Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Roberto Vidal Bolaño na Chaira

miércoles, 22 de mayo de 2013
Teño para min que o Día das Letras non pode reducirse a unha xornada, cómpre alongalo, celebrando a obra, neste caso de RVB, coma se proxectou no tempo aquela experiencia de 1977, a fundación do teatro en Xermolos, cando organizamos a primeira velada cunha obra do Grupo Antroido de Santiago, que protagonizaba o actor que arestora festexamos, RVB.

Foi un día de expectativas, era a primeira obra que achegabamos a Guitiriz: “Amor e crime de Juan el Pantera”. Para arrequentar a festa actuou o grupo Froito Novo de Melide. O ximnasio estaba ateigado de xente, porque Xermolos puxera autobuses a todas as parroquias. Pero o que máis nos impactou foi aquela conversa co director e actor, RVB, emocionado por aquela resposta afervoada do público. Con moito vagar reforzounos nos debezos de potenciar esta arte dende aquí. Foi o padriño do noso bautizo na dramaturxia.

Porén, o 15 de setembro, no Paseo dos Soños, no Rañego de Vilalba, cando erguíamos o seu hectómetro literario, felicitei a Margarita Ledo, a académica da lingua e directora de cine de Castro de Rei, por sinalalo para a Festa das Nosas Letras, porque foi o inventor do teatro galego. Anos despois traballou coma actor e iluminador en A casa dos afogados, a peza do dramaturgo da Feira do Monte, Miguel Anxo Fernán-Vello, porque a Terra Chá non é só unha patria poética, é tamén un obradoiro da escea máis sobranceira: Xosé Manuel Carballo, María Xosé Lamas, e sobre todo, Manuel María.

Xermolos representaría cos monicreques o seu clásico Barriga Verde e editaría o drama histórico Os Irmandiños, musicado por A Quenlla. O esgrevio creador Carballo, non é só un escritor teatral, é un “todoterreo” coma RVB, no mundo das tablas, e sobre todo dinamizador de grupos: Os Valuros, que veñen de cumprir 25 anos, Os Xubilosos de Muimenta… Non temos espazo para celebrar o teatro coma recurso escolar e catequético nos colexios e parroquias chairegas, pois foi unha colleita moi vizosa, quero lembrar as sesións daquel crego benefactor Gabriel Pita da Veiga en Guitiriz e Vilalba, antes e despois da guerra, e ata cregos que fixeron pezas para festas estacionais coma o Nadal, así Antonino Roca da Santa Mariña de Lagostelle.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES