Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cogomelos que curan

lunes, 17 de junio de 2013
En Galicia a falla de tradición na recolla e consumo de cogomelos, o temor e rexeitamento cara a estes habitantes tan frecuentes nas nosas fragas provoca que dende sempre se dixese que a nosa terra é micófoba. Diversos autores teñen relacionado esta fobia cos antepasados celtas, aínda que existen moitas teorías e en todo caso trátase dunha situación que está mudando para mellor. A maioría da xente non sabe que os cogomelos, ademais de ser saborosos, curan.

Os romanos, moi afeccionados aos cogomelos, deixaron certa pegada naquelas zonas de Galicia onde estiveron asentados e nas que hoxendía aínda se mantén certa tradición no consumo, como pode ser a bisbarra ourensá de Valdeorras. A relixión, o descoñecemento e o medo tamén influíron para que fosen “cousas de meigas”. Hai que ter en conta que non existen regras populares, que para identificar os cogomelos é precisa unha mínima formación científica para saber os que son bos e os que son tóxicos.

Todos os anos Galicia acolle na tempada forte de cogomelos, no outono, actividades de divulgación para evitar casos de intoxicación por consumo de cogomelos velenosos, que se repiten con relativa frecuencia.

Na macromicoloxía están identificadas miles de especies e, aínda así, todos os anos aparecen novas variedades que son identificadas e estudadas por científicos. Isto demostra que estamos ante un campo moi dinámico e en continua evolución. Na nosa comunidade hai unha vintena de excelentes comestibles que se atopan con facilidade, outros exemplares que son velenosos e incluso mortais, ata media ducia, e a gran maioría, centos, carecen de valor culinario. Na actualidade existen máis sociedades micolóxicas en Galicia ca en rexións micófagas, como Euskadi e Cataluña, onde si hai unha tradición no mundo dos fungos, o que quere dicir que as cousas mudan para ben. Cómpre destacar o labor da Federación de Micoloxía no eido divulgativo e o Grupo Micolóxico Galego no terreo da investigación, con profesoras como Marisa Castro, unha das autoras de maior peso na bibliografía macromicolóxica galega.

Na nosa terra existen tamén diversas empresas de cultivo e comercialización de cogomelos. Galicia é unha zona de gran riqueza micolóxica en calidade e cantidade malia que a falla de tradición provocou que moi poucos fungos teñan nome popular e sexa preciso referirse a eles co nome científico, unha circunstancia que complica a divulgación e introducción social. Ademais en moitos casos os nomes populares fan referencia despectiva aos cogomelos como “pan de cobra”, “pan do demo”, “pan de sapo”, “pan de lobo”, “peido de lobo”... malia que en moitas ocasións son exemplares comestibles e incluso algúns aproveitados para facer medicamentos, polo que reciben un trato inxusto.

Os cogomelos son alimentos de moito interese nutritivo, algúns son un verdadeiro manxar polo seu sabor e poderíase dicir que a maioría deles, mesmo algúns tóxicos, teñen importantes propiedades medicinais, circunstancia que moita xente descoñece. En moitos casos os principios activos teñen que illarse nos laboratorios polas industrias farmacéuticas para seren aproveitados pola medicina e noutros casos os efectos beneficiosos obsérvanse tralo consumo dos exemplares frescos, secos ou concentrados en cápsulas.

Os cogomelos son ricos en carbohidratos e preveñen, por exemplo, o estrinximento. O contido en minerais resulta importantísimo para o equilibro dos líquidos do corpo humano. É xusto poñer de manifesto a importancia dos cogomelos como produtores de substancias bioactivas, que son empregadas en medicina para retardar ou superar enfermidades como o cancro.

Tamén son empregadas estas compoñentes micolóxicas para tratar problemas de hipertensión, diabetes, colesterol ou para fortalecer o sistema inmunolóxico. Malia que falta moito aínda por investigar, ata medio milleiro de fungos conteñen substancias con propiedades terapéuticas, segundo algúns autores, como o Penicilluium notatum, un dos máis coñecidos, así como outros cogomelos moi próximos (e á venda en supermercados) como o Lentinus edodes, o Agaricus bisporus ou o Pleurotus ostreatus.

Tamén é doado mercar Ganoderma lucidum, Hericium erinaceum ou Trametes versicolor. Na natureza son accesibles exemplares de Amanita caesarea, Auricularia aurícula judae, Boletus edulis, Cantharellus cibarius, Lactarius deliciosus, Marasmius oreades e Langermania gigantea, entre moitos outros. Os cogomelos comestibles son baixos en graxas e, á parte do alto valor proteico, conteñen entre un 10% e un 50% de hidratos de carbono non dixeribles polas encimas humanas, pero que poden ser fermentados parcialmente polas bacterias do colon, o que lles confire un efecto sobre o aparato dixestivo similar ao da fibra. Estas substancias teñen un efecto regulador do tránsito intestinal. Ademais teñen propiedades antioxidantes e hipocolesterolemiantes, polo que resulta importante empezar a contar con eles, sendo ademais como son baratos os que están na natureza e moi asequibles a maioría dos cultivados.

A historia en relación ao consumo, cultivo e emprego como medicinas dos cogomelos remóntase a miles de anos atrás en Oriente e en América. Na cultura oriental, sobre todo no Xapón e na China, dende tempos remotos empréganse os cogomelos coa finalidade de estimular e fortalecer o sistema inmunolóxico. Unha materia en estudo e constante evolución que levará a determinar qué papel poden xogar determinados cogomelos na medicina preventiva como complementos dunha dieta equilibrada. En Galicia podemos atopar numerosos cogomelos que non son comestibles ou son tóxicos pero que si poden ser aproveitados pola industria farmacéutica para tratar distintas enfermidades, dado o seu contido en substancias de interese medicinal. Este sería o caso das mortais Amanita phalloides e Claviceps purpurea, ou da colorista e alucinóxena Amanita muscaria por poñer algún exemplo.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES