Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Como ides amar un feto ao que non vedes!

martes, 14 de mayo de 2013
Como ides amar un feto ao que non vedes, se non amades á vosa irmá á que vedes!. A reforma que pretende levar a cabo o Goberno da Lei do Aborto, facendo desaparecer a opción que permite elixir á nai, en caso de malformación do feto, é un acto que ben merece o comentario de Xoán, que subliñou con insistencia que "quen ama a Deus, ata tamén aos seus irmáns". Comezo parafraseando a San Xoán (carta 4-19), na frase recollida no Novo Testamento, na que acusa aos falsos profetas, como aqueles que din amar a Deus, ao que non ven, pero non aman, non se preocupan de axudar, ao irmán que sofre ao seu lado.

A continua reflexión sobre o dominio despótico, falto de comprensión e amor ao home, expresado polas institucións, sexan administrativas, políticas ou relixiosas, despertou en min vellas lembranzas.

A primeira foi polo ano 1960 da dictadura franquista, unha España en tons grises, tirando a negro nas zonas rurais da cidade. Vivíamos nun esqueleto novo de casa-panadería cunha terraza á que saíamos as irmás, polas noites, para ver a lúa e as estrelas, quizais polo romanticismo adolescente. Ocorría con frecuencia, diante dun silencio sepulcral, que se oían uns berros desgarrados, agresivos, feros (dito cun máximo respecto) que quebraban a vixilia e nos transportaban ás lecturas de Emily Bronté. ¿Qué pasaba?, un día contounos a nosa nai que vivía un neno subnormal (así se dicía) na bufarda cercana e que berraba sempre, pero que no silencio da noite se sentía máis. Despois coñecín que nunca o sacaban á rúa porque o pai estaba faenando nos bacaladeiros e a nai, que tiña outros fillos pequenos, non tiña forza para baixar e subir as escaleiras cargando co rapaz. O tema empeorou porque a nai entrou nunha espiral de desesperación e elixiu como solución un mal remedio. Entón escribín unha reflexión nun pequeño bloc de notas que aínda conservo: "Triste día no que comprendín que é mellor morrer que subsistir".

Pasaron uns vinte anos e unha amiga invitoume a unha asemblea de Galicia da "Fraternidad de Enfermos" na parroquia de Santa Cilia, necesitaban persoal que lles servise a comida e lles axudase diante das súas limitacións físicas. Era curioso, había máis de cincuenta participantes das catro provincias galegas, pero ningún pertencía a familia económicamente acomodada.

A terceira vivencia foi tamén vinte anos despois. Coñecín en Madrid a unha familia cuxo fillo maior nacera e mantíñase en estado vexetativo. Con case vinte anos pesaba uns quince quilos e non se comunicaba con ninguén. A nai mantiña o maior nivel de contacto con el, e o seu gran problema non era o "aquí e agora" senón, ¿qué pasará cando eu falte ou sexa vella?. Non hai filosofía para responder a estas preguntas.

A observación diaria indícanos que unha persoa nace para, unha vez chegada á madurez, desenvolver un proxecto de vida. O dereito a administrar o "noso tempo vital", a liberdade para elixir o traballlo, o compañeiro/a que comparta os nosos días, a posibilidade de equivocarnos ao elixir, o buscar remedios diante das adversidades, o disfrutar do ben e a posible felicidade, a responsabilidade diante dos actos delictivos, viaxar, coñecer novos paises e etnias, o aprendixase continuado: todo esto é o que fai que un ser humano se desenvolva como persoa. Dentro do proxecto de vida están as diversas limitacións que nos condicionen para elixir un programa ou outro, por exemplo un cego ou un accidentado parapléxico, teñen liberdade para desenvolver o seu plan vital pero non ao cen por cento, senón dentro dunhas limitacións. Todos comprenderán que un feto con malformacións inviables, ¡xamais poderá desenvolver ningun proxecto!.

Un feto con malformación só trae sufrimento para el mesmo e para todos os que o rodean. Por favor, que non se entenda que defendo unha vida baseada no hedonismo, ¡para nada!, pero pensen ¿qué razón hai para condenar ao sufrimento a ninguén?, xa a vida vai poñendo impedimentos varios que esixen razoamento lóxico, esforzo físico e un mínimo de cobertura familiar e social. Un feto inviable nacerá sen nada do que temos mencionado, defenderase menos ca unha planta que se alimenta absorbendo da terra.

Señor Ministro de Xustiza, a vida non é parir, existe a paternidade responsable, a maioría das parellas que desexan ser pais fano porque aman aos nenos, porque son capaces de ceder, de regalar os seus privilexios, de entregarse á súa familia, para sempre, porque un fillo é: para sempre. Señor Ministro ante esta crise que anega a esperanza e pon en perigo tantos proxectos de vida, hai moitos pais que resisten porque teñen uns fillos aos que deben coidar e defender.

Á xerarquía relixiosa pedímoslle que deixe avanzar á sociedade, que non poña traba sobre traba, que acepte o progreso científico, social e feminino; que non considere á muller un eslabón por debaixo do varón en ningún dos sectores, que se alonxe dos mensaxes populistas que non traen paz, nin orde, nin ben, que non trate de "salvar ao feto que non ve". Que relean a Xoan.

Hai que seguir o empeño de loitar polo ben da humanidade desde calquera tipo de ideoloxía ou crenza e non suplantar os dereitos e liberdades por programas políticos ou relixiosos alonxados da sociedade e da fraternidade. Políticos e bispos, escoiten á muller e non esquezan que unha delas pode xulgalos e condenalos desde o seu sillón de maxistrado.
Cal, Rosa
Cal, Rosa


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES