Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luís Mera

lunes, 17 de junio de 2013
A traxectoria vital do home está suxeita a un feixe de casualidades. Todos estamos afeitos a esta circunstancia. Calquera xesto, por nimio que sexa, pode trocar o rumbo da nosa vida, nunha ou noutra dirección. Non hai quen nos libre do poderoso influxo das casualidades. No caso de Luís Mera, non sei ata que punto estas influíron no seu devir, pero estou seguro de que foi configurando a súa maneira de ser bebendo e deixándose levar polas augas dese humanismo que coloca ao home no centro do universo, confiando na súa razón e na súa capacidade para cultivar as diferentes ramas do saber. O tempo, logo, improvisadamente, vai moldeando a escultura de cada quen facendo que sexamos o que somos.

De Luís Mera poderíamos dicir, sen marxe de error, que é un humanista, un home comprometido coa causa dos seus semellantes sen as ataduras da disciplina militante. Dende que o coñecín, e disto xa hai tempo, sempre o vin manténdose nunha liña de comportamento moi coherente con estes postulados. Dende o tempo de aprendiz na Bazán, en cuxa biblioteca móbil atopou a primeira fonte de coñecemento, ata chegar a formar parte do Consello da Cultura Galega pasaron moitas cousas: foi fundador de Comisións Obreiras, dinamizador cultural no Ateneo, etapa esta silenciada na recente historia que se publicou desta senlleira institución( certas omisións case sempre son conscientes e voluntarias: a saber por que), asesor cultural no Concello, traballo que compatibiliza sacrificando horas de soño, có de Bazán, fundador do “Liceo Rubia Barcia” , tamén do Club de Prensa de Ferrol e “alma mater” da súa revista “Ferrol Analisis” convertida hoxe nunha das mellores publicacións de pensamento e cultura de España, organizador do do curso de música “Cidade de Ferrol” que trouxo aquí aos mellores profesores e interpretes de Europa, articulista e crítico musical perante moitos anos, faceta esta que merece ser resaltada porque Luís Mera non foi un crítico musical ao uso, pois non se limitaba a dar so a opinión sobre a interpretación, senón que contextualizaba historicamente ao compositor facendo unha análises da época na que lle tocara vivir e a incidencia que iso podía ter no seu traballo compositivo. De novo o home e a súa circunstancia. E sempre implicado en cuestións que teñen que ver coa cousa cultural nas súas múltiples facetas.

Logo de moitos anos de amizade, hai pouco decateime de que Luís foi un avezado escultor, que facía fermosas pezas en ferro, actividade que foi deixando de vagar na medida en que outros avatares foron irrompendo na súa vida. Hai que ver con este home!

Metódico, infatigable e perfeccionista en todo o que aborda, contaxia o seu entusiasmo a todos os que están ao seu derredor. Pouco afeito a saír na foto. Remiso diante dos recoñecementos aos seus traballos, resistiuse ata última hora a aceptar unha homenaxe que un grupo de amigos( hai anos Pose Mesura pensou o mesmo) organizou co gallo de facerlle agradecemento colectivo por todo o que está a traballar a prol dunha cultura que non se pode permitir o luxo de prescindir de xente tan necesaria coma Luís Mera. E isto é bo dicilo publicamente para que quede constancia.

A contrapelo aceptou e o venres foi o día no que, nun ateigado Salón de Actos da Caixa, máis de trescentas persoas puidemos dicirlle a coro, ao unísono: ¡¡ Saúde e grazas Luís, por todo!!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania