
Quizais o costume de utilizar nomes de persoas na nomenclatura das rúas date de principios do século XIX. Facíase e faise co gallo de homenaxear a aqueles ou a aquelas que deixaron pegada na época que lles tocou vivir. Por regra xeral, a xente non sabe quen foron os personaxes que dan nome as rúas polas que transitan todos os días, pero tamén é verdade que, nalgúns casos puntuais, algúns deses personaxes mellor estaban esquecidos. Non é o caso, evidentemente, do que ocupa estas liñas: Don José Casado, mugardés ( 9 de outubro de 1876), que fora contramestre da Armada e heroe na guerra de Cuba, unha guerra na que morreron moitos españois a maioría dos cales non tiñan aquelas mil cincocentas pesetas que servían para se librar dela.
Hai varias publicacións que se ocupan dos detalles polos que os EE.UU. declararon a guerra a España. Cuba era un bocado saboroso e non repararon en buscar calquera escusa que xustificara un enfrontamento que, polo desequilibrio de forzas, xa se sabía de que lado se decantaba. Ese pretexto xorde cando o acoirazado Maine estoupa no peirao de La Habana o 15 de febreiro de 1898 e afúndese levándose con el a máis de douscentos homes. Aínda hoxe non está aclarada a causa daquela explosión, aínda que todos os indicios apuntan a que foi un accidente na santa bárbara do buque e non unha mina exterior colocada alí por mans españolas. Declárase a guerra e un dos seus últimos capítulos ten lugar na baia de Santiago o 3 de xullo de 1898 cando a frota española pretende saír a mar aberto por orde do goberno contra a opinión do almirante Cervera.
Fora da baia espera a escuadra americana que, cal se fose un exercicio de tiro ao branco, remata un a un cos barcos españois. Un deses buques era o cruceiro Infanta Teresa no que ía de contramestre o noso protagonista que resulta gravemente ferido. O cruceiro español totalmente inutilizado, ardendo e morta case toda a súa tripulación, vara na praia de Punta Cabrera. Dende terra observase que pola cuberta na que se producían unha explosión tras outra, arrástrase un home gravemente ferido. Parecía imposible que , dentro aquela masa de ferro candente, alguén puidese quedar con vida. José Casado, maltreito coma estaba, tirouse as augas cheas de trebellos do buque e nadando alcanzou o portalón facéndose co ferido achegándoo a terra coa sorpresa e admiración de todos os que alí se atopaban. El sobreviviu a aquela guerra cando aínda non cumprira 23 anos e regresou a Galicia, a Mugardos que era a súa terra. Un 20 de xullo de 1915 a bordo do Acoirazado España, que se atopaba no dique Raíña Vitoria, sofre un accidente, un traumatismo mortal, pola ruptura dunha estacha, cando estaba a piques de cumprir 39 anos.
Todos souberon da fazaña do contramestre Casado naquel episodio da batalla naval na baia de Santiago de Cuba que supuxo o fin do imperio español e o comezo do expansionismo dos EE.UU. O contramestre Casado ten unha rúa en Mugardos que, en certo modo, perpetúa a memoria daquel home destemido. Se senten curiosidade polo personaxe, remítoos a un libro escrito por Xosé Luís Blanco e Xesús Leal titulado: Historia del Contramestre Casado, Valor i Abnegación, unha achega a un mugardés que forma parte da nosa intra historia ao que lle bastou un xesto na súa vida para engrandecerse coma ser humano.