Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha oportuna reflexión

miércoles, 05 de junio de 2013
D. José María Méndez, que foi Inspector de Finanzas do Estado, e traballou precisamente nas Aduanas de Vigo, e logo nas Direccións Xerais de Aduanas (M. de Facenda) e de Política Financeira (M. de Economía), sempre preocupado polas cuestións económicas, home de gran seriedade e dun sentido racional da realidade, con moitas publicacións sobre Agricultura, Economía, Lóxica Matemática e, especialmente, Ética, fundador e presidente da Asociación de Estudios de Axioloxía; e no 2.006 interveu no Congreso sobre Valores Humanos da Universidade Autónoma de México, agora reflexiona sobre algo tan de actualidade como é o ABORTO, en un traballo, que me enviou, e que eu paso a resumirlles a vostedes.

Desatendendo o que a el lle gustaría, saliento todo isto para que á hora de considerar as súas reflexións sexa tida en conta non só a súa formación cultural, senón tamén, e moi principalmente, a súa rexia personalidade ética. Hoxe é sacerdote, de vocación tardía.

Divide a “reflexión” en tres partes, cos seguintes epígrafes: 1.- “In dubbio (sic) pro innocente”; 2.- “El feto es condición necesaria de la vida del individuo humano”; 3.-“Vida de la especie y vida del individuo”.

Argumenta que cando un neno empeza a falar, cando empeza a entrar en posesión da linguaxe, hai unha proba certa de que é unha persoa humana, porque esta ven do feito da linguaxe. Afirma que os operadores lóxicos non están contidos no código xenético humano, cuxa existencia está condicionada a presenza dunha fórmula lóxica consistente, é dicir, para el a lóxica é un PRIUS respecto as estruturas xenéticas. Polo tanto, antes de que o meniño non entre na linguaxe non hai proba, nin positiva nin negativa, da súa condición de humano: Non existen medios técnicos posibles antes dos operadores lóxicos, que se constrúen grazas a eles; e isto determina que non haxa aparato algún que poida detectar a existencia dos operadores lóxicos, nin no cigoto de tres minutos, nin no feto de tres semanas, nin no acabado de nacer.

Se o lector non ten idea do que sexan os operadores lóxicos, cando menos debe saber que grazas a eles temos ordenadores e fomos capaces de “poñer en marcha a actual revolución informática”, que D. José María cualifica como o “máis grande paso dado en toda a historia pola racionalidade humana”.

Todo o dito parece que levaría a xustificar o aborto; pero non convén precipitarse en obter consecuencias, porque non sostén o autor da aludida reflexión que o feto non sexa persoa, SENÓN QUE NON SE PODE DETERMINAR SE O É, EMPÍRICAMENTE, e a isto hai que sumarlle que é indiscutible que ten un código xenético propio e exclusivo: “A carencia de toda posible proba, tanto negativa como positiva, é xa un argumento suficiente contra o aborto”. Moi contundente, di D. José María que en caso de dúbida non hai que disparar. Apóiase no principio xurídico “in dubbio (sic) pro reo”, aplicando por analoxía IN DUBBIO (sic) PRO INNOCENTE, que impide, legalmente, fundamentar o dereito a abortar. Ademais, no suposto de concederse este dereito, aplicaríase a lei do máis forte, que ben pode ser “a maioría parlamentaria democráticamente elexida”, que nunca pode ser a definidora do ben e do mal. Facendo unha aplicación forte, o Padre Feijóo, no “Teatro Crítico Universal”, escrebe que a “suma de ignorantes non da por resultado un sabio”, a suma de ceros nunca da unha cifra significativa. (A referencia ao Padre Feijóo é miña).

Utiliza o autor outro argumento, sospeitando que os que chama “intelectuais voluntaristas” non admitan o argumento anterior (e entende por voluntaristas aqueles que se reafirman na súa postura con manifesta autosuficiencia e displicencia dos argumentos racionais). “O feto – di – é condición necesaria da vida do individuo humano”, con independencia de que sexa ou non persoa. Ven a dicirnos que se a nosa mai houbera abortado de nós aos tres meses, non estaríamos hoxe aquí. Pon o seguinte exemplo: “imaxinemos alguén que di: AS ROSAS SON BELLAS EN MAIO E MERECEN RESPECTO. Se preguntamos, MERECE RESPECTO O ROSAL EN XANEIRO, CANDO NON HAY ROSAS?, ata o máis obtuso voluntarista respondería: SI O MERECE, PORQUE SE NON HAI ROSAL EN XANEIRO, TAMPOUCO HABERÁ ROSAS EN MAIO.

Reforza todo isto con outra consideración, a terceira e última: A vida da especie é “condicione sine qua non” da vida do individuo. Pero a vida da especie é o mesmo que a transmisión da vida individual mediante a sexualidade: Empeza cun cigoto de 46 cromosomas, a partir das dúas células materna e paterna, cada unha delas con 23 cromosomas. Esa vida termina no momento do nacemento, coa sección do cordón umbilical. No seo da mai, a vida do feto semella a dos virus, que non teñen vida individual: separados da colonia, morren. Esta vida, por suposto, é dependente da mai.

O grave do aborto é que parece como se non se houbera matado a ninguén, porque non o temos individualizado. Pero pensemos neste outro exemplo que nós pon D. José María: Un terrorista mata unha vítima; pero non lle rouba a carteira. Pode presumir de honrado con respecto ao roubo?. Axiolóxicamente, non; o terrorista é un ladrón, porque sacou a vida a un propietario dunha carteira, condición necesaria para que esa propiedade lle seguira sendo real e efectivamente atribuída (non en ficción xurídica, engado eu).

Consecuencia: Cando se mata, “automáticamente invalídanse todos os presuntos dereitos humanos”. E da mesma maneira, cando se admite o dereito a abortar, tamén quedan invalidados. Esta é a reflexión do autor. Sinxela parece; pero ten miga.

Non obstante, a min quédame unha dúbida: No caso de que se poida determinar empíricamente que un feto nunca chegará a ser unha persoa humana, pode abortarse sen trabas axiolóxicas?. Porque estes días saíu á luz pública que, en San Salvador, a unha mai, que padece lupus e unha enfermidade renal, non lle permiten abortar, aínda que empíricamente está demostrado que o feto carece de cerebro e non poderá sobrevivir, e ela ten en perigo a súa vida, por moitas recomendacións que fagan os tribunais de xustiza. Aínda que as autoridades competentes tiveron estes días que acudir a unha ficción xurídica e practicarlle un aborto so capa de provocar un parto.

Sigo pensando, modestamente, que a cuestión do aborto é abondo complexa para poñela nas mans dos políticos: Ben merece un concienciudo estudo multidiscipliar, sen presas e fora dos voluntarismos “fundamentalistas” e das veleidades xeradas nos marcos ideolóxicos. Máis tendo en conta que as comisións de expertos que soen crearse dende os ministerios poden estar vinculadas a ideoloxía do goberno da quenda.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES