Cámaras de Comercio
Editorial - martes, 21 de mayo de 2013
En tempos, a Administración considerou necesario que houbese alomenos unha Cámara por provincia para fomentar temas relacionados co comercio e a industria, e nos casos de provincias con mar, navegación.
Para que puidesen cumprir os seus fins e ter o necesario poder económico, dotounas de financiación proporcional á facturación dos seus asociados, que ao ser de obrigatoria participación, deveu nunha parte proporcional da facturación global dos negocios de cada provincia.
Chegaron así a ser entidades poderosas, que tiñan garantidos os seus ingresos polos mesmos procedimentos que as entidades oficiais, con igual poder coercitivo para poder proceder contra os seus debedores, e polo tanto apetecibles lugares para empresarios destacados que loitaron intensamente por conseguir situarse no goberno destas entidades.
Pero todo rematou dun golpe cando o goberno suspendeu a afiliación obrigatoria de empresas, pola incongruencia posta de manifesto moito antes diante da existencia doutras entidades similares de afiliación voluntaria como as confederacións de empresarios.
A situación, agora mesmo, é crítica. Desasistidas do goberno, privadas do seu papel de organismo oficial, cos ingresos prácticamente desaparecidos e cunha elevada carga de persoal, a administración do estado e autonómica non queren involucrarse no tema e agardan que os empresarios outrora tan interesados no seu goberno- queiran participar na súa salvación.
Mal panorama se vislumbra para unhas entidades que non souberon, nin tiveron ocasión, de actualizarse e buscar financiación e afiliación para cando esta afiliación deixase de ser obrigatoria. E polo que se ve ninguén vai facer ningún esforzo para que sigan existindo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora