Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón da VIII Feira da Empanada de As Nogais, 26 mayo 2013.

jueves, 06 de junio de 2013
Pregn da VIII Feira da Empanada de As Nogais, 26 mayo 2013. Sr. Alcalde, autoridades señoras e señores:
En verdade teño que dicir que o rexedor, sen querelo ou ben querendo, en bo apuro me meteu, pero xa que estou metido, imos ver se son capaz de saír. Pídeme o señor Núñez pregoar esta festa, creo que moi boa para larpeiros e larpeiras, amén de larpeiriños e larpeiriñas. E eu, que tanto gusto da historia, non serei quen de facelo sen falar da miña terra, As Nogais.

Penso que o mellor é comezar intentando saber que quere dicir As Nogais, que aquí está a capital do concello que primitivamente puido levar o nome procedente do substantivo latino nucalis, en singular, ou mellor nucales, plural de nocal, nocale, nogale, nogar, nogare, nokare, nugare, como se reflicte en documentos mediavais. Como se ve, ten o mesmo significado que nogueiras, árbores produtoras de nux, nucis, noz ou, en plural, noces. E xa que sabemos algo do nome, haberá que seguir falando do municipio, que pertence á comarca dos Ancares. Delimitado por Becerreá, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Cunha extensión de 110,3 km² e unha poboación duns 1300 habitantes, que habitan os pobos das nove parroquias.

Relevo: O concello das Nogais, pode situarse plenamente dentro da área montañosa de Galicia oriental, no conxunto denominado normalmente serras orientais. O seu marco físico aparece definido por unha alternancia entre vales estreitos e profundamente encaixados, froito do anovamento de antigas estruturas. Deste modo, os vales do río Navia e os seus afluentes constitúen a parte máis baixa do territorio municipal, con altitudes que van desde os 600 a 800 metros. Entre as cadeas montañosas destacan, por un lado, as serras do Rañadoiro e do Piornal, que superan os 1300 metros de altitude; tal e o caso do Pico do Corvo, arriba da casa de Chancia. Ademais supoñen o límite natural con Pedrafita do Cebreiro e tamén de Triacastela, na Pena de Pando. Polo que respecta ó límite de Cervantes hai un grupo de pequenas serras, como a da Escrita, que non deixa de ser un claro preámbulo dos Ancares. O que podemos chamar unidades montañosas, cos seus vales, aséntanse sobre un substrato rochoso onde predominan as calcarias, lousas, pedras de gra e cuarcitas dunha considerable antigüidade, cuxa formación se remonta ó cámbrico, ordoviciano e silúrico, vén a ser o comezo da Era Primaria. Aínda que estes materiais foron pregados coa oroxenia herciniana, este episodio pouco condicionou a evolución posterior do relevo, xa que estas áreas levantadas sufriron un completo arrasamento, producido pola erosión na Era Secundaria.

A configuración actual do relevo explícase a partir da fracturación noeoxenocuaternaria, responsable do rexuvenecemento de moitas superficies de aplanamento. As redes fluviais, adaptadas á tectónica e instaladas sobre os bloques levantados, desenvolveron unha importantísima acción morfoxenética, arrastrando principalmente os materiais máis brandos e deixando en resalte os máis resistentes á erosión. Finalmente, os fenómenos de glaciarismo e periglaciarismo deixaron mostrar os seus efectos no modelado nas partes máis altas das serras (por encima dos 1000 metros).

O val do Navia ocupa unha posición céntrica dentro do territorio municipal, presenta unha dirección suleste-noroeste e encáixase fortemente con respecto ós altos cumes que o rodean. A súa altitude descende progresivamente de sur a norte, dende 800 metros no límite con Pedrafita ata os 400-450 metros cando entra en Becerreá e, ó ofrecer unhas boas condicións de abrigo, é moi favorable para o asentamento da poboación. Os afluentes do Navia tamén abriron vales de reducido tamaño, que poden internarse ata o mesmo corazón das cadeas montañosas e supoñen os escasos terreos de cultivo desta parroquias.

Estes vales lindan polo sur coa serra do Rañadoiro e a do Piornal. Na primeira delas supéranse os 1.300 metros de altitude na maioría dos cumes. As alturas son semellantes no sector occidental de serra do Piornal, onde se alcanzan os 1380 metros, non obstante, as cimas son cada vez menos elevadas cara ó leste arredor de 1.100 a 1.200 metros. Estás dúas serras seguen a mesma dirección, norleste-suleste.

No límite con Cervantes volven dominar as altas montañas. Aparece un conxunto de serras de reducida extensión, orientadas en dirección noroeste-suleste, é dicir, paralelas ó val do Navia, que constitúen, sen ningún xénero de dúbidas, os somontes máis accidentais dos Ancares. A súa altitude oscila entre 1.000 e 1.200 metros.

A situación das Nogais, entre estes dous conxuntos montañosos mencionados, fai que o termo estea incluído no amplo espazo natural denominado Os Ancares-O Courel, que conta coa distinción de Lugar de Importancia Comunitaria.

Clima. As Nogais inscríbese nitidamente no dominio oceánico de montaña, por ser a elevada altitude o principal factor que o define. Claro está que sendo un concello tan montañoso, dáse un clima moi variado dunha parte a outra, é dicir, mentres que pola Pena do Corvo (Casa de Chancia, As Cruces) pode haber unha boa nevarada, aquí na vila pode facer moi bo tempo.

Hidrografía. A conca do Navia atravesa toda a superficie municipal, cun trazado que debuxa unha dirección suleste-noreste; o seu curso fixouse aproveitando unha fractura tradoherciniana e é apreciable un desnivel acusado cunha progresiva perda de altitude de sur a norte. Trátase do curso alto, definido pola gran velocidade das súas augas, un val profundo orixinado mediante un proceso de afundimento do leito e a considerable achega de auga a través dos seus afluentes. Nas súas ribeiras instaláronse numerosos núcleos de poboación, como son: Doncos, As Nogais... e ó fondo do val constitúe excelentes terreos de cultivo. Está guiado pola tectónica. A rede hidrográfica é de tipo dendrítico, ó establecerse sobre un substrato rochoso homoxéneo. Ademais, as confluencias do río principal cos afluentes realízanse en ángulo agudos.

Son numerosos os ríos, regatos e cursos temporais de auga que desembocan no Navia, non obstante, moi poucos deles alcanzan unha mediana lonxitude. Xeralmente nacen xunto ós altos cumes e conseguen un máximo de caudal na primavera grazas ó desxeo. Só merecen ser destacados o Boullón, afluente nacido na parroquia da Alence, é o río de Valdeparada, que nace nas proximidades de Pedrafita do Cebreiro e desemboca nas Nogais.

Vexetación. O seu estado actual é consecuencia da intervención do home, cuxa acción se dirixiu a buscar uns maiores rendementos na explotación forestal e a aumenta-la superficie cultivada, o que fixo retroceder sensiblemente as áreas boscosas. A introdución de novas especies vexetais, principalmente o piñeiro, que se levou a cabo con Plan Nacional de Repoblación Forestal, foi un dos feitos de referencia da acción antrópica, e en certa medida para algúns núcleos de poboación incluso foi perxudicial; dado que moitos veciños viron como parte dos montes non os podían aproveitar para o gando.

Grandes extensións están cubertas de xesteiras, principalmente nos montes daqueles pobos que están semidespoboados, exemplo de Forcas, Cubilledo, Chancia, Curis, e outros. Noutras zonas xa arribeiradas, máis ben achegadas á vila, encóntranse castiñeiros, e nas ribeiras abeleiras e nogueiras; ademais de arbores froiteiras, tales como mazairas, pereiras, cerdeiras...

Demografía. Segundo me dixo o señor alcalde, este concello ten agora sobre 1300 habitantes, e desgraciadamente cada ano que pasan quedan menos veciños. Cando en 1860 tiña 4.851; en 1900, eran 5.057; en 1910 había 5.072 habitantes, que foi cando máis tivo, desde que hai estatísticas. En 1930 eran 4.463. En 1950 había 4.149, en 1960 eran 3.239, en 1970 eran 2.518; en 1981 eran 2.283, e en 1986 había 2.089, de aí a esta parte comeza a grande sangría, o despoboamento, tremendo, triste pero lamentablemente real. Algo que por outra parte é tan común na totalidade dos concellos da montaña. No ano 2004 os núcleos máis habitados eran a capital do municipio con 228 persoas; Doncos con 165; e Nullán, que contaba con 86 veciños.

Algo de historia. A dicir verdade, falar da historia do que hoxe é concello de As Nogais, podería dar suficiente materia para facer un bo libro, dado que estas terras son coñecedoras de moi antigas culturas, que se remontan a moitos miles de anos. Temos que ter en conta que non moi lonxe de aquí está a cova de Eirós, na Vilavella, en Triacastela, e fai a frioleira de 35.000 anos en dita cova xa vivían seres humanos; nela foron encontrados restos do Homo Neanderthalensis e do Homo Sapiens. Outro exemplo está na cova de Valdevara, en Becerreá, nela foron recuperados restos do Bronce Final, Neolítico Final, Calcolítico, Mesolítico e do Paleolítico. É dicir, pódese considerar que estivo habitada desde os anos 30.000 ó 1.000 antes de Cristo. Tendo en conta estes dous exemplos, temos que supoñer que por aquí tamén puidera haber algunha que outra colonia, e que seguramente hai máis dunha cova, que aínda non foi descuberta, que puidera encerrar moi interesantes restos que algún día nos poden achegar moita información. Pero xa non querendo ir a tempos tan arredados, tamén temos monumentos algo máis recentes, é o caso do dolmen que está preto da casa de Chancia, chamando o Penedo, que pode datarse entre o ano 4.000 e o 2.000 antes de Cristo. Tamén aparece con frecuencia o nome de modorra, medorra, que son claros exemplos de que neses lugares hai ou houbo restos prehistóricos. A época castrexa é moi ampla, aproximadamente comprende dende o século VI a.C. aó IV d.C. , incluíndo a romanización. Entre outros xacementos castrexos temos no concello os castros da Fonte do Cando, Torés, Sinllán, Nullán, Castelo, Vilaesteba, Viladeicente, e Vilabol.

Ademais, aínda que sexa contradicindo máis de unha voz autorizada, eu estou plenamente convencido que ao longo do curso do río Navia, viña unha vía romana, de máis ou menos importancia, non tería obxecto o castelo de Doncos, se non houbese algo que gardar por alí, e a toponimia fala do camiño de Counavia, é dicir "con-el-Navia", que segue o río Navia. Algúns historiadores apuntan que neste lugar, na calzada que unía Braga con Astorga, se situaba a mansión romana de Ponte Naviae. Outro camiño de gran importancia e o chamado Antigua ou Camino de los Romanos, así aparece reflectido no deslinde das parroquia de Fonfría en Nullán feito o 27 de febreiro 1757. Tendo presente que a maior parte das parroquias xa datan do século XII, o feito de que as deslinde o camiño significa que xa había dita vía. Camiño que se debe potenciar, dado que tamén foi ruta alternativa de peregrinos desde Padornelo a Lamas de Biduedo. Se ben o camiño comeza en Veiga de Valcarce e termina na cidade de Lugo, pasando por O Cebreiro, Padornelo, Chancia, As Cruces, Alvela, Furco da Meda, As Farrapas, Galegos, Ponte de Carracedo, O Corgo e Lugo cidade. Sabido de sobra é que por aquí pasaba o Camiño Real de Castela, que tan mencionado foi polos enxeñeiros que dirixiron a construción da carretera, é dicir, camiño de carretas, que se empezou en 1762 a terminou en 1779. Mencionan dito camiño o Marqués de Croix, tamén José Crame e Carlos Lamaur, nas súas respectivas memorias fan amplas referencias a restos que atopaban que eran, segundo eles, dos romanos. O eminente historiador don Claudio Sánchez Albornoz referencia que estas terras foron escenario dalgunhas batallas durante invasión dos musulmáns na península, principalmente onde está a ponte de Cruzul.

Da época alta e baixa medieval quedan numerosas referencias documentais e, incluso, algún importante monumento como son partes da igrexa de Santo Andrés, que sen lugar a dúbidas é o mellor monumentos de todo o concello, onde había un primitivo cenobio, e onde temos un haxiotopónimo do patrón parroquial, o greco-latino Andreas, que provén do grego Andreía, ‘virilidade’. Como xa dixen antes, de época medieval seguramente do século XII, son a maior parte das parroquias, e como é natural cada parroquia tiña a súa igrexa. Daqueles moi antigos templos, só quedan elementos na xa mencionada de Santo André.

A igrexa de Alence, data da reforma diocesana de 1891, dado que no seu lugar había a capela de Santo Adrián; as obras de ampliación de capela a templo parroquial terminaron en 1893. É unha construción sinxela, rectangular. Con cuberta a dúas augas, o mesmo que moi sinxelos son o seu retablo e as súas tallas. O dono da casa de Vilarín don Manuel Núñez Saavedra, entonces alcalde de As Nogais e xuiz de paz do mismo concello, en 1889, encabezou a solicitude dirixida o señor bispo de Lugo, pre que na Alence tivesesn cura, e os veciños de As Cruces, Alence, Pando e Vilarín tivesen a sua propia parroquia. E decir, segregalos de Torés.

Doncos. O mesmo poboado é moi antigo, xa no ano 1164 figura co nome de Dauncus; e nos séculos XII e XIII xa pertencía o arcediago de Triacastela. Ten un moi interesante templo parroquial, con nave a dúas augas, na que hai vestixios románicos. Foi moi refeito o largo dos tempos. Quizais foi un dos primeiros pobos en ter un reloxo público. E no seu interior aínda quedan dous interesantes retablos coas súas respectivas tallas.

Noceda. Se da anterior temos antigas referencias de esta aínda vamos máis alá, é dicir, no ano 921 chamábase Nuceta, e no 1065 Noceta. Formouse sobre a voz latina nux-nucis, noz, co sufixo de abundancia -etum, eta. Isto é certo, é terra fértil, con zonas de caliza, onde abunda o castiñeiro, a nogueira e outras árbores froiteiras. Ten igrexa ampla, con atrio no lateral sur–norte, bo e robusto templo de tres naves, tivo un reloxo como a de Doncos, que eu aínda recordo, polos anos 70-80 do pasado século, desmontado en pezas no adro cemiterio. O mesmo que Doncos foi cabeza de xurisdición, a casa palacio foi nun principio dos Ulloa, destacando dos seus membros don Pedro Luís de Ulloa, que era mozo en 1752, e percibía amplas rendas dos veciños da freguesía. Propietario da Ferrería de Bois, tamén dun pazo e terras en Villafranca del Bierzo e mesmo dunha casa e terras en Torés e outras en outros sitios da zona.

Nogais, Santa María Magdalena. O nome é o que xa expliquei ó falar do concello. A igrexa é máis ben recente, obra neoclásica, de 1835, con nave a dúas augas, Arco triunfal de medio punto, e bóveda de canón. Conserva un par de tallas interesantes e no Museo Diocesano de Lugo está un pequeno crucifixo de 23 X 18 cm. que é prerrománico, con tendencia bizantina, en metal con indicios dun primitivo dourado.

Nullán. O nome vén do antropónimo visigótico Nunila/ Nunnila/ Nunilla-anís, acusativo Nunilanem, formado co sufixo diminutivo –ila e co tema do hispanolatino Nunnus. A igrexa é renacentista, ten unha peculiar estrutura e foi refeita en 1623. Semellándose un pouco ós templos fortalezas, aínda que nada ten que ver con eles. Posteriormente tivo moitas engádegas e arranxos, e conserva un valioso conxunto de retablos e tallas. Algunhas das imaxes tiñan as súas propias rendas, segundo deixara no seu testamento o crego don Pedro de Arrojo, quen tamén mandara facer a hoxe desfeita casa reitoral.

Quintá. [Se traduce o latín quintana], voz derivada de quintos, a, um, que podía aludir a unha vila posuída por Quintanus ou por un colono que debía de pagar a quinta parte dos froitos ó seu señor. A igrexa está contornada polo adro cemiterio. Sufriu un incendio en 1927, en 1982 foi moi ben restaurada. De nave rectangular, cuberta de lousa, a dúas augas; presbiterio máis elevado a catro augas; arco triunfal de medio punto sobre impostas e pilastra. Meréceme atención un copón de prata coa inscrición que di: " Este copón mando haser el Lic. Ciprián Vázquez. Año de 1686".

Torés. O nome parece un xentilicio derivado do antropónimo Turesus ou Teresius. Este pobo xa se cita no ano 982, in Navia villam... vocábulo Turres, e noutra versión coa mesma data, in Navia, villa dicta Tures.

Torés, coma xa dixen foi cabeza de xurisdición, e soar dunha das primeiras quince familias máis antigas e máis nobres de Galicia, os Bolaño, posteriormente Bolaño-Ribadeneira, cuxo castelo hoxe felizmente vemos como ó está recuperando o concello, o que ten que ser un aliciente turístico máis pra zona. Ten Torés unha das mellores igrexas da montaña lucense; que esencialmente é renacentista, de tres naves, cun acceso en arco carpentiano. No segundo corpo da torre hai unha inscrición que di: " ESTA TORRE SE HIZO SIENDO/ CVRA BARTOLOMÉ GÓMEZ/ PASO A COSTA D LA YGLA. AÑO D 1648". Tamén no lintel dunha porta lateral temos o seguinte texto: "ESTA OBRA NAVE I SACRITIA IZO SIEN/DO CVRA INDINO DSTA PAROQVIA DON DIEGO DE/CAMBA AGUIAR PIDE RVEGEN A DIOS POR EL. AÑO DE 1715".

No seu interior conserva senllos monumentos funerarios dignos de un ben feito estudo, incluíndo a súa apertura para poder saber o que pode quedar dentro de restos funerarios. O retablo maior é unha autentica xoia do barroco galego, de finais do século XVII e principios do XVIII, que foi pintado e dourado de 1766 a 1787. As tallas van de acordo co conxunto, e todas elas son moi valiosas pezas; das que destaco a imaxe de San Xoán Bautista, da que hoxe se pode asegurar que é obra do gran escultor galego Francisco de Moure. Non menos interesantes son os outros retablos e as pezas de ourivería parroquial, destacando a valiosa custodia solar, feita en 1667, con inscrición que di: "DIOLO DON PEDRO BOLAÑO SEÑOR DE TORÉS Y JUNQUERAS. AÑO 1667". Tamén mención especial e estudo merecen as pinturas murais que ten na bóveda do presbiterio e nos laterais.

Viladicente, nome composto do latín Villa e do persoal Decentius, é dicir: decente, decoroso. Que tamén figura en moi antigos documentos. E outras do mesmo nome xa aparecen citadas nos anos 1009 e 1079.

O templo parroquial ten nave a dúas augas, con presbiterio máis elevado a catro vertentes con esvelta cúpula, sen lanterna, anelada na súa base. O retablo é barroco dun corpo e ático, con catro columnas salomónicas con ácimos. Ten interesantes tallas, o mesmo que o retablo lateral norte. Sendo o conxunto de retablos e as tallas do século XVII. Ademais neste templo había e debe haber un escudo de armas, que é cuartelado, coas armas dos Neira, Bolaño, Balboa, e Becerra.

Tamén nesta parroquia naceu en 1814 Luis Antonio Becerra Chao, a quen se le deu mui ben a mediciña e se fixo famoso por haberlle extraído, en un mesón en As Nogais, unha moa a raiña Isabel II, a que a su vez ou distingiu ca Cruz e Bande de Isabela Católica.

Patrimonio artístico. Ten este concello un amplo patrimonio, tanto o xa citado de xacementos arqueolóxicos, templos parroquiais, capelas... (algunhas xa non existen como a de San Antonio en Forcas), pero tamén destaca na arquitectura civil. O castelo de Doncos, un dos solares da nobre familia dos Valcarce. Torre que xa figuraba deshabitada en 1622, que protexía e controlaba o paso pola vía chamada Counavia. Castelo de Torés, solar dos antigos Bolaño. Din as antigas crónicas que xa data dos romanos, e de tempos da raíña Lupa, pero volvendo á realidade, o que hoxe vemos, non vai máis alá dos séculos XV ou XVI. Temos pazos: como o palacio de Doncos, vivenda do primeiro e único Marqués de Vilapún, don José Bruno Antonio Francisco León Manuel Adonay Magdalena García de Vilouta, Santín y Valcarce, López Montenegro, Evia Miranda Sierra y Cienfuegos. Tamén en Doncos a Casa "de su Excelencia", foi o edificio administrativo da xurisdición, que pertenceu en 1456 ó Conde de Ayala. O Palacio de Noceda, un dos solares dos Ulloa. O pazo de Pardo de Torés, que durante séculos foi morada dos administradores das rendas da xurisdición de Torés. A casa señorial dos Casares, vinculados cos Celas de Meizarán. A Casa Grande de Vilarín, onde naceu o famoso carlista don Manuel Nuñez Saavedra, quen chegou a mandar unha forza de 250 homes e, posteriormente, foi alcalde das Nogais. A casa do escribán de Vilela, a casa da Torre de Nullán, a casa do Mayorazgo de Quintá, a Casa de Fontela de Cubilledo, a Casa de Chancia, a casa da Regueira de Nullán, a de Roxais das Cruces e moitas outras que por falta de tempo e espazo non podo citar.

Antigo Réxime. No antigo réxime o que hoxe é concello das Nogais, tiña as parroquias que o formaban, distribuídas nas xurisdicións de Doncos, e Torés, ademais do couto redondo de Noceda.

Nos primeiros axuntamentos constitucionais, no que hoxe é o concello, figuran dous axuntamentos que son Doncos e Noceda, que formaban parte do Partido Xudicial de Cruzul. Unha vez feita a división de Galicia en catro provincias, a comezos de 1822, estes dous axuntamentos de Doncos e Noceda seguen pertencendo o Partido Xudicial de Cruzul, pero pasan tamén á nova provincia de Lugo.

Coa División Municipal do Real Decreto de 23 de xullo de 1835. Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 22 de novembro de 1835, figura, o concello de Doncos, coas parroquias de Doncos e Nullán, ademais de ter outras, agora pertencentes a Becerreá. Noceda, coa súa parroquia Noceda, como coto redondo que era. As Nogais collía as parroquias de Santo Andrés e Santa María Magdalena das Nogais, e as de Quinta, Torés e Viladicente, posto que aínda non estaba constituída a parroquia de Alence, que data de 1890. Na reforma xudicial e municipal de 1840, segundo o Boletín Oficial da Provincia de Lugo, do 18 de outubro de 1840, foi suprimido o concello de Noceda e o das Nogais, e quedou o de Doncos. Na sesión da Deputación de Lugo do 7 de outubro de 1844, acórdase non considerar conveniente a segregación que solicitaban para a parroquia de Noceda. En 1845 xa aparece como concello das Nogais, non como concello de Doncos. Tamén foi este concello desde 1834 a 1840 cabeceira do Partido Xudicial ata que a xunta provisoria de Lugo, en outubro de 1840, decretou o pase de cabeceira do partido xudicial a Becerreá. Tamén estivo por certo tempo o concello en Vilela, na casa do Trobo, tamén chamada casa de Pío. Data na que vivía nela o escribán don José Pérez del Trobo, do que se conservan protocolos no A.H.P.Lu. desde 1796 a 1803. Creo que deste escribán moitos outros protocolos se deberon de perder.

Como última reforma da división, creo que foi a feita polo decreto de 20 de xaneiro de 1966, no que o pobo de Meizarán pasa ó axuntamento de Triacastela.

A economía. Tradicionalmente as actividades xiraron en torno á produción agrícola e gandería, a excepción da capital municipal onde había e hai unha serie de comercios, establecementos de hostalería, e servizos básicos. Con posterioridade, nas últimas décadas, aproveitando estes recursos primarios xurdiron no termo municipal actividades secundarias como industrias de alimentación, queixerías, embutidos, e tamén talleres de ebanistería, entre outras pequenas e non tan pequenas empresas.

E como punto final, teño que pedirlles moitas desculpas polos meus empalagos, desexo moitos anos de vida a estas iniciativas e invito a todos os veciños a querer de corazón a nosa terra.

Grazas a todos.
López Pombo, Luis
López Pombo, Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES