Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A linguaxe e a mente

lunes, 22 de abril de 2013
Fai uns días asistín a presentación dun libro na Librería Bahía, de Foz. Foi un acto moi ameno, porque o seu autor, Xurxo Mariño, doutor en Ciencias Biolóxicas e investigador no Massachusetts Institute of Technology (MIT), na actualidade profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña, engaiolounos a todos cunha exposición entretida e, ao mesmo tempo, dun gran interese científico, pola documentación no relativo a cuestións relacionadas coa neurociencia. O libro leva o título de “Neurociencia para Julia”, Editorial Laetoli, Pamplona, 2.012.

Así como no século XX predominaron as investigacións no campo da xenética, da bioloxía do xene, penso que non é nada desventurada a previsión de que o século XXI sexa o da neurociencia, o das ciencias do cerebro (propiamente, do encéfalo), con inclusión das crenzas relixiosas (neuroteoloxía), a moralidade (neuroética), a beleza e a arte en xeral (neuroestética), e por que non, a neuropolítica, a neuroeconomía, etcétera., todo a o que o profesor Francisco Mora (catedrático de Fisioloxía Humana da Facultade de Medicina da Complutense) xa chamaba fai anos neurocultura.

Pois ben; a mencionada obra do doutor Mariño está nesta liña, da que, sen dúbida, sairán enriquecidas as referencias sobre o coñecemento verdadeiro. Máis aínda: como di o profesor Mora, chegaremos a convencernos de que “nada ocorre, nin nada existe no mundo humano, que non se filtrara e elaborara polo cerebro”.

A pregunta fundamental está aí: Ata onde podemos afirmar que a realidade, tal e como a coñecemos, incluso descrita pola ciencia, é REALMENTE real?. Acaso estamos en presenza dunha realidade VIRTUAL?. Se “todo iso é a creación do teu encéfalo, unha recreación virtual da parte do mundo coa que estás interacionado” (Dr. Mariño), ¿cómo nos atrevemos a poñer nas mans da ciencia, en exclusiva, en redución, esas cuestións fundamentais que se formulan acerca do sentido da nosa vida?. Porque...sempre haberá unha realidade REAL que fundamente esta visión virtual desa parte coa que estamos en contacto.

Así pois, a RACIONALIDADE científica traballará con plena autoridade no campo da realidade “virtualizada” polo noso cerebro (enténdase encéfalo); pero, a vez, é precisamente a que impulsa ao home/ á muller a ir máis adiante, sen garantías científicas, ¡claro...!, establecendo RAZOAMENTOS xustamente nun marco onde a ciencia, en virtude dun rigor que a acredita, pouco ten que dicir.

Vaiamos agora, con esta introdución, a esa relación entre a linguaxe e a mente, embarcados con outra singradura: A determinada polo non esquecemento de que aquela inflúe na construción desta, porque, como din os neurocientíficos, “a actividade mental consciente cabalga ao lombo da linguaxe”.

A este respecto, Xurxo Mariño ofrécenos un experimento da profesora Lera Boroditsky, especializada en linguaxe e cognición, nunha comunidade aborixe do Norte de Australia, os PORMPURAAW. Esta comunidade está sempre pendente da orientación espacial, precisamente por razóns lingüísticas. Eles non sitúan as cousas con relación ao corpo, o mesmo que nosoutros, e, por conseguinte, como non teñen a terminoloxía apropiada, non din, por exemplo, “pásame o boli que tes a túa DEREITA”, senón “pásame o boli que está ao SUROESTE”, xa que están orientados polos puntos cardinais.

Isto ofrécenos situacións moi curiosas. Imaxínense que queren dispor os servizos duns comensais na mesa ao noso estilo. Se desexan poñer o coitelo na dereita e o garfo na esquerda de cada comensal téñeno moi difícil, porque non utilizan esta linguaxe. Así, os que están no sur da mesa deben ter o coitelo cara ao este, e o garfo, cara ao oeste. E os que están no norte da mesa?. Aquí hai que inverter a colocación.

O experimento da profesora Boroditsky é transcendental incluso para ver como entenden o paso do tempo. Imaxinemos agora como ordenamos nosoutros, habitualmente, unhas fotos, que queremos mostrar a unha persoa, de varias etapas da nosa vida: Xeralmente poñémolas estendidas nunha mesa da esquerda á dereita, calquera que sexa a nosa posición respecto os puntos cardinais, seguindo o sentido en que escribimos. Eles, cunha lóxica rigorosa, sempre de este a oeste, porque a foto máis antiga corresponde a unha maior xuventude e esta debe aproximarse ao nacemento do sol, e a máis recente, que corresponde a unha maior idade, debe poñerse máis á oeste, ou posta do sol: dende o orto cara ao ocaso da vida, respectivamente.

Entón, as persoas que falan idiomas distintos teñen tamén mentes diferentes?. Non o dubiden, esta é unha pregunta que se fan os antropólogos, lingüistas e psicólogos. Hai, segundo parece, algunhas investigacións que abonan a teses de que o idioma que falamos pode determinar a percepción de realidades distintas: Os rusos perciben a cor roxa, e sobre todo o azul, de forma distinta a nosoutros, porque, coma os esquimós coa neve, teñen nomes distintos para designar matices que nosoutros non percibimos.

Esperemos que a neurociencia vaia abrindo brecha nesta leira e axude a entender mellor algunhas cuestións escuras hoxe en día, aínda que a linguaxe coloquial tamén apunta unha vía semántica parecida cando se di, despois de ouvir os políticos, que semellan non falar a mesma lingua, porque teñen concepcións mentais moi diferentes: Non se entenden e parece coma se non pertenceran a mesma comunidade!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES