Viñedos na Mariña
Fernández, Suso - lunes, 29 de abril de 2013
Noutros tempos, a existencia na Mariña de grandes extensións de terreo dedicados ó cultivo da vide, é unha realidade histórica, verificada por numerosos documentos. Según o historiador e cronista oficial de Mondoñedo, Eduardo Lence Santar e Guitián, a causa da desaparición do viñedo por estes pagos, foi sen dúbida a filoxera e outras enfermidades que arrasaron o viñedo dos vales da rexión galega en época recente.
A principios do século XX Lence escribía: Hoxe a producción é nula por completo. Sen embargo, nos veciños vales de Lourenzá e Valadouro, e nalgunha aldea de Foz, vense fermosos parrais que producen, aínda sen coidado algún, uvas de aceptable calidade que se venden en mercados e feiras, empleándose algún en facer mosto de pésimas condicións por coller a uva en mala sazón. Para refrendar a tese da existencia de viñedos na comarca, Lence Santar recurre a diversas testemuñas: según o Padre Flórez, recoñecido historiador, o Bispo Nuño II, cuxo pontificado durou de 1261 a 1286, fundou cinco procesións anuais. Para a súa dotación sinalou a metade da igrexa de Vilaronte, os bens que lle pertencían en Abadín e Reme, atopándose entre éstes fincas de viñedos.
O Prelado don Alvaro de Isorna, natural de Foz, que gobernou a diócese de 1400 a 1415, diu orde para que os colleiteiros de viño, inmediatos a Mondoñedo, puidesen vendelo libremente no mesmo. No ano 1417, o Bispo don Gil Soutelo, fixo unhas ordenanzas beneficiosas para o pobo. Nelas mandábase que as persoas beneficiadas da Santa Igrexa, e mais veciños do concello, poidan traer á cidade todo o viño que labraren das súas viñas.
Existen moitas outras testemuñas de cómo en tempos o cultivo da vide na zona era importante. Nunha acta do 15 de outubro de 1556, do concello de Mondoñedo, o Reximento e a Xustiza acordaron que dalí en adiante o viño de Nois, Vilarmea e Vilaxoane, se venda a catro maravedises o cartal, así como o de San Martiño, Valadouro e Lourenzá Por aquelas datas, de tan exuberante viñedo ¿A Mariña tería o mesmo clima de hoxendía, ou será que o cambio climático é unha constante ó longo dos séculos?.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora