Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estamos ante a Primavera turca?

jueves, 06 de junio de 2013
As protestas en Istambul e outras cidades turcas descifrarían toda serie de conflitos latentes na Turquía contemporánea

A prolongación das protestas en diversas cidades turcas, con epicentro na polémica decisión por parte do goberno de Recep Tayyip Erdogan de construír un centro comercial en pleno corazón de Istambul e, principalmente, fomentadas pola desproporcionada represión por parte das autoridades contra os manifestantes, implica considerar a reactivación dunha serie de pulsos e transicións existentes na Turquía contemporánea, basicamente identificados pola secular confrontación entre sectores laicos e relixiosos, progresistas, modernistas, tradicionalistas e, incluso, entre diversas elites de poder existentes.

O centro neurálxico desta confrontación focalízase na construción dun emporio comercial en torno ao parque Gazi, próximo á estratéxica praza Taksim. Aquí radica un espazo público de actuación para diversos sectores progresistas e laicos, tradicionalmente dinámicos e contestatarios, localizados nun radio urbanístico “occidentalizado” dentro de Istambul, curiosamente rodeados de diversos barrios principalmente habitados por bolsas de poboación de orixe rural, tradicional e fortemente relixiosa. Estas capas sociais emigraron ás grandes urbes turcas provenientes das provincias do interior, principalmente da Anatolia, e corresponden a un segmento electoral especialmente monopolizado polo partido islamita AKP de Erdogan, no poder desde 2002.

Dende o exterior, diversos medios de comunicación identifican as protestas de Istambul e doutras cidades como unha irradiación en clave turca da Primavera árabe. Curiosamente, Turquía estaría experimentando un proceso “á inversa” desta eventual Primavera, debido que o aparente éxito de concreción dun “islamismo laico” por parte do AKP consolidou a este partido (e consecuentemente ao propio Erdogan) como un modelo de referencia para os cambios progresistas que se estaban operando dentro da denominada Primavera árabe, especialmente como foco de referencia para os partidos islamitas de Exipto, Tunisia e de Oriente Próximo.

Tensións e polarizacións en curso

En particular, e mais cunha reprodución inalterable da Primavera árabe, Turquía ven observando toda serie de tensións e pulsos internos desde a consolidación no poder do AKP como o partido hexemónico con maior capacidade de mobilización na política turca contemporánea. Así, Erdogan e o AKP lograron transformar o espazo público turco a través dunha diversidade de cambos lexislativos, sociais e políticos traducidos na aprobación, vía referendo popular, dunha nova Constitución “progresista” en 2010.

Así e todo, a crise actual intensifícase ante o notorio ton despectivo e autoritario utilizado por Erdogan contra os manifestantes, a súa aparentemente irreversible decisión de continuar co polémico proxecto comercial e a desproporcionada represión policial, moi criticada e condenada dende o exterior, un aspecto que, evidentemente afecta a imaxe internacional do actual goberno turco. Non obstante, e no fondo, estas protestas revelan as profundas divisións e polarizacións existentes na Turquía contemporánea.

A Erdogan e o AKP se lles acusa insistentemente (pero con escasas probas) de fomentar unha especie de “axenda oculta” orientada a concretar unha presunta “islamización” para Turquía. Non obstante, é de considerar que as sucesivas vitorias electorais do AKP (eleccións lexislativas de 2002, 2007 e 2011 e referendo constitucional de 2010) alcanzáronse pola persistencia dunha axenda plural por parte dun AKP claramente constituído como un partido islamita moderado, “occidentalizado” e incluso portador dunha especie de “Islam laico” que atraeu a diversas capas sociais, laicas ou relixiosas, decepcionadas cun sistema político atomizado e cada vez menos representativo.

Por tanto, e mais que “islamizar” a Turquía, o proxecto do AKP semella mais ben consolidar un movemento político de amplo espectro social, reformista e incluso progresista a pesar da persistencia de clans de poder “tradicionalistas”, arraigados en grupos provenientes das confrarías relixiosas, e dos efectos contestatarios que estas novas elites provocan en diversas capas sociais. Por tanto, non sería descartable que unha porción relevante das actuais protestas contra Erdogan con epicentro na praza de Taksim sexan impulsadas, precisamente, por algúns sectores sociais que con anterioridade probablemente votaran polo AKP.

Así e todo, o conflito actual non pode limitarse exclusivamente a unha polarización entre progresistas e tradicionalistas. Desde 2011, diversas ONGs denuncian unha notable deriva autoritaria por parte de Erdogan así como da persistencia de casos de tortura e de violación dos dereitos humanos, herdanza dun sistema de pretorianismo militar vixente na Turquía republicana e visiblemente focalizado na loita contra o irredentismo curdo.

Curiosamente, a reforma constitucional de 2010 impulsada por Erdogan supuxo un cambio progresista orientado a limitar o excesivo peso político do estamento militar, así como de diversas elites e grupos económicos, burocráticos, militares e políticos afíns, tal como o outrora hexemónico Partido Republicano do Pobo (CHP en turco), focalizados dentro do espectro laico, republicano e nacionalista turco. Coloquialmente, a este complexo entramado aparentemente monolítico se lle denomina en Turquía como o “Estado profundo” (Devlet de Derin en turco) Por tanto, as tensións actuais poden dirimir un novo pulso entre Erdogan e o AKP contra forzas reaccionarias focalizadas nos sectores laicos e republicanos e, tanxencialmente, por parte dun poderoso estamento militar receoso de perder poder e influencia.

A estes sectores pode engadirse o renacemento dunha extrema dereita nacionalista tradicionalmente forte no escenario político turco, focalizada principalmente no Partido do Movemento Nacionalista Turco (MHP) Estes sectores ultranacionalistas están retornando á area política, con especial incidencia pola súa frontal oposición ante o recente e incerto diálogo impulsado por Erdogan cara os movementos curdos, propiciado polos contactos do AKP co BDP, o único partido procurdo que ten representación parlamentaria, e ante a eventual pacificación da guerrilla do PKK.

Aínda que non posúe incidencia directa na actual crise en torno ao parque Gazi, este retorno do irredentismo curdo dentro da periferia xeopolítica turca a nivel rexional, principalmente focalizada no Sueste turco, no Norte de Iraq e en Siria, implica un nivel de constante tensión entre Erdogan, os militares e os seus aliados políticos, que pode indirectamente inserirse como activador de protestas e descontentos.

Progresistas, novas elites e os efectos da crise

A pesar dos notables avances económicos do goberno de Erdogan e do feito de que Turquía encamíñase cada vez mais a constituírse como unha potencia emerxente no contexto internacional, a crise e recesión económica comezan a golpear á sociedade turca. Esta variable pode igualmente definir unha nova lectura do conflito actualmente instalado no país, explicando así unha eventual contestación social contra un modelo económico instalado e das complexidades que xorden dentro dunha “potencia emerxente” polarizada por diversos conflitos internos.

Por tanto, focalizar un proxecto ambiciosamente opulento como un centro comercial en pleno centro neurálxico da Turquía “urbanita e moderna” concentrado en torno ao parque Gazi e a praza Taksim de Istambul, pode igualmente descifrar as tensións entre diversas capas e sectores sociais “pauperizados” pola crise económica, en contraposición co ascenso de diversas elites económicas, amparadas e instaladas no poder polo propio AKP.

Compre considerar que o espectro sociolóxico do “islamismo laico” turco actualmente concentrado en diversas elites inseridas no AKP, inclúe a potentes sectores comerciais, burgueses e empresariais orixinarios das confrarías islamitas instaladas na provincia da Anatolia desde a década de 1980. Estes sectores constitúen importantes segmentos de apoio financeiro e económico para o AKP, así como de militantes e simpatizantes. Por tanto, o AKP implica un movemento con certa heteroxeneidade ideolóxica, traducida na súa identificación como partido de “centrodereita, conservador, liberal, islamo-demócrata”, similar aos partidos demócrata cristiás europeos.

O peso destes sectores moi probablemente determina o marcado enfoque de liberalismo económico á ultranza impulsado por Erdogan desde 2002, o cal xa anteriormente se experimentara durante o período de goberno de Turgut Özal entre 1983 e 1993. Estas elites burguesas “islamitas” veñen progresivamente desprazando do poder ás tradicionais elites “kemalistas”, preponderantes na estrutura burocrática e económica estatal turca, moitas delas ligadas ao CHP, ao estamento militar e outros grupos de poder.

Por tanto, a hipotética visión “urbanística” en torno ao parque Gazi pode, igualmente, implicar un tenso pulso de corte sociolóxico, socioeconómico e, incluso, de carácter rexional entre os sectores “modernizantes” e progresistas da tradicionalmente urbana Istambul, confrontados contra as novas elites “anatólicas” impulsadas polo AKP e progresivamente instaladas dentro do novo sistema económico turco.

Resta observar, con ponderada visión, se a mediaticamente denominada Primavera turca derivará nun escenario de incertas transicións similares ás acontecidas no mundo árabe desde 2011. Ou se ben a praza de Taksim se converterá nunha reprodución homologada das históricas manifestacións populares presentadas na praza Tahrir de O Cairo durante a “revolución exipcia” que acabou co réxime de Hosni Mubarak en febreiro de 2011. Tomando en conta as diversas perspectivas que poden descifrar os pulsos actualmente existentes en Turquía, a única e aparente certeza estriba en que país euroasiático está pulsando e experimentando as súas mais complexas contradicións e transicións internas.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES