Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As crises esixen respostas "non triviais"

martes, 14 de mayo de 2013
Non pretendo, neste artigo, artellar unha crítica aos políticos que teñen nas súas mans a xestión da crise que nos afecta. Ata se pode entender como unha xustificación de certas medidas que teñen que tomar, porque, por suposto, tamén dan respostas e toman medidas necesariamente “non-triviais”.

Lembro unha colaboración na que falaba da “violencia de xénero” e dicía algo acerca da complexidade; pero nunca se di abondo, non só porque ó lector convén non embarullalo, senón tamén porque ó articulista tampouco lle sobran folgos intelectuais. Hoxe intentamos dar outro paso neste ámbito do coñecemento, precisamente para reflexionar verbo do que suxire o título desta colaboración.

Non podemos ignorar que, como di nun artigo Dokusho Villalba, fundador das Comunidade Budista Soto Zen, en España, “as causas desta crise son complexas e múltiples: económicas, sociais, demográficas, políticas, etc. Polo tanto, a resolución de tal situación require un acercamento multidisciplinar”.

Empecemos, pois, definindo o que entendemos por COMPLEXIDADE. Para cubrir o noso propósito, sen meternos en moitas “filosofías”, podemos partir do significado coloquial. Dicimos que algo é “complexo” cando se presenta con certa dificultade, tanto para entendelo como, no seu caso, para darlle solución. Pero non hai que confundir complexidade con completo: A complexidade é sempre relativa. Xustamente por isto, aínda que se tome en conta a complexidade dunha sociedade, nunca se esgotará o coñecemento da coordinación e interacción dos seus elementos integrantes.

Os estudiosos diríannos que a “complexidade”, “a primeira vista, é un fenómeno cuantitativo, unha cantidade extrema de interaccións e interferencias entre un número moi grande de unidades”. O noso corpo, por exemplo, combina máis de dez billóns de células no cerebro e máis de trinta billóns en todo el: É un organismo tan complexo que as interaccións que se producen entre as unidades que o integran escapan a calquera posibilidade de cálculo. Polo tanto, só pensalo asusta e necesítase un pensamento que, por complexo que sexa, ten que enfrontarse a non poucas incertezas e contradiccións. Por iso os que o estudan tratan de SIMPLIFICALO, especializándose en distintas perspectivas.

Certamente por isto, os especialistas adoitan dicir que a complexidade é unha palabra problema e non unha palabra solución. Nin máis nin menos que o que sabemos da vida ordinaria: Cando un se encontra nunha situación complexa sente o tremer das pernas e a vacilación da mente. Pero se queremos coñecer a realidade sen mutilar, non nos queda outro remedio que apandar cos instrumentos que se van creando para iso, como é o caso das “ciencias da complexidade”, nunha modelización sistemática.

E aquí xa temos que introducir outro termo: a TRIVIALIDADE. Vexamos como o utilizan os que saben destas cousas. Din cunha máquina é “trivial” cando, coñecendo o que necesita que lle subministren (inputs, entradas, combustible a un motor), podemos predicir o seu “comportamento” (o output, o acendido); pero no caso do noso organismo nin sempre sabemos o que necesita nin tampouco sempre podemos prever a resposta. Neste caso estamos en presencia dunha máquina NON-TRIVIAL.

O caso é que a vida social esíxenos que nos comportemos como “máquinas triviais” (imponnos certas normas, das que se esperan comportamentos axeitados e consecuentes con elas); pero se intuímos que non podemos acadar a nosas metas, buscamos medios non triviais, e entón o comportamento deixa de ser coma o dun autómata social, precisamente porque somos complexos e nos volvemos “máquinas non-triviais”, é dicir, inducimos comportamentos que non se poden agoirar, introducindo elementos novos no sistema social. Neste caso, a dinámica social recupera a non-trivialidade e xéranse incertezas.

Cito uns exemplos dun traballo de Gonzalo Gutiérrez: “cando os estudantes chinos están na rúa por millares, a China vólvese unha máquina non-trivial... (e dise que “é imprevisible no que pode desembocar iso”). No período 1.987-89, na Unión Soviética, Gorbachov conduciuse como unha máquina non-trivial!. Todo o que sucedeu na historia, EN ESPECIAL EN SITUACIÓNS DE CRISES (maiúsculas, miñas), son acontecementos non triviais que non poden ser preditos por anticipado”.

Por qué, pois, hai crises políticas, económicas e sociais?. Porque as nosas sociedades son complexas (máquinas non-triviais), e, consecutivamente, poden chegar a ter un compoñente tan grande de incerteza que se resolva en crises, xa que albergan un grao moi elevado de incerteza. Como di o autor citado, diminúe a certeza do prognóstico, os desordes vólvense ameazadores e os conflictos, que non pasaron de ser máis ou menos virtuais, actualízanse, fallan as regulacións e É NECESARIO ABANDONAR OS PROGRAMAS, inventando estratexias para saír dela.

Incluso hai que abandonar as que foron solucións nas crises históricas, cambiándoas por outras novas, que tampouco ofrecen plenas garantías, porque estamos na extrema “NON-TRIVIALIDADE”.

Sen embargo, só procede dar respostas dimanantes dun coñecemento complexo, porque hai que fuxir da simplicidade, se non se quere correr o risco de ignorar o que está pasando, xa que ela separa o que está ligado ou, aplicando a técnica do reduccionismo, unifica o que é diverso, furtando a verdadeira realidade do fenómeno.

Edgar Morin, nacido en París en 1921, é un sociólogo e antropólogo francés de gran prestixio. Aborda o pensamento complexo, que aplica ó estudo das crises, cunha gran convicción, como evidencia nestas palabras: “Nunca puiden, ao longo da miña vida, resignarme ao saber por leiras, nunca puiden illar un obxecto de estudo do seu contexto, dos seus antecedentes, do seu devir. Aspirei sempre a un pensamento multidimensional.”

Penso que non é ilóxico trasladar o sentido destas palabras ao tratamento da crise que nos afecta, porque invitan a considerala na súa propia complexidade, evitando aplicar terapias parciais. É dicir, as crises necesitan respostas non-triviais”. Necesítanse consensos políticos tamén?. Se aportan vías de acceso a unha realidade complexa, non parece dubidoso que así sexa; tratándose dunha estratexia con pretensións partidistas, hai abondo complicación e desconcerto para integrar nas solucións máis elementos irrelevantes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES