
Benqueridas Nora e Xela, benquerido Fico, benqueridos familiares todos, amigas e amigos:
Hoxe cumpliría 99 anos Avelino Pousa Antelo, xa no alén, pero merecente dunha memoria inmorredoira neste mundo do aquén.
David Otero Fernández, coma min, o seu grande amigo e compañeiro, invítanos a crear a Irmandade Nacional Avelino Pousa Antelo, neste templo de honra dos Verxeis, que é o Parque Avelino Pousa Antelo, e perto do templo familiar, amical e cultural do seu fogar. Aplaudo de corazón a idea, e bríndome a colaborar nela canto poida.
Avelino foi, para min, un amigo verdadeiro, un irmán maior, un mestre, un guía e un exemplo. O meu fillo Xoán Manuel, compartindo comigo a admiración a Avelino, expresou unha definición certeira do mesmo: "Avelino -dixo- ten unha grande empatía e unha gran simpatía". E así era.
A súa vida e a súa obra merecen, ademáis dos traballos biográficos feitos, de gran valía, de Amancio Liñares Giraut, do seu discípulo predilecto Valentín Arias López e do propio David Otero Fernández, un amplísimo estudo recompilatorio das múltiples e variadas facetas da súa vida e unha recompilación das súas obras, artigos en prensa local e nacional, traballos en revistas, entrevistas, conferencias, etc, etc.
Hai un título en Avelino que nos está chamando a todos, por suposto a todos os ben nados, e ese título é: "Galiza, tarefa urxente". Todos a loitar, e en tódolos campos por Galiza, sen perder un segundo. Coma el fixo.
Cando se saiba a fondo, moi a fondo, do Avelino pedagogo, escritor, cooperativista, político, poeta, autor de teatro escolar, animador cultural, gran agrogandeiro, etc, etc, atoparase, dun xeito claro, a razón da posibilidade que vou sinalar: pasados os dez anos regulamentarios do seu pasamento, dedicarlle o Día das Letras Galegas, por tódalas súas obras, por tódalas súas colaboracións e pola defensa constante da Língua galega.
Permitídeme que das súas encomiadas e popularísimas "Paroladas na Radio Galega", que agardan triunfal publicación, escolla unha, que será como oír a súa inesquecible voz. Titúlase: "A Língua, producto esencial dun pobo", e di así:
"Entre os produtos da Historia da Humanidade, a Língua é o máis sobranceiro, como di o meu amigo Ramón Regueira. Engadindo el que sen Língua non hai Filosofía, nin Ciencia, nin Relixión, nin Política, nin Amor nin tristezas, nin Nación... A Língua é o instrumento esencial para que as persoas existan como tales. Non é propiedade privada de ninguén. É o que permite a existencia de todos.
As persoas choramos, e con razón, pola morte dunha ría, dunha paisaxe, dunha vaca, dunha balea... pero non choramos pola morte dunha língua. e deberíamos chorar, porque unha língua que morre é un continente espiritual que se afunde, como dixo Ticknor.
A língua é a memoria viva da historia. Falámola, aprendémola espontáneamente, pero é froito de xeracións de falantes que nola ensinaron. Ela permítenos "abrirnos" a todo e a todos, pero sobre todo aos outros. Pensamos, actuamos e sentimos desde ela: sen o dominio das línguas somos cegos. Calquera dos que estamos aquí, se lle pedimos que vaia a outro cuarto e nos traia unha pluma non nos trae un cinceiro.
Vemos, pois, que as línguas son o medio da visión, da imaxinación, do pensamento, da acción e dos afectos. Non dominar a língua, só leva á maior das humillacións: á cegueira dos sentidos e á dependencia, por tanto, de quen domina ese instrumento, ese medio que permite ser libre. As palabras son os dentes do pensamento. Sen dentes e moas non mastigamos. Sen mastigar non asimilamos os alimentos.
Hoxe estase a dar o fenómeno dehumanizador da perda do uso da língua tanto oral como escrita e iso leva á perda da capacidade de pensar e criticar, unha das capacidades máis importantes do ser humano".
Avelino dixit. Para el, admiración, paz, e gloria.
Os Tilos, 13 de Maio de 2.013
(Palabras de Xoán Xosé Fernández Abella para Avelino Pousa Antelo, que cumpríu os seus primeiros 99 xa no Alén).