O son do carro
Santalla, Iago - miércoles, 01 de mayo de 2013
Sendo un apaixonado de Manuel María hai unha canción que un ten que cantar, ou polo menos asubiar, unha vez ao ano: O Carro. Os que lembramos ao poeta cada 8 de Setembro con motivo do seu cabodano no cemiterio vello de Outeiro de Rei, sabemos o que é cantar O Carro en irmandade, sentindo no peito cada verba pronunciada no compás das guitarras de Mini e Mero.
O Carro significa moito para os amantes de Manuel María; pero sen dúbida é unha cantiga que transcendeu tanto ao propio poeta como ao autor da música, Mero, e moitas veces cántase pensando nela como unha cantiga máis da cultura popular galega. Atopámonos de novo no caso que mencionamos días atrás ao falar da Cantiga de Curros Enríquez: un poema de autor, con música tamén de autor, que pasa a formar parte do cancioneiro popular galego.
O Carro inclúese no poemario Terra Chá que 1954 publica Manuel María. O Terra Chá é unha auténtica enciclopedia sobre o mundo rural galego. Manuel María reflexiona en breves poemas sobre os apeiros agrícolas o calendario labrego, os lugares da súa comarca e matría, as romaxes, a proxección das estacións sobre a terra da Terra Chá, a xente da Terra Chá, os escritores da Terra Chá... a través da poesía, o autor debuxa unha visión absolutamente poliédrica da súa comarca, cantando unha cultura que pouco a pouco vai esmorecendo, pero nela fican as nosas raigames máis fondas.
No caso de O Carro débese recordar a profunda simboloxía e o transfondo social que garda unha letra chea de ledicia e ritmo: o carro era o medio de transporte que traía a colleita pra casa, como di Manuel María; polo tanto o seu son significa fartura para unha familia labrega. Por iso o canto de O Carro é saudade desfeita en rechouchío de ledicia no ar; porque cando o carro canta, canta a ventura do porvir, como un paso decisivo cara un benestar que sempre deixou a Penélope ás portas da fartura.
O Carro esperta nos galegos o sentimento de pobo, é un dos múltiples exemplos do noso xenio creador, e no seo da parroquia era tamén sinal de identidade, xa que cada veciño imprimía ao seu carro un cantar que o definía e o caracterizaba de xeito único e inconfundible.
A min gústame encadrar o carro dentro do proceso do pan, xa que con el facíase o tránsito da sega á aira, da aira ao muíño e do muíño á casa onde era amasada a fariña con mans labregas e enfornado o pan para a súa elaboración final. O carro e a vaca (que é o animal a quen máis lle debemos os galegos, como deixou dito Castelao) eran o sustento de toda aquela economía de subsistencia na que viviron os nosos antergos.
Cantar hoxe O Carro significa facerse consciente de onde vimos, significa vibrar de emocións nas cordas dunha guitarra na que Mini e Mero debuxan un valse perfecto. Cada 8 de Setembro O Carro canta na miña alma cando entro no cemiterio vello de Outeiro de Rei ao compás da música e da verba proclamada en voces colectivas unidas na irmandade do amor a Manuel María. Este amor é o da identidade compartida, que enche O Carro de ledicias e apertas de amizade que xiran cara o porvir. Porque saber de onde vimos non significa negar o progreso, senón querer acceder a ese progreso coa identidade cultural que nos é propia. Por iso cada 8 de Setembro seguiremos anegando A Chá nun valse infindo co son de O Carro nos beizos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora