Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os novos emigrantes

viernes, 14 de junio de 2013
Compás social

A prensa española e a europea, xunto cos estudos especializados, infórmannos de que nos últimos cinco anos emigraron uns 400.000 españois. A causa máis inmediata é a falta de traballo para preto de 6 millóns de parados. Un primeiro paradoxo, polo menos aparente, é que houbo máis emigrantes nas rexións máis desenvoltas: A Rioxa con un 9,6%, Navarra co 8,5% e Baleares co 8,1%. E no outro extremo están Estremadura co 3,3% e Galicia co 3,9%. Como explicar esta aparente contradición? Quizabes porque das tres primeiras rexións fóronse persoas que eran inmigrantes e retornaron os seus países de orixe; e nas dúas últimas, Galicia e Estremadura, hai menos inmigrantes e menos nativos dispoñibles neste intre para coller o camiño da emigración.

Se ollamos as características das persoas emigrantes, os datos dánnos un perfil maioritario de xente nova entre 25 e 35 anos, cunha alta cualificación e sen cargas familiares; mais tamén se observa un movemento de persoas maiores de 45 anos e con cargas familiares. Os puntos de destino desa mobilidade emigratoria son os países europeos, especialmente Alemaña, Francia e países nórdicos, algúns países latinoamericanos (Brasil, Arxentina, Chile e México) e unha ampla dispersión ós catro ventos do planeta. As aspiracións explícitas que declaran son estas: poder traballar, mellora-las condicións laborais, un desenvolvemento profesional, aprender idiomas e conseguir unha mellor calidade de vida.

As estatísticas e as enquisas estandarizadas non van máis aló de describir algúns factores desa poboación emigrante; non obstante, podemos, mediante a observación directa, explorar algunhas outras características e comparalas coas da emigración tradicional. A nova xuventude emigrante, ademais dunha formación profesional de maior grao, está conectada a Internet para buscar un posible traballo en todo o mundo con preferencia por determinados países. Son emprendedores que cren que todo é posible con esforzo profesional e sabendo idiomas; e non queren quedarse en España simplemente parados, nin aceptar condicións de traballo ás veces humillantes, nin salarios de subsistencia.

Ademais destas primeiras apreciacións sobre os novos emigrantes, podemos comparalos en especial coa anterior emigración a Europa. Que avatares lles esperan? Retornarán algún día definitivamente a España, a Galicia? Aténdonos as experiencias migratorias, podemos aventurar algunhas hipóteses sen caer en ciencia ficción:

-Os emigrantes tradicionais a Europa partían de Galicia ou doutras rexións españolas cun forte apego á terra natal, e mantiñan ese sentimento xuntándose nos países de destino e definindo a súa situación como provisional, mesmo que despois se convertese en definitiva. Por contra, os novos emigrantes semellan ser máis universais e con menor apego ó mundo que deixaron na súa rexión, no seu país.

-Os novos traballadores espallados polos catro ventos do mundo son xente cualificada e moitos deles profesionais de elite. Isto contrasta coa masa de traballadores manuais da anterior emigración, de todas as idades, sen formación laboral previa e destinada ós sectores económicos de man de obra barata e duras condicións laborais. Os novos emigrantes cualificados en principio teñen abertos todos os horizontes á mobilidade profesional, en contraste cos emigrantes anteriores que tiveron que contentarse con permisos sectoriais e cunha lenta mobilidade laboral ata acadar só un certo grao de profesionalidade.

-A nova xuventude emigrante sabe idiomas e ten capacidade para cultivalos a fondo, o que lles permite relacionarse sen complexos con outros grupos de emigrantes ou nativos; e por iso eses mozos e mozas están moito máis abertos a facerse noivos con persoas doutros países e doutras razas. Esta é unha actitude moi distinta do emigrante tradicional que xa estaba casado ou noivado con moza/mozo do recuncho de orixe, ou buscou en destino unha endogamia matrimonial polo menos española. Isto foi e segue sendo un paso transcendental na vida de calquera emigrante.

-O emigrante tradicional aforraba o máximo posible e mandaba eses aforros as caixas ou bancos galegos ou españois, cambiando as divisas estranxeiras a pesetas, e posiblemente perdendo cartos nesta operación, a medio e longo prazo. Por contra, as novas xeracións emigrantes posiblemente non pensan tanto nos aforros e están máis capacitadas para botar contas, polo que seguramente non mandarán a Galicia nin ó resto de España os seus aforros, sexan poucos ou moitos.

-E despois de todas as peripecias que todo emigrante ten que vivir, ¿os novos emigrantes volverán definitivamente a Galicia, a España? Xa coñecemos a experiencia dos anteriores emigrantes: un alto porcentaxe retornou con serias dificultades para encontrar un traballo nas vilas e cidades de Galicia ou de España, mais outro número significativo deles non quixo ou non puido retornar por razóns impostas pola da idade, polas condicións de traballo ou circunstancias familiares. Que pasará cos novos emigrados? Posiblemente algo semellante ó que pasou cos anteriores, mais acentuándose a tendencia a permanecer definitivamente nos diversos países de destino. Ademais dos condicionantes da idade, a boa integración lingüística, a consolidación dunhas condicións de traballo cualificado e ben remunerado, a posible compra dunha vivenda, o intercambio de cónxuxe doutro país ou incluso doutra raza e a integración dos fillos na sociedade do seu nacemento, acabarán por inclinar a balanza. A pesar das nostalxias e das vacacións no recuncho de orixe, o devir da vida impón unha actitude racional: temos que quedarnos, é o máis razoable.

E mentres tanto que ocorrerá en Galicia, en España? Tampouco debemos facer ciencia ficción, pero si permitirnos unha proxección conforme ás circunstancias que se están acumulando: a crise económica e política van para tempo; mais é de esperar que, facendo virtude da necesidade, a sociedade española e galega encontrarán racionalidade e acomodo para superar eses desacougos. Aumentará a cualificación dos emprendedores e dos asalariados que irán asentándose nos postos dispoñibles, e minguará paseniño a emigración de calidade. E esa abundante man de obra, hoxe parada e sen cualificación, terá que pagar un alto prezo para agocharse e poder sobrevivir. Falta por ver como, a longo prazo, será substituida. Nin o rural nin o arrabalde, debido a crise demográfica, terán suficiente man de obra dispoñible. Quizabes virá unha nova avalancha de inmigrantes sen cualificación, e así empezar de novo... Posiblemente España e Galicia terán que comezar de novo en moitos aspectos, mais, a ser posible, debemos aprender a lección para avanzar cara adiante.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES