Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha gran muller de Vimianzo en Montevideo

martes, 30 de abril de 2013
Se nos achegamos pola rúa Helvecia do barrio montevideano de Piedras Blancas ---moi pertiño de onde remata a avenida do xeneral Flores--- seremos agasallados co sorriso de Teresa de Xan. Os que a coñecen siguen vendo nela a mesma alegría que tiña cando o 14 de marzo de 1958 desembarcou do “Juan de Garay” no porto de da capital uruguaia. No peirao agardaba o seu home, o ferreiro Ramón de Castro que chegara no ano 1955 para abrir o camiño dunha axeitada instalación familiar que incluía aos tres fillos ---de 2, 4 e 6 anos--- do matrimonio. Atrás quedaba a aldea de Señoráns [Santa María de Salto-Vimianzo] nun fermoso val soneirán da beira do río Grande.

A infancia de Teresa Domínguez Fernández non foi doada. Axiña quedou orfa. Aínda que era propietaria de boas terras tivo que traballar desde moi noviña sen os aloumiños dos pais e sen poder asistir a escola. Despois de casar e desexando que os fillos puidesen estudar é cando decide que o seu home colla o rumbo do sur na busca dun horizonte en América. Os xa establecidos en Montevideo afirmaban que alí un ferreiro ten moito traballo e aforrando uns cartiños, en pouco tempo, poderá conseguir a reunificación familiar no outro lado do mar.

Así foi que en marzo de 1958 comeza a historia emigrante dunha muller excepcional. Agora e cumpridos 55 anos do desembarco recibe unha máis que merecida homenaxe dos seus fillos que foron os beneficiarios principais do seu esforzo xeneroso. O “Salón Anacahuita” da Torre dos Profesionais foi unha emotiva festa con máis de 400 persoas aplaudindo a dona Teresa. Por desgraza non puido estar alí o ferreiro Ramón que xa leva anos falecido. Os que si estaban foron os seus orgullosos netos arroupando a unha avoa que sen dubida é unha fóra de serie. A reunión é moito máis que un cumpreanos. Quizais sexa o maior premio que pode recibir unha nai. Que os seus fillos universitarios [Constantino, Elvira e Manuel] recoñezan que grazas ao esforzo teimudo dunha emigrante que cruzou o mar, hoxe son o que son.

A miña prezada amiga Teresa non pasaba fame nin privacións na súa aldea e tampouco os seus fillos. Na festa parroquial do 15 de agosto os tres rapaces estreaban roupa e ían sempre moi ben arranxadiños. Non está ahí o problema xa que non é unha razón de tipo económico a que empurra a Teresa. No suposto de non emigrar os seus fillos serán, con case toda probabilidade, labradores. Poida que Viruca case para a casa – ten boa comenencia de leiras, prados e montes-- e que Delmiro case en Reparada e Manolo en Torelo. Entón, haberá que preguntarse que foi o que levou a Teresa ata a afastada beira riopratense da República Oriental do Uruguai. Certamente que a visión dos que non son especialistas en estudos migratorios é moi esquemática. Uns e outros repiten erros e tópicos arredor dunha historia complexa e chea de facianas.

Quero lembrar, moi de pasada, que os galegos somos un caso particular dentro das migracións xa que a inmensa maioría dos que se desprazan lonxe de Galicia son propietarios. Así é que a nosa emigrante Teresa tiña unha boa casa de pedra e terra onde cultivar e alpendres e hórreo onde gardar o millo. Era dona e señora do seu por herdanza, é dicir que os bens non eran gananciais. Haberá entón que facer un exercicio de análise psicolóxica para intentar descubrir a razón de emigrar. Ella non gañaba nada deixando a súa aldea. Eu que sinto por ela unha grande admiración podo asegurar que emigrou por sentimento ou sexa por mor dunha nobre paixón de “agarimo responsable”. Teresa pensou que ademais de moitos bicos hai que educar e formar do mellor xeito posible e para iso un título universitario é imprescindible.

A homenaxeada Teresa mira ao escenario do salón, atentamente. A guitarra de Washington Carrasco dá entrada a melodiosa voz da neta da Pastoriza, Cristina Fernández que ao igual que Carlos Gardel “cada vez canta mellor”. Aplaude forte pero a súa mente está en Señoráns [alí din Señorás] lembrando os últimos días de febreiro de 1958. Case ten gravados os pensamentos anteriores ao embarque: Eu quero moito aos rapaces e sei que aquí medrarán felices comendo o seu caldiño quente e correndo detrás dos merlos que apousen no cabazo. Se quedamos non poderei mandalos a estudar a Santiago, son moitas as pesetiñas necesarias para pagar a pensión dunha moza e dous mozos. A min chégame de abondo pero sinto que o corazón chámame “fracasada” se non lles podo dar a eles os estudos que eu non tiven. Son da idea de que unha nai debe de sacrificar os seus intereses persoais para loitar polo futuro dos seus fillos. ¡Imos entón para Montevideo! Sei que Delmiro, Viruca e Manoliño serán uns fillos honrados e traballadores; sempre e cando eu teña saúde para empurrar deles.”

Os primeiros anos de Teresa en Montevideo foron transcorrendo sen grandes alegrías nunha vella casa de alugueiro na avenida José Belloni [ex Cuchilla Grande] que fora o local dunha escola pública de ensino primario. Aquela vivenda non era un fogar e ademais ---todo hai que dicilo--- era bastante peor que a súa casa da aldea. A nosa emigrante non afogou e axiña lle cambiou a cara cando mercan na rúa Helvecia a casiña propia en terra uruguaia. Aínda que non era unha gran marabilla, foise mellorando con dous cuartos novos no fondo e cunha moi completa horta de acelgas, allos, cebolas, leitugas e tomates.

Lembro aquelas felices mañás dos domingos nos que ía na compaña dun ferreiro de Tines ---meu pai--- camiño da feira de “Cuchilla Grande”. Un amplo espazo no que era doado atopar calquera ferro ou ferramenta que andiveses buscando. A familia García-Domínguez establecía un reparto de actividades entre os cinco membros para os domingos. Fóra ían Teresa, Ramón e Manuel. Na casa quedaban Elvira e Constantino. O fillo pequeno axudaba a nai coa venda de peixe no concesionario do Mercado Municipal e o pai atendía, na feira, o seu posto de venda de ferramentas agrícolas. Na casa, a filla encargábase do xantar e o fillo maior daba clases particulares de matemáticas nun dos cuartos do fondo. Para min aqueles curmáns meus eran un trío de grandes campións que admiraba moito. Eran moi completos. Todo o facían ben e sempre animados e cheos de sorrisos. Agora e despois da homenaxe a nosa prezada dona Teresa pode certificar que a súa viaxe foi un éxito porque non cruzou o mar en balde.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES