Día das Letras Galegas
Xiz, Xulio - jueves, 13 de junio de 2013
Hoxe remata o prazo para que a Real Academia Galega reciba propostas para a dedicación do Día das letras Galegas do próximo ano 2014.
Pretende a Academia, según se fixo público, ser máis rigorosa na elección de persoeiros aos que dedicar a festa maior da fala e da escrita en idioma galego, elixindo persoas de innegable valía e repercusión, de xeito que a celebración teña a repercusión popular e institucional propia do acontecemento anual máis importante da cultura de Galicia.
Desde hoxe, a Academia imponse un breve prazo para analizar todas as candidaturas e decidir quen vai ser o inmorrente que se vai honrar o próximo 17 de maio de 2014.
No medio século que leva celebrándose esta festa, iniciada por Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego, é postulado fundamental que teñan pasados dez anos desde o pasamento do autor homenaxeado, para garantir que non hai intereses alleos á fala que inflúan na decisión da Academia.
Este ano son alomenos tres os lucenses que se postulan para que sexan homenaxeados. Por unha parte, desde o Ferrol mandan a candidatura de Ricardo Carballo Calero, que menciono como lucense, porque en Lugo pasou parte importante da súa vida, tivo grande actividade creadora e docente, e deixou unha importante pegada literaria e persoal.
Desde Guitiriz, a Asociación cultural Xermolos co apoio dos centros educativos, concello e todo o pobo, promove a celebración arredor de Xosé María Díaz Castro, o poeta dos Vilares, aos cen anos do seu nacemento, e por estar considerado como o máis grande poeta relixioso da Galicia do século XX.
E desde Lugo, a plataforma en Internet Galicia Digital, co apoio do Concello de Paradela e o musicólogo Xesús Mato, propón a Manuel Rodríguez López, nado en Paradela, emigrado desde neno en Barcelona que finou en Lugo hai case un cuarto de século, e foi o gran poeta obreiro do pasado século (Ver www.manuelrodriguezlopez.org).
A Academia decidirá sobre estas e outras propostas. Da súa decisión depende que o Día das Letras Galegas siga a brillar con luz propia e coa que recibe da historia, do idioma, e da cultura.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora