Mentireiros imprescindibles
Santalla, Iago - miércoles, 15 de mayo de 2013
Nunha viaxe recente a Lisboa atopou meu irmán Ricardo un almanaque titulado O Novo Seringador. É máis grande que os mentireiros galegos, foi fundado por Daniel Cardoso, e leva 129 anos de andadura. Por Internet descubrín que, a parte deste, segue publicándose O Seringador T do que este ano viu a luz o número 148; ambos teñen un ar crítico que se deixa sentir dende a mesma portada, cun trasno rodeado de 5 coplas sobre o momento actual, facendo referencia a un Portugal intervido e cheo de incertezas. Xa dentro, O Novo Seringador, empeza cun Juízo do Ano en narrativa e facendo referencia á situación pola que atravesamos, á que parece que hai que sumar que este ano está presidido polo planeta Marte (deus da guerra). Dentro atopamos unha morea de curiosidades e consellos que velan pola nosa saúde física e moral. Sorprende ver, por exemplo, todas as eras cronolóxicas correspondentes ao ano cristián 2013, ou uns breves consellos de alimentación.
A personaxe do ano en Portugal (de acordo co Novo Seringador) é Álvaro Cunhal, que fora dirixente do Partido Comunista Portugués (PCP) e este ano, en novembro, cumpriría o século de vida.
Cada mes ten unha páxina coa etimoloxía do seu nome, o santoral completo, un refrán, as lúas e un breve texto (ben sobre unha efeméride significativa dese mes ou pequenos poemas e pensamentos de colaboradores do almanaque). Deste xeito, no presente mes de maio José Amaral recórdanos que o día 1 é o día do traballador nun poema que empeza dicindo:
O día do trabalhador
Ainda no calendário.
Um mundo opressor
Quer manter-te no Calvário
O Novo Seringador é un almanaque moi politiqueiro e sen pelos na lingua, como se reflicte na cita de Stevenson que pecha a edición deste ano: A política é a única profissão para a qual não se julga necessaria qualquer preparação.
Alén disto, O Novo Seringador infórmanos das eclipses, das lúas, da visibilidade dos planetas, das mareas, botando de menos unha predición meteorolóxica do ano tan típica dos mentireiros galegos. Semella que O Novo Seringador quere imprimir, no referido ao tempo, unha base científica da que tradicionalmente carecían os mentireiros galegos e españois, e cita a estación meteorolóxica na que basea as súas predicións, que son tanto terrestres como marítimas.
O almanaque é considerado por moitos o primeiro xénero literario, conservándose exemplares do medievo. Os mentireiros tiñan unha ampla tirada en todo o mundo, e neles reflectíase a cultura popular de cada lugar. En España destaca no século XVIII os publicados por Diego de Torres y Villarroel; literato, poeta e catedrático de matemáticas da Universidade de Salamanca. No século XIX o almanaque fica prohibido na etapa de Fernando VII, sendo recuperado por Isabel II.
Xa no século XX publícanse distintos almanaques por toda España, a maioría eran de carácter local (provincial ou rexional), mais tamén atopamos un de carácter nacional e de ampla difusión: O Zaragozano. Cómpre destacar que hoxe en día é moi difícil atopar estas publicacións, no caso do Zaragozano, existen tres edicións para o presente ano: unha pequena de cor laranxa, outra mediana de cor vermella e a grande de cor verde, mais non conseguín ningunha. De acordo co sumario atopado, todo parece indicar que segue a estrutura típica dos mentireiros, pero, como xa dixen, cun carácter nacional.
Pódense citar outros almanaques típicos da provincia luguesa como O Gaiteiro de Lugo, que actualmente edita a Deputación e que este ano vai dedicado a Ben Cho Sei. Ademais dos contidos típicos, podemos atopar textos de Ben Cho Sei, adiviñas, contos e refráns por el recollidos, todas as feiras de Galicia, as festas de interese turístico da comunidade e mesmo unha información ben curiosa que fai referencia á idiosincrasia galega: o valor do ferrado en cada concello de Galicia.
Outro almanaque moi famoso na provincia de Lugo, e incluso a nivel galego, foi O Mintireiro Verdadeiro fundado en Palas de Rei polo sacerdote da parroquia de Filgueira José Regadío, que tiña unha imprenta chamada Lakinfil. O Mentireiro Verdadeiro facía prognósticos meteorolóxicos moi precisos, aínda que non sempre resultaban ser certos. No seu interior atópanse datos ben curiosos como o número de raios caídos nun ano. Fora como fora, falamos dun almanaque que nos anos 70 chega a vender 15.000 exemplares, escritos nun galego do pobo como corresponde a un calendario churrusqueiro, escotolido, galego e castelán, profético, enxebre, noticioso e artimañeiro. Este quererse definir dende a mesma portada tamén o vemos no Gaiteiro de Lugo, que é relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato.
Actualmente o Mentireiro Verdadeiro ten facebook e véndese en Palas. Mentres que O Gaiteiro de Lugo está editado pola Deputación, e conséguese en librerías.
Estas publicacións tiñan unha estrutura típica, con contidos comúns, que logo cada quen desenvolvía de acordo coa súa creatividade:
1. Todos tiñan xuízo do ano, normalmente escrito polo lado de dentro da pasta da portada, seguindo a veces no lado de dentro da contraportada. Nalgúns, este xuízo era soamente meteorolóxico, e outros incluían crítica social e política. Hainos en versos e en prosa, caracterizándose por unha gran capacidade de síntese.
2. É frecuente que fagan referencia a unha personaxe do ano.
3. Cada mes ten o seu apartado co santoral completo, as lúas e un breve escrito referido á época do ano ou mesmo a algunha anécdota. É aquí onde, por exemplo O Novo Seringador, busca colaboracións de autor; mentres que O Gaiteiro de Lugo opta por dedicar o almanaque a Ben Cho Sei e introducir textos seus. Outras vías eran introducir refraneiros ou textos referidos a labores agrarias.
Estas publicacións son portadoras dunha información moi difícil de atopar noutros medios, e dende logo imposible de reunir e sintetizar coa concisión que o fai un mentireiro. Entre a mentira e a verdade, neles atopamos os ciclos do campo, as mareas, os consellos para plantar, consellos de saúde ou unha crítica social sempre presente. Neste sentido, é común que traian coplas nas portadas e un xuízo ao ano claro e crítico.
O almanaque constitúe un xénero literario libre, anárquico, indomable, que nos convida a informar sen censura; dicindo sinxelamente aquilo que pensamos. Por iso cómpre conservar este xénero, que tampouco esixe unha gran inversión económica e si é unha gran inversión cultural que contribuiría a espertar pensamentos, recordos e quizais a recuperar vellas tradicións que xamais debemos esquecer.

Santalla, Iago