Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

D.L.G.: O valor da coherencia

jueves, 16 de mayo de 2013
DÍA DAS LETRAS GALEGAS: O VALOR DA COHERENCIA

O Día das Letras Galegas foi instituído para avivar o sentimento colectivo de galeguidade. Que se logre ou non depende do interese que lle poñan á celebración as institucións públicas e entidades culturais. A data debera servir para que o sector da cidadanía máis activo e proclive ó discurso galeguizador reafirme as súas convicións persoais na causa que motiva a celebración. Sería un erro seguir considerando que a efeméride ten como único obxectivo o espallamento das obras literarias. Fraco favor se lle fai á lingua galega restrinxíndoo ó ámbito literario.

Ben está que se organicen manifestacións en defensa da lingua galega e se celebren conferencias para exaltar as virtudes do homenaxeado. Pero máis importante é que a cidadanía asuma de maneira consciente o galeguismo, empezando pola avangarda do movemento. Os comportamentos gregarios poden resultar perversos cando individualizadamente as persoas actúan contraditoriamente, como logo sinalaremos. Hai que trasladarlle á xente a necesidade de contar co seu decisivo protagonismo persoal na defensa da nosa identidade cultural. Neste sentido o maxisterio galeguizador tamén require dunha renovación pedagóxica. Temos que incentivar o protagonismo galeguizador individual para converter a cada activista en exemplo crible para os demais.

O futuro da lingua galega non se xoga unicamente no campo da cultura. Existen outros sectores estratéxicos cos que hai que contar. A galeguización da economía é unha asignatura pendente, apenas iniciada no primeiro terzo do século pasado e interrompido posteriormente, que o Foro E. Peinador quere pular.

As tendencias nas políticas lingüísticas dos últimos trinta anos fixeron moito fincapé na galeguización duns sectores e no esquecemento doutros. O resultado está á vista: moitas xeracións alfabetizadas en galego pero pouco compromiso dos cidadáns nos actos que afectan á esfera persoal en tanto consumidores, por poñermos un caso.

Os comportamentos responsables dos consumidores poden ser decisivos. A liberdade na opción das compras pode e debe condicionar a lei da oferta e demanda. Amosar preferencia polos produtos galegos, amais de fixar poboación no rural e facer viables as explotacións e industrias de transformación, debería servir tamén para premiar aquelas marcas que etiquetan os seus produtos na nosa lingua.

O Foro E. Peinador quere trasladar ás institucións públicas e axentes dinamizadores da nosa cultura, a necesidade de estimular un proceso galeguizador máis consciente na esfera do consumo. Calquera acto social debería facerse apoiando a aqueles produtos que etiquetan na nosa lingua. A oportunidade que nos ofrecen as grandes manifestacións populares deberían ser aproveitadas para desenvolver estas prácticas pedagóxicas.

Etiquetados en galego, por favor. Velai a resposta acaída cada vez que nos pregunten polas nosas preferenzas.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania