Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

J. Manuel Peña Romay ou a paixón pola luz

martes, 04 de junio de 2013
J. Manuel Pea Romay ou a paixn pola luz Dende sempre en Romay houbo un apaixonamento pola luz, primeiro foi a luz de electróns que o acubillaba nun traballo de tecnicidade e de entrega, mais o ano 2002, fíxose a luz – fíxense vostedes nos díxitos que o compoñen 2, 0, 0, 2. Xuntáronse os dous polos deste único número positivo, o dous, que nos vén recalcar a presenza dun cableado vermello e amarelo, mouro e branco, verde e branco etc., etc, mais tamén dunha cor que serve para levar e traer os electróns nun cable neutro que percorrerá toda a súa obra: O AZUL. Pois ben, neste ano estronda un circuíto que deixa a súa vida acendida, presa, inflamada e afervoada por outra luz da creación que o vai abranguer na súa totalidade e levalo non ao universo dos electróns, senón a universalidade da pintura que o engole e o arrastra á ceguedade da creación pictórica.

Romay, por obra e graza da luz, converterase nun soñador que deambula polas rúas e as prazas á procura da luz, á procura das cores reflectidas en imaxes da cidade, en impresións fílmicas dunha realidade nosa, abranguendo a muralla eterna e esa praza soñada polos canos da auga convertida en viño un día do ano, praza emblemática, ensoñada e circundada polos pinceis da inmensidade na urbe vella. Lugo, de pedra e de mel, de auga e de azul, ponte nova curvada de presentimentos na ARQUITECTURA que conmove entre o azul dunhas tebras ignoradas pola soidade, polos cabelos duns pinceis namorados, mais tamén polos pinceis dunha Coruña asomada ás galerías do Modernismo, onde o pintor arribado aos seus adentros, vixía o mar, o porto e o Orzán sometido ao Atlántico, o xigante Atlas, castigado por Zeus para soster nos seus ombreiros a bóveda do ceo, e de aí os azuis atlantes do Romay atlante de azul; pero o seu corazón azul mariño vive tamén no noso mar, o mar cántabro, a mariña da beldade, a mariña cargada de nordés e de rochas, de praias salvaxes e de ondas alporizadas por un vento que berra fremente estourando contra os cons ou levedando as praias na enchente do azul.

Romay de contornos urbanos e de arquitectura colgada en diedros do azul, reflectida no azul, sentida no azul, diluída no azul que pasea á súa beira polas rúas apouvigadas polos pinceis que eternizan músicos neorrealistas ou expresionistas, rompendo notas, sentindo verdades de sons, troulando sentimentos desgarrados nos cóncavos instrumentos que creban a cidade de laios e hologramas de cores dimensionados.

Velaí o que Romay chama as “personaxes pasmadas” e que tamén se atopan nas rúas cando deambulamos por elas ou polas prazas baleiras, e de repente . . . aparécensenos esas persoas ficticias que saen posiblemente das obras literarias ou das películas que non rematamos de ler ou de ver, e veñen canda nós e convértense en seres encarnados en figuras humanas, mais no fondo das súas existencias non está a realidade, quizais son almas en pena que deixou a Santa Compaña despois de vender as sabas brancas e quedarse na nuez que as pantasmas dunha paleta atormentada converten en arlequíns da noite, en maxia de contornos, ou en trasgos que aparecen inoportunos entre as esquinas, ao dobrar as prazas, ou detrás dunha árbore desacougando a aqueles que ousan velos, porque a gran maioría non está capacitada para sentilos e soportarlles certas burlas ou bromas inofensivas que os seres dos aires fan entre o silencio das pedras e a auga dos amenceres.

Benvido, querido Romay, a este azul cheo de frescura, mais tamén apazugado e calmo, para levarnos á intelectualidade da mente preclara e á tranquilidade choída do balbordo, sedante de desacougos e conformador da saúde e da paz.

Os meus parabéns para o azul e para Romay.

(Palabras de Otero Canto na inauguración da exposición de pintura de Peña Romay na lucense Nova Rúa).
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES