"A crise é o resultado do capitalismo salvaxe" (Papa Francisco)
Pin Millares, Xosé María - lunes, 03 de junio de 2013
"A crise é o resultado do capitalismo salvaxe" (Papa Francisco)
Este cualificativo pode outorgárselle plenamente ao capitalismo financeiro actualmente dominante, a acumulación e explotación especulativa de diñeiro é absolutamente inmoral e inhumana. A gran crise da Humanidade é que esta non é humana, por iso a gran revolución pendente é converternos en humanos.
Segundo a FAO, en 2011, con trinta millóns de dólares anuais poderíamos erradicar a fame do mundo. Coa cantidade destinada ao rescate dos Bancos (17 billóns de dólares) podería garantirse un mundo sen fame durante uns 600 anos, segundo o Premio Nobel Alternativo de Economía. En armamentos no período 207-2011 gastáronse máis de sete billóns de doláres.
Padecemos unha crise de estar e de ser. De estar, porque, ao tempo que destruimos o planeta, millóns de persoas pasan fame e, de ser porque reducimos todas as relacións humanas a mercadoría.
Non sabemos cál será o final nin a saída de todo isto, non temos modelos para realizar esta transición. Non estamos diante dunha época de cambios, estamos nun proceso lento e imprevisible de cambio de época e mesmo de civilización. As políticas que se están a poñer en práctica non achegan nin ilusión nin esperanza, senón máis ben unha especie de desánimo e melancolía defensiva e insolidaria de sálvese quen poida. Cando, no século III se iniciou a decadencia do Imperio Romano centráronse os esforzos na construción de murallas, que curiosamente rodeaban as zonas máis ricas e protexidas polos lexionarios. Hoxe, tamén, os máis protexidos son os países e as persoas máis poderosas, é dicir, os que necesitan menos proteción. Parece ser que o refuxio daquelas xentes foron as diversas formas relixiosas pagás tanto as vellas coma as novidosas.
E el, non será unha premonición que na diocese Madrid anden á procura de exorcistas especializados, capaces de controlar os diversos e variados meigallos? Se así for estaríamos apañados.

Pin Millares, Xosé María
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora