata son guapo”. Polo que se refire a min, non a Darío, pídolle a Deus que a esas non lles aumente moito a vista e a elas que non se apuren a poñer gafas, porque iso de que vexan a un guapo tamén é outro aliciente para seguir vivindo. Por todo iso, agradézolle ao Deus que me fixo “feíño pero resultón”, que se o ten a ben, me dea oportunidade de seguir escoitando palabras tan reconfortantes, aínda que eu por algunha deficiencia de pronunciación non poida contestar coa galanura que corresponde.

Neste tempo de espera tamén cheguei á conclusión de que, se teño que volver a aprender a falar, vaime ser moito máis doado que a primeira vez, porque podo amañarme con menos da metade das palabras que tiven que aprender daquela, debido a que algunhas desas palabras nunca se me presentou a ocasión de usalas, e outras para moitos perderon o significado orixinal co paso dos anos, por exemplo: honradez, xenerosidade, valoración do veciño, entrega, servizo.

Así é todo, aínda que, se a memoria non me falla, ou se unha manipulación do ADN non demostra o contrario, paréceme que teño criados e colocados todos os fillos, pero espero que Aquel que me prestou a vida me permita seguir recibindo dos irmáns algunha axuda e prestándolle tamén, que esa si me parece unha forma de tirar polo ceo para baixo.

Remato, e xa non é sen tempo. Antes de que me anestesien quixera deixar dito, por se acaso:

- Ata por aí calquera día, a calquera hora, en calquera sitio, e, se non nos vemos na primeira, podendo ser, que non pase da segunda. Se na segunda tampouco nos désemos visto que nos atopemos por aló pola Vida fonte da Luz. Graciñas e disimulade por todo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES