Xornada laboral
Editorial - miércoles, 12 de junio de 2013
A xornada de oito horas, logro importantísimo no pasado século, é xa historia. E para o funcionariado a de sete horas diarias de luns a venres, con descanso sabatino, foi un logro conseguido pouco a pouco que agora pasou á historia laboral do noso tempo.
Os funcionarios pasaron das trinta e cinco horas laborais ata as trinta e sete e media, e nesa sintonía andan os postos de traballo nas empresas, que estamos en tempo de recapitulación laboral e as corenta horas, a razón de oito diarias de luns a venres están hoxe na máis absoluta normalidade. Que a fin de contas as directivas comunitarias fixan en corenta e oito horas o máximo por semana, que son esas oito horas diarias pero contadas de luns a sábado, esquecendo o que en tempos se chamou semana inglesa, que ordenaba vacación para o sábado pola tarde.
O endurecemento das condicións laborais está á orde do día, como o está a reducción drástica dos chamados moscosos, días de permiso por asuntos propios para o funcionariado, reducidos a tres dos doce, quince ou dezaoito que por antigüidade podían acadarse.
Que a xornada se endureza non tería máis problema se fose seguida dun maior beneficio económico. Pero moito nos tememos que vai ser precisamente todo o contrario.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora