Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lugilde na "Comisaría de Papel"

lunes, 10 de junio de 2013
Lugilde na N´As 4 Aldeas do pasado decembro ocupouse o amigo Manuel Fiaño do que foi secretario do concello de Coirós Manuel Lugilde Díaz “El mago de Foz”, localidade esta da que era nativo, e da súa actividade como correspondente do quincenario betanceiro “El Eco de las Mariñas”.

Como estudoso da prensa betanceira, un servidor xa era coñecedor da relación de Lugilde con este órgano mariñán que apareceu en 1956, no mes de febreiro e durou nove meses, como un embarazo. Por iso quixera ampliar esta actividade xornalística de Lugilde (que seica xa tiña antecedente na década dos corenta cando era correspondente de “El Progreso” en Foz) cun curioso suceso.

En 1976, o que fora director e varios colaboradores de “El Eco de las Mariñas” evocaban á distancia de vinte anos (que non son nada, di a canción) aquela breve experiencia fanada por falta de apoios (apenas 224 suscriptores tiña a publicación en toda a bisbarra). No libro-programa das festas patronais de Betanzos dese ano, e baixo o título “Como nació, vivió y desapareció El Eco de las Mariñas”, o que fora o seu director Antonio Concheiro, os redactores Marcelino Álvarez, Xulio Cuns, Antolín Sánchez “Keko”, Francisco Carlos Seijo “Carlines” e o administrador Julio Villuendas contaban as súas interesantes impresións e lembranzas daquela aventura xornalística. Imos citar, para o caso que nos interesa, un parágrafo do texto do recentemente desaparecido Marcelino Álvarez “Maino”: “Aún recuerdo la alegría que nos produjo ver, cómo “El Eco de las Mariñas”, era castigado a permanecer una semana en “La Comisaría de Papel” de la revista de humor “La Codorniz”, por una de las crónicas de estos corresponsales. ¡Aquello creo que fué el espaldarazo de “nuestro” periódico! ¡Que una revista como “La Codorniz”, se preocupara de nosotros!”

Lembrará o lector ou lectora –se é que ten idade para iso–, ou quizáis terá oído falar, que “La Codorniz”, revista de humor (do humor que podía tolerar o réxime franquista e aínda así sofrindo as gadoupas da censura), tiña como lema “La revista más audaz, para el lector más inteligente”. Alí colaboraban todos, ou case, os que eran alguén no humorismo español da época.

Anos andados e despois de ter xa publicado o meu traballo sobre a prensa betanceira, vin nun posto da feira do libro antigo e de ocasión (coido que así se denomina) da Coruña un lote de números soltos de “La Codorniz”. Pensei se habería, e púxenme a comprobalo, números da etapa do periódico betanceiro. E si había algúns. Logo púxenme a revisalos e... houbo sorte. Alí estaba en “La comisaría de papel” aquela referencia a “El Eco de las Mariñas” que lembraba Marcelino Álvarez. No número 782 do 11 de novembro de 1956. Merquei o exemplar, claro está. Curiosamente, o periódico betanceiro non puidera facerse eco daquela cita porque xa era defunto dende o 1º dese mes, data na que fixo a derradeira saída pública.

Na devandita sección aparecían referencias a algunha metedura de pata ou cazapo que detectaban pola prensa española adiante e condenaban á publicación e ao autor ou redactor a aparecer naquela curiosa “comisaría de papel”, aínda que logo eran postos “en libertad, toda vez que siendo estos delitos de menor cuantía no era procedente su entrega a la jurisdicción de más altos y severos organismos.”

Pois velaí que o texto polo que a célebre “La Codorniz” citaba ao modesto “Eco de las Mariñas” estaba asinado. E o seu autor era precisamente Lugilde, nunha das súas crónicas “Aquí Coirós”. Así pois, Lugilde e “El Eco de Las Mariñas” foron “hóspedes” aquela semana da “comisaría de papel” de “La Codorniz”, que era bastante mellor que selo das outras comisarías daquela época ruín. Menudas chanzas non tería soportado Lugilde aquela temporada por parte dos seus compañeiros de periódico e demais persoas letradas!

O lector ou lectora que chegou ata aquí terá curiosidade por coñecer a metedura de pata de Lugilde, merecedora de tan altos honores. Pois ben, tratábase dunha boa nova, dun dobre natalicio:

“El hogar del Condestable de la Armada don José Ríos Riva, y de su esposa (no nos cae eso de soltera), ha sido visitado por la cigüeña. Dos hermosos pichones de marinos alegran desde hace unos días dicho hogar.”

Supoñemos que iso de “pichones de marinos” debeu ser o que moveu a “La Codorniz” a meter a Lugilde na “comisaría de papel”.

Só vin a Lugilde nunha ocasión, xa xubilado. Presentoumo en Betanzos Xulio Cuns, con que eu estaba cando pasou pola rúa moi apurado “El mago de Foz”, que ía –ou viña– para aquela vila. E en Betanzos morreu pouco despois, en 1999, vítima dun accidente de tráfico, segundo escoitei.

Parecía unha persoa agradábel e moi activa. Gostaríame ter falado con el demoradamente, sobre todo despois de ler en 2003 no primeiro número dos Cadernos de História Fozega “Bolanda”, un documentado estudo de Ramón Ermida e Mónica Pazos sobre o pai de Lugilde, Manuel Lugilde Penelas, mestre en varias localidades antes de recalar en Foz, que fora amigo de Castelao e caricaturizado por este, fotógrafo afeccionado, autor teatral e animador cultural durante décadas na vila da Mariña lucense, onde naceu o seu fillo Manuel, “El mago de Foz”.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES