Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poética de Otero Canto

lunes, 29 de abril de 2013
Velaquí un libro singular, que recolle poesía de Xosé Otero Canto cavilada, expresada, obtida no decurso de tres viaxes en autobús, ferrocarril e avión.

Normalmente, cando viaxamos procuramos facer máis lixeiro o tempo invertido nese desplazamento colectivo contemplando a paisaxe, lendo, pensando, e mesmo durmindo, que moitas veces damos por amortizado este tempo no que necesariamente permanecemos nos nosos asentos sen a posibilidade de expresarnos como somos ou como nos sentimos, constreñidos tamén fisicamente polo reducido do espazo asignado.

Certo que eu procuro aproveitar estas viaxes - xa dixen, lendo ou durmindo- pero hai quen os aproveita moito mellor, dun xeito moito máis transcendente como queda proba neste libro que ven de Vilalba, capitalidade da Terra Chá, porque alí radica o organismo editor - o Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba-, contando co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, e porque Vilalba é a capital do que é más ca unha comarca, a Terra Chá, na que naceu e animicamente segue a residir o autor do libro que nos ocupa.

Estamos afeitos a que se fagan libros de viaxes, xeralmente a posteriori da experiencia vaixeira, pero menos a poesía viaxeira ou das viaxes, alomenos que eu saiba. Por eso me parece orixinal a concepción do libro que ven ser a expresión cordial - cordial, de corazón- das observacións do viaxeiro do que contempla ao seu arredor.

A publicación é entrañable desde o mesmo comezo coa lembranza do que ía ser prologuista, Bernardo García Cendán, que se nos foi demasiado axiña e, neste caso, sen facer o prólogo prometido, que os últimos tempos non estaba para a cousa lírica. E acae moi ben a inclusión da poética última felicitación do Nadal de Bernardo, na que conclue que "poida que estea algo tolo, pero é tolemia da boa, da amizade". Así tolea, ou debe tolear, calquera.

Entre o remate de outubro de 2010 e comezo de novembro do mesmo ano, forxouse este libro en tres viaxes, a primeira especialmente mesetaria e as outras en Polonia unha e a terceira entre Polonia e Madrid.

Son proba perfecta da vivencia poética de Otero Canto, observador inquedo e detallado de todo o que pasa á súa beira, pero son tamén proba da vida que flúe, da vida que agroma en lugares tan aparentemente inhóspitos para a literatura como o transporte colectivo, ao que adoitamos ver en conxunto, despersonalizándoo. E vemos pasar un tren, un avión, un autobús, como un todo inerte, que nos é alleo. No que non existe unha vida individual, anulada pola velocidade, polo constrenximento, polo exclusivo fin do desprazamento. E resulta que hai vida dentro desa inercia, pode florecer unha chama poética dentro do que nos parece anodino e gris. En calquera lugar, xa o dixo Bécquer, pode haber poesía. Só fai falla, coma na arpa arrumbada, unha man que saiba acariñala. So fai falla, como neste libro, unha intelixencia poética posta a disposición da poesía.

Sempre con dúas morriñas: “Sempre á túa procura”, deixado caer no medio do relato (referido á filla en terras polacas, á que van buscar), e á terra:
“As terras menos verdes
en esvaídos de montes encarnados.
Pobreza afastada.
Fóra de Galiza,
brañas luxadas de herbas secas
e viñas laboradas
entre o silencio das pedras,
torres eléctricas e o infindo...
cansiño da ollada.
Máis tristura de pequenos outeiros
e de intermitente alporizada”.

Na segunda das viaxes, a imprescindible mención do que a historia e a irracionalizade dos homes nos ten marcado:

"Sempre polo mesmo carril de ida
e volta,
ao cemiterio de nós mesmos,
no eterno retorno da luz,
onde cada luz
é o noso cadáver,
o recordo nostálxico de Auschwitz-Birkenau
no un de novembro.

E na terceira viaxe, despegamos nas ás da poesía, que este libro viaxeiro nos fai utilizar:

“Fendendo o aire nun suspiro
vanse elevando os corazóns
nos ascensores da dita,
nos cabalos alados de Pegaso
á busca do descoñecido”.

Velaquí o fermoso achado poético de Xosé Otero Cando que nos leva a Madrid, a Varsovia, a outros mundos, nas ás dunha poesía coa que voamos con moita máis seguridade que con calquera das segurísimas máquinas voadoras, coa potencia da mellor locomotora e coas comodidades do mellor autobús.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania