Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Segue España bébeda de éxito?

martes, 21 de mayo de 2013
Si; aínda que se apagou a borracheira do éxito, seguimos os españois arquexando cos efectos de tanta chea, presos desa mentalidade de novos ricos que, se foi pouco axeitada e imprudente nos tempos das vacas gordas, resulta hoxe en día ridícula. E permítanme unha anécdota que describe un pouco esta situación.

Un alemán, que había sido lector na Universidade de Santiago, Wolfang Schlör, adoitaba pasar uns días con nosoutros todos os veráns, e nunha das visitas veu polo Norte, por Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia. Nada máis baixarse do coche, case antes de saudarnos, dixo: “Pero... en España están todos bailando?!”. Atravesara unha serie de pobos que estaban en festa.

Aquí, cando menos en Galicia, os fins de semana non só estamos bailando, senón tamén enchéndonos e, as veces, ata facendo o ridículo. Seguramente non gusta a todos a miña apreciación; pero eu confésolles que sinto iso como o arquexo subseguinte á borracheira de éxito, noutros tempos, dos novos ricos e emuladores. E non se entenda isto como un desacordo co folclore e todo tipo de manifestacións culturais do pobo, senón coa proliferación banal e o desbaldir en orquestras, precisamente en concellos moi endebedados. Eu sei dun que ten dificultades para atender os servizos básicos e tivo dez agrupacións musicais para tres días de celebración.

Foi a nosa sociedade consumista sen control, cultivadora dun hedonismo desmedido e escrava da exhibición fachendosa. É unha pena que nin tan sequera aproveitemos a crise para corrixir algúns excesos, xa que fomos capaces de crear un clima sen autocrítica, cun sentimento de que éramos os mellores do mundo, a envexa de todos, precisamente cando estábamos forxando e activando as causas máis remotas da crise que estamos a padecer.

E tal era a apreciación que tiñamos da nosa dignidade que non nos era permitido facer certos traballos e, para iso, tiveron que vir masivamente os emigrantes, aínda que, ao fin de ocultar algún trazo de vergoña, disfrazouse este evento de axuda aos países máis necesitados. Sabido é tamén que os novos ricos do ladrillo construían, co beneplácito dos gobernos da quenda e das institucións financeiras, máis vivendas que ningún outro país europeo, moitas das cales foron vendidas a prezos astronómicos como segundas, con créditos, e hoxe están nun estado lamentable de abandono.

O infundado deste sentimento de autobombo púxose enseguida de manifesto: En moi poucos anos pasamos de ser o país que tiraba polo emprego en Europa, a ser o país de máis paro. Pasamos de vivir moi ben, con impostos moi baixos (porque a burbulla que xerou esa desmedida construción de vivendas aportaba moito diñeiro ao fisco), a unha situación con moitas familias carentes de recursos. Agora, tamén sen recursos, os mesmos gobernos asexan en todos os recunchos raspiñando diñeiro: “En todos os recunchos”, mais con moito coidado de non inquietar ás grandes fortunas, e pasando por alto as reformas estruturais en profundidade.

Pero nosoutros, os españois, seguimos bailando e de chea, culpando a todo o mundo das propias débedas, daquelas precisamente que tivemos que facer para cubrir o desproporcionado nivel de consumo e estar a altura nunha sociedade opulenta. E desta maneira, gastábamos moi por encima do que producíamos. O Estado non estaba endebedado; pero nosoutros, ata os ollos!. Iso levou aos gobernos, con ministerios non sempre en mans expertas e prudentes, a crear aeroportos fantasma, infraestruturas de rendemento dubidoso, asfaltar congostras, alumear o entorno de calquera barrio con expectativas de voto, conceder subvencións a destra e sinistra, permitir un irracional dispendio nos servizos públicos, etc., etc.

E marchabamos tan ben, que no había ningunha necesidade de acometer reformas fondas. Así que..., para qué preocuparse dos gastos innecesarios e das corrupcións, creando situacións incómodas e de pouco rendemento electoral?!. Como se di coloquialmente: viva a Pepa!.

Si, amigos lectores, pero agora temos pendentes de resolver serias cuestións éticas, unha sociedade crispada e desorientada, delicados problemas institucionais por falta de valentía e decisión ou, se queren, polo que chamei noutra ocasión “prudencia imprudente”, complicados problemas económicos, moi preocupantes comportamentos institucionais e políticos, e un longo etcétera.

Sen embargo, aínda seguimos con comportamentos a luz das faíscas daquelas borracheiras. Sen dúbida, moita xentiña o está pasando mal; pero outras, non se decatan ou cerran a vías de acceso aos seus sentimentos: exhiben enchentes ante os necesitados, trastornan o necesario ambiente de reflexión con actitudes de farfalláns, e seguen gastando sen ton nin son: celebran primeiras comuñóns, bautizos, vodas, aniversarios...por encima das súas posibilidades, cun exhibicionismo rechamante, e, mentres tanto, os causantes principais da crise dinos que hai que gastar para activar a economía, ao mesmo tempo que teñen bo coidado de que non lles toquen o seu peto.

Como expresión do bébedos que estaban algúns novos ricos, ofrézolles outra anécdota. Fai anos, charlando cun construtor nunha comida, insinueille que íamos a moita velocidade e que se tivéramos que frear seguro que nos esnafraríamos. Sorriu con ademáns de autosuficiencia e retrucoume que as sociedades nunca ían atrás, nunca recuaban, sempre ían adiante e había que seguir aproveitando as ocasións. Ante tal “filosofía”, eu quedei desconectado; pero el, desgraciadamente, está na ruína cun impertérrito ánimo de troula.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES