Adeus, Monseñor
Editorial - martes, 05 de julio de 2005
Vaise Gea para as Misións. E quedan os xornalistas de media España sen filón informativo.
José Gea Escolano, que chegou a Mondoñedo procedente de Valencia, evidenciouse moi axiña como un bispo ó que lle gostaba "largar" en contraste permanente cos seus compañeiros das dioceses galegas que son parcos nas súas declaracións e tan medidos nas súas manifestacións como se supón que deben ser os máximos representantes dunha institución bimilenaria que aspira a seguir incardinada na sociedade polos séculos dos séculos.
Gea foi martelo de herexes, embestíu sen tregua contra toda disidencia, arremeteu contra tódolos desvíos, representou á Igrexa máis conservadora e tradicional e díxoo en todo momento o máis alto posible, de xeito que foi molesto, incómodo, inconveniente ou inoportuno, pero nunca calou diante de algo que entendera non correspondía á ortodoxia da Igrexa.
Foi consecuente. Que xa é ser nestes tempos, aínda que que fose unha consecuencia inmovilista, tradicional, arcaica.
Foi autoritario cos seus cregos, e exemplos hai de que ese autoritarismo non contemplaba atenuantes por circunstancias persoais. Acorde, por outra parte, coa Igrexa tradicional, doutros tempos, nos que os bispos estaban rodeados dunha parafernalia e unha pompa alleas a este mundo.
Por cumprir 75 anos, vaise Gea para ás misións. Para seguir con esa consecuencia habitual que tantas páxinas, tantas voces e imaxes ten conseguido.
Do novo bispo teremos, seguro, máis silencios e máis mesura.
Un crego da súa diocese magoábase de que Roma non atopase un bispo galego para Mondoñedo. Pero Roma, aínda que a ela leven tódolos camiños, queda moi lonxe de Mondoñedo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora