Sarela ou o Río da Vida
Viana, Xavier - viernes, 19 de abril de 2013
Sarela naceu o pasado sábado 13 de abril ao mencer. Chegou a luz con ela. Foi o primeiro dia de sol desta primavera do ano 2013. Cando a xente falaba das lúas como condicionantes do alumbramento, a natureza, que non entende de culturas e crenzas humanas, fixo o seu traballo cunha perfección sublime.
Existe un libro recente (editado en setembro de 2012), extraordinario, de Juan Luis Arsuaga titulado El primer viaje de nuestra vida, que nos achega a evolución humana a través dese paso inicial que é o parto. É un documento que procura dar resposta a tantas incógnitas existentes sobre este primeiro e trascendental camiño que emprendemos coa cabeza como abandeirada.
Rematado o parto a placenta fica soa no paritorio do Hospital Comarcal de Monforte. As atencións son para a nai e mais para o recén-nacido, como é lóxico. O protocolo sigue todos os rituais establecidos pola ciencia médica do noso tempo: comprobación do estado da nai e do bebé coas probas e test correspondentes, aplicación das medidas sanitarias para unha pronta recuperación da parturenta e para un pronto desenvolvemento da nena e unión de novo das dúas o bebé é colocado no ventre da nai. A matrona identificou esta inmediata reagrupación como a hora de ouro. A separación física tras o corte do cordón umbilical é reconstituida simbólicamente polo contacto da pel, que, ademais, constitúe un feito imprescindible para a estabilidade e seguridade emocional da nai e da filla no momento do nacemento.
Só a ollada maravillada do observador, acompañante da nai no parto, e as palabras emocionadas da xinecóloga xenérase durante o embarazo, recuperan a presenza daquelo. A placenta garda tantos segredos que tentar descifrar todo canto significa é procurar na esencia mesma da nosa existenza como seres humanos. Nos hospitais occidentais desaparece nalgún espazo adicado ao refugallo, pero non é así en todos os lugares do mundo. É habitual que sexa enterrada con carácter sagrado, como semente e froito da continuidade da tribo. Como deixou escrito (1905) H.R. Voth sobre o pobo amerindio dos Oraibi (Arizona) gárdanas para sempre, baixo terra, na Colina das Placentas. Non é un caso aillado.
Os rituais relacionados co cordón umbilical non son a mesma cousa. Representan unha separación interpretada de xeito ben diverso polos humanos, nas súas respectivas culturas. Dende o corte feito con útiles diferentes segundo o seu sexo ata o instrumental esterilizado propio dun quirófano. O sangue do cordón umbilical ten especial valor no tratamento e investigación para a curación de diferentes doenzas (igual que a placenta), aínda que alguén, nas oficinas centrais do servizo galego de saúde, decidiu que os nacidos no Hospital de Monforte carecen desa capacidade. Non é posible facer unha doazón para a súa utilización no beneficio de persoas que o precisan. Só unha sociedade decadente se pode permitir prescindir de recursos para a sanación humana no nome dos custos monetarios.
É posible que a elección do nome sexa o primeiro rito de iniciación. Nas nosas sociedades contemporáneas son os pais, ou un deles, quenes o deciden en exclusividade, moitas das veces antes sequera do propio nacemento. O nome ten un significado e unha fonética que tradicionalmente están vinculados coas características da nena ou neno no momento de ver a luz por primeira vez ou, noutros casos, ao status, posición social, crenzas relixiosas ou ideas políticas da familia e comunidade do recén-nacido. Co nome somos individualizados e agregados a un grupo social que nos recoñece. Sarela é unha corrente de auga pequena, regato, na fala dos nosos devanceiros, dos habitantes destas terras antes da imposición do latín por parte dos romanos.
A importancia da muller para os grupos humanos non patriarcais pode identificarse nos ritos propios do parto, que lle permiten reintegrarse na sociedade á que anteriormente pertencía asengurándolle unha nova posición, nomeadamente se é primeriza. No Hospital Comarcal de Monforte despois de pasar polo cuarto de traballo, parto e recuperación dilatación, só trasladada durante uns minutos á estancia coñecida como paritorio no momento final do alumbramento, comezan unha serie de rituais de exaltación da fertilidade feminina. As estancias despersonalizadas dos hospitais son humanizadas polos visitantes, amigos e parentes, que coa súa simple presenza admiran á muller como fonte de vida. Os agasallos, doces, flores, plantas, son os principais elementos utilizados para elo. Porque a fecundidade das mulleres foi sempre obxecto de sacralidade: os baños das sete ou nove ondas en diferentes praias galegas (A Lanzada ou Praceres-Lourizán), a rosa de Xericó, o bautismo anticipado na ponte da Ramallosa (Rio Miñor) ou diferentes tabús alimentares son boa mostra delo. Curiosamente, a dinámica social destes días é verdadeiramente hostil coa infancia e, por extensión, coa maternidade. Por elo, as nais son verdadeiras heroinas, loitadoras contra a orde establecida, contra a misoxinia satánica do economicismo, que deciden escachar xestando, criando e educando aos seus fillos e fillas.
A admiración polas mamás, despois de ter o privilexio de acompañar á Cris entre contracción e contracción ata o momento do alumbramento da Sarela, é agora infinitamente maior. É unha experiencia irrepetible, pero tamén dura, moi dura. A satisfacción do bebé nas maos debe ser, probablemente, o motivo do rápido esquecemento da dor que acaban de pasar. A grande capacidade humana e o extraordinario coñecemento sanitario de Mónica (matrona), Ana (xinecóloga) e Pilar (enfermeira) permítenos afirmar, sen temor a cair na exaxeración, que o Hospital Comarcal de Monforte é o mellor centro sanitario do mundo para parir. Pode existir algún que o iguale, pero superalo é honestamente imposible. A súa paixón, entrega e bondade ficarán sempre na nosa memoria como recoñecemento e agradecemento.
Se o acompañante, ademais, é o pai da nena entón a experiencia convértese nun namoramento. Amor á vida por ter contribuido ao nacemento dunha persoa. Amor porque a Sarela sexa, algún dia, boa e xenerosa.
E que continúe, emocionada, co rio da vida. Ese é o seu nome.

Viana, Xavier