Xustiza en galego
Editorial - miércoles, 20 de julio de 2005
Dise que unha xuíza de Ferrol se negou a ler un formulario de voda, por estar escrito en galego. E o feito se fose certo- resulta tan anacrónico que merece mención, por estimar que se trataría dunha penosa excepción no conxunto de persoas que administran xusticia na comunidade galega.
Xa o bieito P. Sarmiento rexeitaba para Galicia oficiais de xustiza que non falasen un bo galego, entendendo moi ben entendido que aínda que sexan foráneos, polo coñecemento da lingua e o seu uso chegaralles o coñecemento deste país, diferente a tódolos demáis, e polo tanto necesitado de trato diferente.
¿Cómo se pode impartir xustiza a galegos sen falarlles no seu idioma, ou sen comprendelo con tódolos seus matices?.
¿Cómo se pode tomar declaración sobre un asunto de propiedades, de servidumes de paso, de lindeiros
sen entender que somos un país con xentes pegadas á terra, á tradición, ós devanceiros
que as nosas leis están escritas en papel pero, sobre todo, impresas na nosa memoria colectiva porque se temos un corpus legal escrito tamén temos un dereito popular comunitario que hai que entender e asumir.
Se é verdade que unha xuíza ferrolá se negou a ler unhas frases por estar en galego, o feito non nos produce xenreira senón pena; non nos está agraviando senón confesando unha gravísima carencia persoal; non lle temos teima, témoslle lástima.
Preferimos crer que este feito é unha desas lendas urbanas que xorden preferentemente no verán. E que non hai tal xuíza en Galicia. Que non pode haber en Galicia unha xuíza así.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora