
¿Coñece vostede algún neno que non lle gusten os animais en xeral e os bichos en particular?
Ben, pois a min tocoume de criarme no medio rural galego nunha época en que os nenos podían xogar ó aire libre e disfrutar do agarimo da familia.
Daquela, vivíase moito tempo fóra da casa en pleno contacto coa natureza.
OS NENOS NON TIÑAMOS XOGUETES, PERO INVENTÁBAMOLOS.
Aproveitábase todo para xogar: pedriñas, carabullos, arume, casca dos piñeiros, follas das árbores e incluso os bichos.
Lembro que cando facía sol os grilos, saían do seu burato no chan e alegraban a paisaxe co seu cri-cri.
Os nenos sabíamos moi ben como eran os buratos dos grilos: pequeniños, ben redondiños e profundos.
Cando atopábamos un buratiño deses, esperábamos pacientemete a que o grilo saira para apresurarnos a collelo e coidalo como se de algo da nosa propiedade se tratara.
E se non saía axiña, metíamos unha palliña polo burato e sabíamos se o grilo estaba na casa ou saira a dar un paseo polo campo.
Había veces que encontrábamos varios, e como queríamos conservalos na nosa compañía por moito tempo, era preciso habilitar un lugar para eles.
Aclarar antes de nada que non coñecíamos o plástico, nin por suposto, as grileiras plásticas que usaban os nenos da vila.
Allgunhas veces utilizábamos unha caixiña das poucas que aparecían pola casa e metíamos alí o grilo; pero cando abrías a caixa, o grilo aproveitaba a primera oportunidade e
¡adeus grilo! Ademais, mentres que estaba na caixa non podías velo.
Había que inventar algo que che permitira:
-Velo cos teus propios ollos.
-Saber se comía aquela folliña de leituga que ti lle puxeras alí con tanto cariño.
-Disfrutar da súa compañía.
-Contemplalo.
-Darlle un biquiño de vez en cando.
-Aloumiñalo...
E todo eso sen que poidera escapar.
Non sei como nin como non, pero APRENDÍN A FACER GRILEIRAS CON XUNCOS.
Non me lembro se foi algún humano o que me ensinou ou se foi a irmá necesidade a que agudizou o meu inxenio.
Seguramente sería esta última, porque se me ensinara alguén, levaríao no meu corazón por días de vida, igual que levo outro gratos recordos de moitas persoas.
O que si sei é que son capaz da facer hoxe unha grileira en poucos minutos.
A verdade sexa dita: Os nenos daquela época, tamén tivemos as nosas ventaxas.
Os que somos xubilados e xubilosos, se se nos presenta a ocasión:
-Podemos compartir cos nenos de agora as nosas vivencias.
-Podemos comparalas cas súas, pero non dicir que eran mellores nin peores, sencillamente diferentes.
-Podemos ensinarlles a facer grileiras e outros inventos.
-Podemos compartir con eles xogando os xogos de antes e máis os de agora.

COMPARTIR ENRIQUECE.
Os que peiteamos canas sabemos que os tempos cambian e a vida evoluciona constantemente.
Estou segura que vostede é unha persoa que nalgunha ocasión se parou a reflexionar sobre os nenos deste século e máis ou menos pensaría algo así:
-Eles non poden xogar cos grilos como facíamos nós, porque os absorben outras actividades.
-A eles non lles queda tempo para disfrutar cos lagartiños collidos polo rabo como facíamos nós, nin de brincar cos años, nin cos cabritos...Están cargados de actividades.
-Eles non poden beber nos regatos como facíamos nós porque agora poden estar contaminados polo purín, polo silo, pola contaminación atmosférica...
-Eles non poden xogar nas estradas porque veñen coches a moita velicidade.
-Eles gozan moi pouco do aire puro, das volvoretas, dos niños dos paxariños, das amoras das silveiras, dos grilos...
- ELES DISFRUTAN MOI POUCO DA VIDA EN FAMILIA.
-Eles teñen horarios ríxidos, moitos deberes escolares, actividades extra-escolares, moitas horas diarias de traballo e moi pouco disfrute da familia...
¿NECESITARÁN DA NOSA COMPRENSIÓN?
¿NECESITARÉMOLOS NÓS A ELES?
¿SERÍA BO PARA AMBOS POÑERSE A FACER UNHA GRILEIRA OU OUTRO INVENTO DE VEZ EN CANDO?
Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aqui o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!