Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Matinando cos emprendedores

miércoles, 15 de mayo de 2013
Compás social

A comezos deste ano artellei unhas poucas reflexións sobre os emprendedores, publicadas en GALICIA DIGITAL baixo o titular “Búscanse emprendedores”. Nestes meses transcorridos os partidos políticos, os bancos e caixas-bancos, os empresarios, os sindicatos, os xornais e publicacións especializadas manifestaron, seguen manifestando, as súas propostas de apoio ós emprendedores/as, especialmente ós mozos/as á busca dun primeiro traballo. A situación non é para menos. Os diferentes discursos e a lexislación que xa está xurdindo, apuntan como horizonte final cara á unha nova cultura colectiva do traballo: pasar dunha expectativa, case masiva, de ser funcionario ou asalariado con bo salario e bo horario a ser un emprendedor/a que aproveite oportunidades e asuma riscos; e en caso de caer, levantarse deseguida.

Hai uns meses cismaba sobre unhas ideas elementais: as cualidades e a formación profesional do emprendedor de base, os grupos sociais máis propicios para xurdir ese tipo de persoas e algúns eidos da economía onde hai necesidades sociais sen cubrir e oportunidades sen desenvolver. Hoxe podemos dar algún paso máis, co esbozo dalgúns interrogantes: miles de persoas perciben que o binomio “novas tecnoloxías e globalización” acelerou o predominio absoluto dos mercados financeiros que desenvolveron de forma exponencial a economía especulativa e os paraísos fiscais para cobertura dunha pléiade de especuladores, extorsionando así toda a economía real. Neste contexto, que tipo de Estado é necesario, un estado liberal ou intervencionista? ¿Que modelo de Estado é posible aquí e agora, un estado democrático controlado e ó servizo duns cidadáns libres, formados, informados e responsables ou un estado asistencial cargado de clientelismos e picardías políticas? ¿Un Estado ó servizo de todos os espazos e estratos sociais, coas súas diferenzas e peculiaridades, ou un Estado fragmentado en elites instaladas e amplas masas en precariedade, sen unha sociedade civil que esixa corrixir os excesos?

E dentro desas antinomías de alcance mundial, que poden facer os emprendedores? A globalización e as tecnoloxías tamén abriron amplos horizontes e posibilidades; e os emprendedores con alta capacitación humana e profesional poden aproveitar esas oportunidades, tanto a escala local como internacional. Mais no outro extremo están os miles de posibles emprendedores de base con escasos recursos humanos e nunha situación económica de autosubsistencia, persoas que se moven entre a precariedade asistencial e as iniciativas próximas á economía somerxida. Neste contexto de crise o punto débil de cada grupo de emprendedores, segundo as súas circunstancias, pode estar na insolvencia financeira, no exceso de cargas e impostos ou nas dificultades para comercializar os bens producidos ou os servizos ofertados. O retraemento do consumo, por necesidade ou por precaución, ten efectos negativos crecentes. A uns e a outros está dirixido o discurso das administracións públicas e das asociacións privadas. Confiemos que eses benfeitores públicos ou privados descubran ese punto crítico a resolver para cada emprendedor/emprendedora.

As Comunidades Autónomas de Castela-A Mancha, Illas Baleares e Comunidade Valenciá xa puxeron un punto de arranque na promoción dos emprendedores; e o Goberno Central tamén encetou ese camiño co R. D. Lei de febreiro de 2013 de medidas de apoio ó emprendedor, e agora ten no tear a Lei do Emprendedor que debe saír nos próximos meses. Toda esa lexislación ten algunhas coordenadas comúns: a busca dun espírito emprendedor que atravese o sistema educativo en todos os niveis, delimitación do concepto de emprendedor (autoemprego, autónomo, micro, pequena e mediana empresa), simplificación dos trámites administrativos, axuda e tutela económica pública, un marco fiscal propio de exencións e bonificacións, asesoramento e prevención de riscos do emprendedor, medidas especiais de financiamento, potenciación do comercio exterior, adaptación de toda a lexislación vixente a esta nova perspectiva laboral, etcétera. E cada Comunidade Autónoma pon o acento nalgúns obxectivos máis concretos e específicos. Os primeiros compases desta partitura semellan soar ben, mais hai que oir os seguintes acordes e o resultado final do conxunto.

A próxima Lei do Emprendedor pode ser unha formidable sinfonía que marque un fito salientábel na lexislación española, como penso que ocorreu coa Lei de Dependencia do anterior goberno; mais nesta situación político-social de fortes desavinzas e desacougos pode quedar medio encallada, como lle está ocorrendo á Lei de Dependencia.

Emprender é un acto de liberdade, de creatividade, de independencia, de autorealización do mellor espírito interior de cada persoa; mais poñerse a emprender na actual tesitura económica require un plus de precaucións. Nunha primeira ollada hai que fitar ós autónomos, ás micro, pequenas e medianas empresas ou sociedades que tiveron que pechar. Que foi dos seus traballadores, dos seus responsables, das súas familias e da súa propia subsistencia? Hai que levantarse, mais con tino, aprendendo das caídas. Unha segunda cuestión: pese ás múltiples promesas e facilidades lexislativas, será sempre a capacitación profesional e a información exhaustiva necesaria para tomar unha decisión dese calibre, e perseverar nela. A terceira reflexión será sopesar o grao de solvencia económica mínima que precisa o emprendedor, sen poñer en risco a súa familia, sexa esta nuclear ou extensa, pois as entidades financeiras e públicas seguirán esixindo unha garantía máis cuantiosa do que prestan. Certo que o intervencionismo das administracións públicas prometen pensar por ti, mais sen arriscarse por ti. Por descontado, a persoa con xenuíno espírito de emprendedor saltará eses posibles atrancos. Confiemos en que os emprendedores de alta capacidade acheguen algo salientábel a economía produtiva do país; e que os emprendedores de base logren superar unha autarquía persoal e local para reducir significativamente o enorme problema do paro.

De calquera xeito, os que agora teñen entre 25 e 40 anos, deben emprender algo novo, ponderando todos os factores e alternativas en xogo. Hai trinta e tantos anos moita xente daquela xeración afrontamos un reto, con saída no punto cero, e nunhas condicións xurídicas peores, mais co entusiasmo de buscar un futuro para nós e axudar a construír unha nova sociedade, un novo país. Aquelas expectativas deron os seus froitos; mais hoxe, fronte a un desánimo colectivo, necesitamos recuperar aquela herdanza de espírito adaptándoa ás actuais circunstancias. Os retos actuais teñen evidentes dificultades, mais tamén grandes posibilidades locais e internacionais.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES