Cantando Cantares Gallegos
Santalla, Iago - miércoles, 05 de junio de 2013
O pasado 13 de Maio Mujeres Entretejidas celebrou no Museo Provincial de Lugo unha actividade arredor da nosa poetisa máis senlleira: Rosalía de Castro. Apoiada na súa figura, a asociación quere darse a coñecer cunha clara vocación solidaria, integradora e intercultural. Esta asociación ten como centro a loita pola igualdade de xénero e a convivencia. Por iso é unha entidade de portas abertas na que collen todas as persoas que teñan como principios básicos a liberdade, a igualdade e a solidariedade entendida como interdependencia que nos axuda a alancar polas costas da vida en tempos adversos. Polo tanto é difícil atopar alguén que non colla no ideario de Mujeres Entretejidas.
Idearios aparte, o acto do día 13 foi deses que volven a emoción arrepío para gardala na memoria. Todo comezou coas verbas de Marica Campo sobre Rosalía, aplicando os seus versos á actualidade; de certo, moitos deles ben podían ser escritos nesta Galicia do século XXI....
Ao mesmo tempo, lembrou Marica que o compromiso de Rosalía coa terra e co idioma durou ata a fin dos seus días.
Despois escoitamos á sempre enigmática Negra Sombra na gran voz de Alma Selene, e por último Mini e Mero cantaron dous poemas de Rosalía e recordáronnos o risco das teas de Penélope, que Xosé María Díaz Castro cantou como ninguén.
Este acto demostra unha vez máis que existe un diálogo e un respecto intercultural polo que moitas persoas traballan sen descanso, entre elas a asociación Mujeres Entretejidas. De certo, é un pracer e un deber colaborar con esta causa nunca perdida, xa que o día que se perda perderase, tamén, a propia sociedade. Ben seguro que se traballamos dende o diálogo agromarán actos coma este, que nos convocan na quentura da diversidade, ás máis variadas visións do mundo. Iso si que nos enriquece!
Grazas a todas e todos / as os que fixeron posible Cantando Cantares Gallegos

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora