Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lobos do Faro

jueves, 02 de mayo de 2013
O lobo ibérico (canis lupus signatus) está presente no noso ideario como becho temible, fillo do demo, representación do mal, que produce en quen sinte a súa presenza arrepío, entumecemento e, mesmo, perda da fala durante un tempo.

A realidade para os estudosos é ben diferente. Preséntannos un animal forte, valente, intelixente e honesto. A súa grande capacidade predadora, fortes mandíbulas con longos e puntiagudos dentes e garras afiadas, os seus rasgos que facilitan as viaxes longas (ata 100 kms. nun dia) e a carreira rápida (chega a velocidades máximas de 40 kms./h.), permítelle non ter competencia no seu hábitat natural, cando menos, ata a chegada do homo sapiens, tamén predador, que o ten como un perigo para si mesmo e inimigo na caza de xabaríns, corzos, lebres ou coellos. A pegada no terreo é rectilínea e o cheiro diferente en cada un deles.

A presenza do lobo na Serra do Faro durante anos forxou, como en tantos outros lugares de Europa, unha crenza colectiva de animal fero e sanguinario, odiado e temido polos labregos. No último rexistro de lobos (2007) feito polo Ministerio de Medio Ambiente deuse a cifra de 5/6 individuos para a área de Chantada. Pero o lobo é invisible. Non se deixa ver con facilidade, traballa ás agachadas, prepara a caza despois de estudar as pezas. Conta Odila (Bidueiros-Taboada dos Freires) que “voltabamos cara casa, xa era noite. Sentimos uns ruidos por tras dun balado. Calamos. Era como se alguén nos perseguía sen que o poideramos ver. O papá dixo que era o lobo. Nunha revolta do camiño quitou a camisa, amarrouna a un ramallo e prendeulle lume”. Porque o lobo fuxe da luz, pero tamén da fala humana, o que está en contradicción coa historia que acabamos de citar. O medo a este animal, que interiorizamos dende que nacemos, fai que o confundamos con cans ou lubicás e, nomeadamente, maxinemos o seu ataque nos ruidos sementados polos silencios da noite.

Non ten atrevemento coas persoas. Ánxel Fole afirma o contrario no seu conto “Os lobos” (do libro A Lus do Candil), facendo de portavoz do pobo, do terror que xenera só nomealo, sendo tabú nas casas cun sistema de coñecemento mais tradicional. O lobo procura animais salvaxes, por cuestións lóxicas, e na ausencia destos reses domesticadas como ovellas. En Trascastro (O Incio) escoitamos a unha viciña como de nena, na Fonte do Arnado, “estaba coas ovellas. Non oín nada. Para cando mirei o lobo xa marchaba con unha agarrada polo pescozo. Lembro a boca xigante, era moi grande, pero debe de ser que eu tamén era moi pequena. Botei varios días sen falar”. Os rebaños deféndense con mastíns aos que se lle pon unha carranca para protexelos nunha hipotética loita.

A ollada do lobo é penetrante, pardo gris e amarelo ouro, brilo de brasas, muxicas na escuridade, corte de xeo na alma humana. Narraba o Francisco (Alence-Requeixo) como regresaban das festas en Camba (anos 1930), atravesando o Faro, cun facho de lume. “Viamos as manadas de lobos. Eran 7 ou 8, e quedaban mirando cara nós. Metía medo o brilo dos seus ollos”. Esta carácterística aparece reflexada tamén no conto “O lobo da xente”, recollido por Vicente Risco nas terras de Trives, e no poema “O Lobo” de Darío Xohán Cabana, musicado logo por Fuxan os Ventos.

As lobeiras son os lugares onde paren as lobas nestes días do mes de maio. Antigamente as camadas eran de entre 3 a 7. Na actualidade, nestas terras, os lobeznos nacidos non superan os dous de cada vez. O desexo dalgúns viciños é a súa desparición definitiva e, sen embargo, a súa pegada permanece fondamente arraigada nos símbolos desta comarca, mostra das cualidades a el recoñecidas nalgún tempo. O escudo de Chantada son tres lobos e na toponimia local é salientable e notorio o numero de lugares que teñen relación con el: Axulfe (San Pedro de Viana-Chantada), Elfe (Arcos-Chantada, tamén existe este topónimo en Barón-Carballiño), Esmolfe (Sta. Cristina-Carballedo), Gondulfe (Taboada, tamén en Vilapedre-Vilalba), Lobagueira (Sta. Baia do Búbal-Carballedo), Lobelle (Carballedo), Nandulfe (Pedradita e Convento-Chantada, tamén en Os Vilares-Guitiriz), Randolfe (Bermún-Chantada), Regoufe (Esmeriz-Chantada, tamén hai lugares con este nome en Moneixas-Lalín, Velle-Ourense e Luou-Teo) e A Ulfe (Vilaúxe-Chantada). No val de Camba só atopamos Trasulfe (Fafián-Rodeiro, tamén en Toiriz-Pantón) e, noutros concellos limítrofes, Borulfe (Vilamarín), Cardoufe (Sanguiñedo-Dozón), Gulfariz (Graíces-A Peroxa), Randulfe (Árbol-Antas, tamén en San Miguel de Paradela) e Sandolfe (Arada-Monterroso).

O universo do lobo non remata na súa realidade física. As xentes transforman en lenda os coñecementos prácticos da natureza para diferenciar o ben e o mal. O lobo por todo canto falamos é un elemento alegórico moi poderoso para facer maxia, obter poderes extraordinarios que alteran os costumes humanos, anunciar a morte (lobo branco) ou soportar maldicións de homes e mulleres convertidos en lobishomes.

Álvaro Cunqueiro ponlle o nome de Romualdo Nistal ao home-lobo que se aforca en “Merlín e Familia”. Os lobishomes ou lobos da xente transfórmanse, nunca por vontade propia, en seres crueis e bárbaros que actúan, fundamentalmente, á noite. Explican o rexeitamento social daquelas persoas violentas, obsesivas, comellonas, cobizosas, falsas, violadores de mulleres ou incapaces de relacionarse cos seus viciños. É un outro xeito de identificar diferentes doenzas mentais e trasmitir os valores morais dunha comunidade. O caso de Manuel(a) Branco Romasanta (Regueiro-Esgos, 1809 – Coruña, 1854) é a dun enfermo, psicópata, que dicía tornarse lobo. A importancia destes feitos está na relación existente entre a fisioloxía, a cultura e a socialización primaria no nacemento dos trastornos psicopatolóxicos.

“Lupus est homo homini, non homo, quom qualis sit non novit” (Tito Plauto).

Baixan os lobos do monte ao xeito que describe Uxío Novoneyra en “Os Eidos” e ouvean as serras para Otero Pedrayo no seu poema “A Serra da Martiñá”. Aínda que é moi probable que na Serra do Faro este ano non naza ningún lobo. Os corzos e os xabaríns camiñan con mais tranquilidade.

Esto é o que contan. Que lobo nunca vin.
Viana, Xavier
Viana, Xavier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES