Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ouro non se come

miércoles, 29 de mayo de 2013
Vale máis unha terra con árbores nos montes
Que un estado con ouro nos bancos
(CASTELAO)

Ensínanos Castelao nas máis belas páxinas do “Sempre en Galiza” a defender os medios de produción galegos, para que a nosa xente poida vivir da terra que lle deu o ser. Unha terra que é autosuficiente para manter a vida en plenitude, sempre que sexa aloumiñada por mans agarimosas.

Constrúe Castelao tres “afiches con destiño á propaganda que se aveciñaba”. Neles, cunha linguaxe poética que anega o corazón, fala dos tres piares que sosteñen a Galicia: “o albre”, “a vaca” e “o peixe”. Ningún contemporáneo de Castelao lle podería rebater esta realidade, que hoxe, coa incorporación dos avances tecnolóxicos que se produciron, segue sendo esencialmente a mesma. A produción agraria é a base de calquera sociedade, xa que ten unha capacidade de rexeneración da que outros sectores carecen; e estao demostrando resistindo fronte a outras torres de papel que se derruban.

Recentemente saíu a nova de que a multinacional mineira Edgewater ten entre mans un megaproxecto mineiro en Corcoesto, que afectaría a 7400 hectáreas (que segundo a Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños se tratan de lograr amedrentando os veciños) nas que, entre outras cousas, se cultiva unha das mellores patacas que produce a nosa terra. Corcoesto pertence á comarca de Bergantiños, caracterizada pola agricultura, a gandería e o marisqueo, actividades que deron lugar a produtos de valor engadido como o da pataca. Mais isto non parece suficiente cando se intúe que de baixo da terra hai ouro, e enriba da mesa política ponse un megaproxecto mineiro que producirá un desenvolvemento insostible a costa de arruinar ao sector agrogandeiro e turístico da comarca.

Segundo a plataforma “Salvemos a Cabana”, a explotación da mina terá consecuencias irreparables na agricultura, producindo contaminación no aire, nas augas e no chan. Neste sentido tamén se recorda que os materiais utilizados para as detonacións, como o arsénico e o cianuro, son altamente tóxicos e prexudiciais para a saúde da comarca e dos seus veciños. Estes argumentos veñen avalados tamén polo campo da bioloxía, dende o que se fala dun posible desastre.

Os beneficios do proxecto, segundo o periódico La Voz de Galicia, do 24 de Maio, serían 1628 postos de traballo por un ano, que quedarían reducidos a 168 postos directos e 147 inducidos ao longo da vida da mina. O que non se calcula é a destrución de emprego que se producirá nos sectores endóxenos propios da economía da zona, por certo con máis horizonte temporal...

Estamos nun momento grave en que os desesperos da poboación poden levala a agarrar táboas de salvación que en realidade son láminas de chumbo coas que pode afundir toda unha civilización, todo un pobo. Non podemos saír da crise a costa de todo, non podemos xerar pan para hoxe e fame para mañá, non podemos vender a nosa propia saúde por un miserable xornal. É mellor facer unha viaxe de regreso á terra e volver agromar dende as raigames do noso propio potencial, do que sementaron para nós os nosos antergos e o que temos a obriga de sementar para os nosos devanceiros. Galicia é unha terra incrible, indomable e case infinda que atesoura oportunidades limpas e renovables que apenas exploramos.

Oportunidades que nos veñen a dicir que aquí collemos todos. Trátase de vivir cheos de saúde e benestar, ou sucumbir á febre do ouro para a que non existe paracetamol posible.

De novo Galicia xógase o seu futuro (segundo datos da plataforma, a minería a ceo aberto ameaza o 50% do seu territorio), como naquel Xove ao que lle prometían a fartura nunha central nuclear. Respondamos “non”. Non ao progreso insostible. Non a renegar dos produtos cos que a terra nos dá vida. Non a deixar de gozar en todos os sentidos da natureza que nos arrola no berce da plenitude. Non a negar este legado aos nosos devanceiros. Non a un progreso enredado nas teas de Penélope. Non a renunciar ao sabor das patacas. Non a xogar coa necesidade da xente que precisa un emprego para vivir (non para sobrevivir), porque ten dereito a unha vida digna e saudable.

Non a expropiar un pobo para reconvertelo en man de obra dunha multinacional. Non!, porque temos moito do que vivir sen estragar a terra. Non ao ouro porque O OURO NON SE COME.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania