Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ofelia Díaz de Piñeiros-Narón

viernes, 19 de abril de 2013
Eu estaba recén chegado a Piñeiros, a esta nosa Parroquia, que comezabamos caladiñamente entre todos en xuño do 1968. Só na catequese, entre miudiños e adolescentes, eran perto de 200 en total. Sería xa polo Nadal. Aínda hoxe non sei por que aquel neno miudiño se me achegou sorrindo e me dixo moi en segredo:“Tere é venezolana porque naceu en Uruguai”. Eu fiquei coa copla. Desde ese día xa non esquecín a cara daquela rapaciña, que nacera fóra, e que escasamente tería cinco anos.

Con estes antecedentes, pola filla, coñecín a Ofelia, e por suposto falamos da República Oriental del Uruguay, “La Suiza Americana”, chamada así polo seu talante democrático, cando aquí estabamos no máis recio da ditadura con feitos de arrepío na memoria ben viva do pobo, afogada en bágoas en toda esta bisbarra e en Piñeiros moi en particular. Abonda con recordar ao “tenente Torres”.

Eles estaban chegados da pouco e eu tamén. Pero eles coñecían isto e eu non. Por iso fun cultivando o seu trato pois ofrecíame interés as opinións e o pensamento que deixaban entrever.

Pasaron moitas cousas en moi pouco tempo. Un día ofreceron en Cáritas a oportunidade de ir a uns cursiños a Madrid para afrontar a problemática dos anciáns e dos maiores en xeral. Propúxenllo. Non eran tempos doados para desprazamentos para unha muller soa sen ir coa familia e menos sen a parella. Pero a Ofelia pareceulle ben a idea e aos dela tamén.

Cando volveu, aquela muller traía a ilusión nos ollos. Había proxectos na súa cabeza e unha decisión firme no seu corazón de dedicar moito da súa vida a traballar a prol dos demais.

Eu son máis de propor e compartir ideas cos demais e, logo, que cada un as leve adiante con plena liberdade sen estar sempre a carón nunha tutela afogante coma cos eternos menores de idade. Se a min me gusta que me deixen pensar e facer, aos que andan comigo pásalles o mesmo. Por veces tenme dito alguén se non teño medo a levar un fracaso por confiar nas persoas. Prefíroo así e non andar con ninguén pola corda. Iso xa o facía o sistema que estabamos a padecer.

Ofelia foi creando un grupo cada vez con máis iniciativas, pero sempre dentro dunha grande relación de colaboración entre diversos sectores da parroquia. Se había algo novo, iámolo falando e entre todos nos apoiabamos sen interferir na responsabilidade de cada quen e sen poñernos trampas no camiño. Xa é dura a vida sen ter que complicala máis.

Logo fomos creando clima para naceren A Asociación Cultural Areosa, a Asociación de Veciños, a APA dos pais e nais do Feal, o local de Freixeiro, o grupo das mulleres, as excursións, os cursiños de iniciación ao galego, etc. Todos estabamos en todo pero cada quen lideraba a súa parcela con autonomía, moita comunicación e un grande respecto. Teño que dicir que como cura nunca me entorpecestes o labor, aínda sabendo que me tachaban de non ser adicto ao réxime. Pero tamén fun consciente de non implicar nunca a ninguén en algo que lle trouxese problemas á súa vida persoal ou familiar.

Se hoxe se celebra esta homenaxe é porque a obra de Ofelia e dos vosos grupos tiveron sempre vida propia, situados en lugares civiles e independentes. Podiamos aproveitar a parroquia para nacer. Pero o casado casa quere, e, se de verdade quere ser libre, ten de facer vida de seu. Por outra parte tampouco nós tiñamos casa propia.

Non podo esquecer a fidelidade e valentía de Ofelia e dun grupo de veciños cando o espolio a María del Carmen López Novo. Coa axuda do Consello de familia, Ofelia foi a excelente titora que acompañou nunha longa traxectoria, na paz e na tranquilidade, a unha veciña enferma para que ninguén especulase xa máis co reparto da “capa do pobre” simplemente porque non sabe defenderse. Quen loita pola xustiza, sen nada a cambio, merece un monumento. Ofelia, sempre aí, a pé firme e marcando pasos.

Nesta homenaxe de hoxe queremos recoñecermos a mellor historia de Ofelia. Unha persoa íntegra, que soubo estar sempre onde a súa conciencia de axuda aos demais lle foi indicando en cada etapa da súa vida. Tivo iniciativas, listeza, intuición e peso de muller de ben. Evolucionou cos tempos desde o diálogo, con autoridade, sen deixarse vencer polo desalento nin casarse con intrigas de malas artes.

Grazas Ofelia e grazas á túa familia. Grazas público. Grazas aos grupos e persoas de Piñeiros que sondes capaces de crear sempre vida incluso cando a vida se presenta con dificultades. Hoxe, máis do que nunca, un exemplo a seguir. Parabéns!

Pola miña parte fun sempre moi feliz aquí entre vós. Por iso volvo sempre con emoción. Moitas grazas.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES